Amosando publicacións coa etiqueta Actividades da biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividades da biblioteca. Amosar todas as publicacións

19/06/26

Feliz verán de lecturas 2026!

Xa chegamos ao remate do curso 2025/2026... mais non marchedes sen botar unha ollada ás recomendacións de lecturas para o verán realizadas pola microrrede de bibliotecas escolares do municipio de Ames. Hai suxestións para todas as idades!

Na biblioteca tedes un exemplar de cada un dos recursos recomendados así que podedes pedir o que vos guste en préstamo para o verán. Tamén tedes á vosa disposición bibliografía moi interesante sobre astronomía e sobre os eclipses para que esteades perfectamente informados para o eclipse solar do 12 de agosto. E se ningún destes vos atrae, tedes moitos máis onde escoller na biblioteca. Animádevos!

Desexámosvos un moi feliz verán de lecturas e agardamos vervos en setembro!




18/06/26

Solsticio de verán

Despois da celebración dos Maios, xa estamos ás portas do verán, así que, que mellor para poñer o ramo ao curso que facelo cun ramo de San Xoan para celebrar o solsticio de verán? Se queres facer o teu propio ramallete na casa podes consultar os libros que temos na biblioteca sobre flora galega e, mais especificamente, as herbas de San Xoan.


E pechamos o curso como o comezamos, con refráns do verán, engadindo algúns novos que fomos recollendo ao longo do curso aos que tiñamos ao comezo. Sabes ti algún diferente? Non dubides en comunicárnolo a través da caixa de suxestións!

Horta e invernadoiro

Durante este curso o alumnado de 1º e 2º de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais creou unha horta no eido do instituto. Esta horta dividiuse en dous espazos, un socalco á beira da arquitectura viva e un invernadoiro na zona Sur do eido.

Mirade que boa colleita!

Mais, isto foi comezar polo tellado. Contámosvos aquí o proceso de creación da horta desde outubro de 2025 ata obter os resultados que vistes na anterior fotografía.

En outubro comezaron os labores de acondicionamento do terreo e de montaxe do invernadoiro



Continuaron os traballos no invernadoiro e en decembro xa estaba creado o bancal interior e instalada a mesa de sementeira, para ter as plantas ben protexidiñas na estación invernía.


En marzo foi instalado o rego por goteo e comezaron a nacer as sementes.




En abril comezou a preparación do socalco exterior no SL do eido, ao lado da arquitectura viva.




En maio a horta comezou a verse vizosa, co sistema de rega automatizada por goteo xa en marcha nos días de calor.




En xuño xa comezou a colleita: as acelgas foron as primeiras, seguidas de cabaciñas e outras hortalizas que iran madurecendo ao longo dos meses de verán.

Moitos parabéns ao profesorado e alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais por este excelente e saboroso traballo!

17/06/26

Clausura de Patio con(vida) VI

Durante o curso 2025-2026 continuamos co rexistro da biodiversidade no eido do centro, dentro do noso programa Natureza cotiá, e seguimos atopando novas sorpresas.

Durante este curso demos por rematada a observación da pradeira natural pois déuselle un novo uso á area polo alumnado de Agroxardinería. Comezamos un novo ciclo de pradeira natural cun espazo situado no Sur do eido.

Continuamos coa catalogación da biodiversidade do eido do centro e da charca. O número de especies catalogadas segue en aumentando e xa contamos con 253, mais cada vez vai aumentando a un ritmo máis lento (8 especies este curso), pois xa son moitas as especies que temos catalogada. 

Durante este curso foron catalogadas seis especies de plantas ventureiras (Phytolacca americana, Eupatorium cannabinum, Verbascum pulverulentum, Polygala vulgaris, Linaria triornithophora, e mesmo unha Fragaria vesca - amorodo bravo-).

Tamén observamos diferenzas dentro de especies xa catalogadas, por exemplo unha Lamium maculatum hipocromática, é dicir, un exemplar que experimentou unha alteración xenética que provocou a perda dos seus pigmentos habituais, dando lugar a flores brancas en lugar do característico ton morado.


Durante este curso non foron censadas novas aves, mais si se incorporaron dúas novas especies de insectos  (Ruspolia nitidula e Polyommatus icarus).  

Continuamos a análise das características biolóxicas e físico-químicas da charca, observando un aumento da eutrofización por mor da calor e sobrecrecemento vexetal, mais continua a ser un refuxio de biodiversidade.

Tamén continuamos a observar a fauna que visita a fraga NW coa cámara de detección de movemento (coa que volvemos documentar as mesmas especies que nos cursos anteriores), e a facer o seguimento do proceso de cría de aves coa cámara Green Feathers instalada nunha caixa-niño. Desta volta non aniñou ningunha ave, aínda que si volveron explorar a caixa-niño unha parella de Ferreiro real (Parus major) e unha parella de Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus). O motivo de que non aniñara ningunha ave foi que se adiantou un abellón (Bombus terrestris) poñendo alí o seu niño.

A diferenza das abellas e avespas, os abellóns non constrúen unha estrutura elaborada desde cero, senón que aproveitan cavidades preexistentes (en buratos abandonados por roedores no chan, debaixo do follato, en ocos nos troncos e nas árbores, e en caixas-niño que tiveron unha ocupación anterior.

No seu interior constrúen unha pequenas "copas" ou "oliñas" de cera e pole para almacenaxe de alimentos e abrigo de larvas. 

Na primavera a raíña fundou o niño e depositou as primeiras larvas. As novas xeracións foron nacendo e incorporándose ás tarefas de mantemento.

Puidemos observar como foi medrando o niño ata case pechar a entrada e mesmo saír material polas zonas de unión.

As obreiras entraban e saían constantemente na súa actividade de forraxeo de pole e néctar. O pole é transportado pegado nas súas patas traseiras (unhas "boliñas" amarelas ou laranxas) para alimentar as larvas, mentres que o néctar lévano no estómago para producir o mel que consome a colonia.


Aprendemos moito sobre a vida dos abellóns mais non puidemos rematar o ciclo de observación pois a caixa-niño foi vandalizada no mes de maio, polo que non puidemos observar o abandono do niño en outono. 

O equipo levou un gran desgusto por moitas razóns, porque non puido rematar de observar o ciclo do abellón, porque non puido analizar os tres anos de ocupación da caixa-niño, como tiña pensado facer en outubro, así que os abellóns marcharan e porque resulta moi triste ver que por ignorancia ou falta de conciencia ambiental se destrúe o medio de vida destes polinizadores tan importantes para o equilibrio medioambiental. Con todo, imos seguir observando a natureza, contribuíndo ao desenvolvemento ecosocial do eido do centro e concienciando sobre a necesidade de respectar a natureza da que formamos parte.

Os resultados das observacións foron publicados en tres aplicacións de ciencia cidadá: I-naturalist, Merlin e Weathercloud.

Durante este curso continuouse o mantemento da arquitectura viva realizando a poda en outono. Ademais os vimbios (Salix viminalis) podados foron empregados nas composicións florais realizadas polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería, contribuíndo así a unha economía circular sostible. También foi empregada a Wisteria sinensis, unha planta ornamental moi abundante ao longo do muro situado ao Leste do eido.


15/06/26

Baralla de emocións

Dentro do programa Lectura e familias e en colaboración co programa Biblioteca creativa foi creada unha baralla de emocións

Esta baralla está formada por 44 tarxetas individuais que representan cadansúa emoción por medio dunha imaxe e a súa definición. A baralla será empregada o vindeiro curso en titorías e na aula de convivencia para facilitar que o alumnado poida falar das súas emocións.

13/06/26

O grupo de lectura Viaxe a ítaca chega ao seu destino

Estamos chegando á fin do curso e tamén ao peche dos diferentes grupos do noso Club de lectura Bibliolocus. Xa tivemos a foliada final do grupo de cantigas e pandeiretas e do grupo de danza galega, tamén o roteiro de clausura do Club de lectura Paroliñas, as actividades para os participantes nos diferentes grupos de lectura como o intercambio territorial á Costa da Morte, a excursión ao Parque Natural das Fragas do Eume ou a visita guiada e teatro nas Torres de Altamira.

O grupo de lectura Viaxe a Ítaca, chegou ao seu destino por este curso e para poñer o ramo a esta travesía ao longo do curso queren compartir connosco os seus cadernos de viaxe literaria:



Excelente traballo!! Desexámosvos que sigades desfrutando do camiño no próximo curso!

10/06/26

Visita ás Torres de Altamira

O día 10 de xuño alumnado de 3º ESO F, 4º ESO F, 1º de bacharelato, 1º FP Básica de Agroxardinería e composicións florais, e 1º FP Básica de Perruquería e estética, e o alumando do Club de lectura, visitou as Torres de Altamira, en Brión, como parte do programa de Educación Patrimonial, do Plan Proxecta, e en colaboración coa Asociación de Patrimonio de Brión.

O grupo realizou unha visita guiada polo xacemento da man de Mar Bóveda e Luciano López, da Asociación de Patrimonio de Brión, e asistiu a unha representación teatral a cargo de Os Quinquilláns, sobre a historia do castelo e as persoas a el asociadas.  

Dámoslle as grazas e un forte aplauso a Asociación de Patrimonio de Brión e a Os Quinquilláns, por achegarnos dun xeito tan ameno e interesante ao patrimonio da nosa contorna!





09/06/26

Transformación da biblioteca no curso 2025-2026

Durante este curso continuamos coas accións de transformación da biblioteca iniciadas o pasado curso 2024-2025.  

Desta volta fixemos as seguintes mudanzas: creación dunha zona de mostrador de atención ao público, renovación dos armarios de almacenaxe, substitución dos antigos estantes con cristal e que tapaban parcialmente as ventás por estantes abertos respectando o espazo das ventas, incorporación dunha mesa alta para o recanto creativo, e creación dunha zona de radio aberta complementaria ao estudo de radio pechado que xa tiñamos no soto.  Agardamos que estas transformacións sexan do voso agrado! 

Aínda quedan cousas para facer o vindeiro curso, mais agardamos que sexan mudanzas menores e xa poidades localizar e acceder con facilidade aos fondos bibliográficos da biblioteca. Ao comezo do vindeiro curso teremos, coma cada ano, unha semana de portas abertas con actividades para que coñezades a biblioteca e o seu funcionamento.

Coma sempre, os vosos comentarios e suxestións son máis que benvidas!

Estantes abertos

Vista xeral da biblioteca

Recanto musical

Investigación, traballo cooperativo e uso de ordenadores

Ludoteca

Zona de lectura informal

Zona de lectura informal

Radio na biblioteca

Radio de Polos creativos fóra do espazo da biblioteca

Recanto creativo

Polos creativos fóra do espazo da biblioteca

RecantoPro para as conversas con persoas relatoras e autoras

Polos eclipsados

O vindeiro 12 de agosto terá lugar unha eclipse total de Sol, visible desde algunhas zonas de Galicia, aínda que non será posible facelo desde Bertamiráns, onde só se poderá observar a eclipse parcial. O fenómeno producirase a última hora da tarde, arredor das 20:30, cando o Sol se atope a uns 12º sobre o horizonte. A través do portal do Instituto Geográfico Nacional pódese consultar con detalle desde que lugares será visible e o horario previsto.

Coa vista posta neste acontecemento astronómico, o alumnado do Club de Ciencia estivo a traballar durante os meses de maio e xuño para formarse como Guías da Eclipse, empregando os materiais proporcionados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional dentro do proxecto Polos Eclipsados.

 

Tras unha primeira sesión de formación teórica, centrada en aprender a observar unha eclipse de maneira segura, o alumnado pasou á parte máis práctica do proxecto, desenvolvida na aula de Polos Creativos. Alí realizaron as seguintes actividades:

A Eclipse na túa man

O alumnado imprimiu coa impresora 3D as pezas dunha maqueta da eclipse e montouna incorporando un pequeno circuíto cun LED que simulaba a luz do Sol (aquí pódense ver os vídeos da impresión dalgunhas pezas da maqueta). Grazas a este modelo puideron observar como, cando o Sol, a Lúa e a Terra se aliñan, a sombra da Lúa se proxecta sobre unha zona concreta da superficie terrestre. 

      

 Esta actividade permitiulles comprender mellor o fenómeno e prepararse para explicarllo ao público, converténdose en auténticos divulgadores científicos de cara ao evento do verán.

O ceo na túa man

A noite do 12 de agosto será unha excelente ocasión para observar as Perseidas, xa que o ceo estará especialmente escuro debido á presenza de lúa nova. Para velas, deberemos mirar cara ao norte, onde se atopa a constelación de Perseo. Podemos localizala facilmente buscando primeiro a Estrela Polar, situada na constelación da Osa Menor. Unha vez identificada, só teremos que dirixir a mirada cara ao nordés e, cando os nosos ollos se adapten á escuridade, comezaremos a distinguir as estrelas fugaces.

Co obxectivo de facilitar o recoñecemento dalgunhas constelacións, o alumnado do Club de Ciencia elaborou nesta actividade un cubo de cartolina no que se imprimiron varias delas nas súas caras. No interior, montaron un pequeno circuito cun LED e cinta condutora, que permite iluminar os puntos correspondentes ás estrelas e visualizar como brillan no cubo.

       

 
En conxunto, este proxecto permitiu ao alumnado achegarse a observación do ceo dun modo creativo e práctico reforzando o seu interese pola astronomía e pola experimentación científica.

O vindeiro curso, se as condicións meteorolóxicas o permiten, poderemos usar o noso telescopio astronómico para seguir aprendendo sobre o ceo. Mais iso xa será no curso 2026-2027!