O 21 de xuño demos por finalizado o proxecto Patio con (vida) por este curso, pero xa realizado dentro temos todo preparado pra continuar o vindeiro curso.
O proxecto Patio con(vida) realizouse ao abeiro dos programas Proxecto Terra, do Plan Proxecta e estableceu sinerxias co proxecto Educación Patrimonial, tamén do Plan Proxecta (que tiña por obxecto o estudo da historia do instituto e o estudo dos aspectos históricos das plantas) e o PFPP, O IESP de Ames: un espazo sostible e seguro (que ten por obxecto principal a sostibilidade e a loita contra a crise climática). O proxecto tamén se encadrou na temática deste ano das bibliotecas escolares, Xeografías lectoras.
Podedes ver un resumo de todo o que fixemos premendo nos diferentes enlaces que vos ofrecemos a seguir.
O proxecto comezou cunha actividade na que os alumnos e alumnas re-descubriron o eido do centro que podedes ver aquí e aquí, e continuou cun estudo arqueolóxico do lixo no centro como paso previo para iniciar unha campaña de concienciación da necesidade de manter o noso centro e o seu eido limpo, cuxos resultados podedes consultar aquí e aquí. Este traballo previo foi fundamental para o traballo que logo realizou o equipo de observación e xestión do lixo no centro e que podedes ver aquí e aquí.
En relación co problema do lixo en particular e da emerxencia climática en xeral tamén se realizou unha campaña de explicación da crise climática co gallo da celebración do Día Internacional da Terra o 22 de abril.
Os alumnos e alumnas observaron os cambios na natureza ao longo de todo o curso. Aquí podedes ver as características da natureza do eido en outono, inverno, primavera e verán. E creamos un grupo de voluntarios de observación da natureza.
No eido do centro rexistramos 111 plantas. Podedes consultar aquí o catálogo de plantas, aquí a análise estatística da distribución de plantas nas pradeiras, aquí un estudo preliminar das plantas, aquí un estudo dos usos das plantas, e aquí un vídeo con algunha desas plantas.
.Os rapaces e rapazas tamén realizaron arte no eido do centro, debuxando do natural, creando Land Art, facendo esquemas compositivos e mandalas, creando debuxos realistas, científicos, infantiles e doutros tipos e elaborando modelos 3D das flores.
No eido do centro rexistramos 15 insectos e arácnidos, 22 aves 3 mamíferos e 1 réptil. Podedes consultar aquí a información sobre as aves. Ademais, os alumnos e alumnas desfrutaron dunha charla sobre a importancia dos morcegos para o equilibrio medioambiental. As fotos a seguir están tomadas da Wikipedia xa que aínda non puidemos facer nós fotografías das aves con suficiente calidade.
Como parte do proxecto tamén instalamos unha estación meteorolóxica no eido do centro que nos permite compartir a información recadada con toda a comunidade a través de Internet.
Ningún comentario:
Publicar un comentario