Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Terra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Terra. Amosar todas as publicacións

18/06/26

Solsticio de verán

Despois da celebración dos Maios, xa estamos ás portas do verán, así que, que mellor para poñer o ramo ao curso que facelo cun ramo de San Xoan para celebrar o solsticio de verán? Se queres facer o teu propio ramallete na casa podes consultar os libros que temos na biblioteca sobre flora galega e, mais especificamente, as herbas de San Xoan.


E pechamos o curso como o comezamos, con refráns do verán, engadindo algúns novos que fomos recollendo ao longo do curso aos que tiñamos ao comezo. Sabes ti algún diferente? Non dubides en comunicárnolo a través da caixa de suxestións!

Horta e invernadoiro

Durante este curso o alumnado de 1º e 2º de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais creou unha horta no eido do instituto. Esta horta dividiuse en dous espazos, un socalco á beira da arquitectura viva e un invernadoiro na zona Sur do eido.

Mirade que boa colleita!

Mais, isto foi comezar polo tellado. Contámosvos aquí o proceso de creación da horta desde outubro de 2025 ata obter os resultados que vistes na anterior fotografía.

En outubro comezaron os labores de acondicionamento do terreo e de montaxe do invernadoiro



Continuaron os traballos no invernadoiro e en decembro xa estaba creado o bancal interior e instalada a mesa de sementeira, para ter as plantas ben protexidiñas na estación invernía.


En marzo foi instalado o rego por goteo e comezaron a nacer as sementes.




En abril comezou a preparación do socalco exterior no SL do eido, ao lado da arquitectura viva.




En maio a horta comezou a verse vizosa, co sistema de rega automatizada por goteo xa en marcha nos días de calor.




En xuño xa comezou a colleita: as acelgas foron as primeiras, seguidas de cabaciñas e outras hortalizas que iran madurecendo ao longo dos meses de verán.

Moitos parabéns ao profesorado e alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais por este excelente e saboroso traballo!

17/06/26

Clausura de Patio con(vida) VI

Durante o curso 2025-2026 continuamos co rexistro da biodiversidade no eido do centro, dentro do noso programa Natureza cotiá, e seguimos atopando novas sorpresas.

Durante este curso demos por rematada a observación da pradeira natural pois déuselle un novo uso á area polo alumnado de Agroxardinería. Comezamos un novo ciclo de pradeira natural cun espazo situado no Sur do eido.

Continuamos coa catalogación da biodiversidade do eido do centro e da charca. O número de especies catalogadas segue en aumentando e xa contamos con 253, mais cada vez vai aumentando a un ritmo máis lento (8 especies este curso), pois xa son moitas as especies que temos catalogada. 

Durante este curso foron catalogadas seis especies de plantas ventureiras (Phytolacca americana, Eupatorium cannabinum, Verbascum pulverulentum, Polygala vulgaris, Linaria triornithophora, e mesmo unha Fragaria vesca - amorodo bravo-).

Tamén observamos diferenzas dentro de especies xa catalogadas, por exemplo unha Lamium maculatum hipocromática, é dicir, un exemplar que experimentou unha alteración xenética que provocou a perda dos seus pigmentos habituais, dando lugar a flores brancas en lugar do característico ton morado.


Durante este curso non foron censadas novas aves, mais si se incorporaron dúas novas especies de insectos  (Ruspolia nitidula e Polyommatus icarus).  

Continuamos a análise das características biolóxicas e físico-químicas da charca, observando un aumento da eutrofización por mor da calor e sobrecrecemento vexetal, mais continua a ser un refuxio de biodiversidade.

Tamén continuamos a observar a fauna que visita a fraga NW coa cámara de detección de movemento (coa que volvemos documentar as mesmas especies que nos cursos anteriores), e a facer o seguimento do proceso de cría de aves coa cámara Green Feathers instalada nunha caixa-niño. Desta volta non aniñou ningunha ave, aínda que si volveron explorar a caixa-niño unha parella de Ferreiro real (Parus major) e unha parella de Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus). O motivo de que non aniñara ningunha ave foi que se adiantou un abellón (Bombus terrestris) poñendo alí o seu niño.

A diferenza das abellas e avespas, os abellóns non constrúen unha estrutura elaborada desde cero, senón que aproveitan cavidades preexistentes (en buratos abandonados por roedores no chan, debaixo do follato, en ocos nos troncos e nas árbores, e en caixas-niño que tiveron unha ocupación anterior.

No seu interior constrúen unha pequenas "copas" ou "oliñas" de cera e pole para almacenaxe de alimentos e abrigo de larvas. 

Na primavera a raíña fundou o niño e depositou as primeiras larvas. As novas xeracións foron nacendo e incorporándose ás tarefas de mantemento.

Puidemos observar como foi medrando o niño ata case pechar a entrada e mesmo saír material polas zonas de unión.

As obreiras entraban e saían constantemente na súa actividade de forraxeo de pole e néctar. O pole é transportado pegado nas súas patas traseiras (unhas "boliñas" amarelas ou laranxas) para alimentar as larvas, mentres que o néctar lévano no estómago para producir o mel que consome a colonia.


Aprendemos moito sobre a vida dos abellóns mais non puidemos rematar o ciclo de observación pois a caixa-niño foi vandalizada no mes de maio, polo que non puidemos observar o abandono do niño en outono. 

O equipo levou un gran desgusto por moitas razóns, porque non puido rematar de observar o ciclo do abellón, porque non puido analizar os tres anos de ocupación da caixa-niño, como tiña pensado facer en outubro, así que os abellóns marcharan e porque resulta moi triste ver que por ignorancia ou falta de conciencia ambiental se destrúe o medio de vida destes polinizadores tan importantes para o equilibrio medioambiental. Con todo, imos seguir observando a natureza, contribuíndo ao desenvolvemento ecosocial do eido do centro e concienciando sobre a necesidade de respectar a natureza da que formamos parte.

Os resultados das observacións foron publicados en tres aplicacións de ciencia cidadá: I-naturalist, Merlin e Weathercloud.

Durante este curso continuouse o mantemento da arquitectura viva realizando a poda en outono. Ademais os vimbios (Salix viminalis) podados foron empregados nas composicións florais realizadas polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería, contribuíndo así a unha economía circular sostible. También foi empregada a Wisteria sinensis, unha planta ornamental moi abundante ao longo do muro situado ao Leste do eido.


15/06/26

Modo galego. Ao torreiro!

Para poñer o ramo á edición de Modo galego. Actívao! e ao traballo feito polo alumnado de 1º e 2º de ESO, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) organizou unha festa-convivio por todo o alto e convidou a profesorado e alumnado ao torreiro.

Roberto Sobrado Grupo foron os encargados de acompañar o convivio con boa música en galego. O alumnado trouxo a súa merenda e desfrutaron do seu propio Banquete de Conxo.



Ao final do concerto, foi levado a cabo un sorteo de dez fermosas camisetas de Modo galego. Ao torreiro! cun debuxo do banquete de Conxo reinterpretado nunha xuntanza de mozos e mozas representando ao alumnado. Menuda alegría levaron as persoas afortunadas!




E por alí andou Damián, reporteiro voluntario de Radio na biblio para recoller os testemuños do alumnado participante nesta edición de Modo galego! Ao que comentaban, o programa cumpriu o obxectivo de falar máis en galego e ser máis conscientes da enorme importancia da nosa lingua. Moitos parabéns!

29/05/26

Abellóns na caixa-niño

Durante este curso continuamos a observar a fauna que visita a fraga NW coa cámara de detección de movemento (coa que volvemos documentar as mesmas especies que nos cursos anteriores), e a facer o seguimento do proceso de cría de aves coa cámara Green Feathers instalada nunha caixa-niño. 

Desta volta non aniñou ningunha ave, aínda que si volveron explorar a caixa-niño unha parella de Ferreiro real (Parus major) e unha parella de Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus). O motivo de que non aniñara ningunha ave foi que se adiantou un abellón (Bombus terrestris) poñendo alí o seu niño. O que ao primeiro nos deixou un pouco desilusionados e desilusionadas converteuse nunha oportunidade de observar o ciclo de vida e co comportamento dunha nova especie.

A diferenza das abellas e avespas, os abellóns non constrúen unha estrutura elaborada desde cero, senón que aproveitan cavidades preexistentes (en buratos abandonados por roedores no chan, debaixo do follato, en ocos nos troncos e nas árbores, e en caixas-niño que tiveron unha ocupación anterior.

No seu interior constrúen unha pequenas "copas" ou "oliñas" de cera e pole para almacenaxe de alimentos e abrigo de larvas. 

Na primavera a raíña fundou o niño e depositou as primeiras larvas. As novas xeracións foron nacendo e incorporándose ás tarefas de mantemento.

Puidemos observar como foi medrando o niño ata case pechar a entrada e mesmo saír material polas zonas de unión.

As obreiras entraban e saían constantemente na súa actividade de forraxeo de pole e néctar. O pole é transportado pegado nas súas patas traseiras (unhas "boliñas" amarelas ou laranxas) para alimentar as larvas, mentres que o néctar lévano no estómago para producir o mel que consome a colonia.

Aprendemos moito sobre a vida dos abellóns mais non puidemos rematar o ciclo de observación pois a caixa-niño foi vandalizada a finais do mes de maio, polo que non puidemos observar o abandono do niño en outono. 

O equipo levou un gran desgusto por moitas razóns, porque non puido rematar de observar o ciclo do abellón, porque non puido analizar os tres anos de ocupación da caixa-niño, como tiña pensado facer en outubro, así que os abellóns marcharan e porque resulta moi triste ver que por ignorancia ou falta de conciencia ambiental se destrúe o medio de vida destes polinizadores tan importantes para o equilibrio medioambiental. Con todo, imos seguir observando a natureza, contribuíndo ao desenvolvemento ecosocial do eido do centro e concienciando sobre a necesidade de respectar a natureza da que formamos parte.

Os resultados das observacións foron publicados en tres aplicacións de ciencia cidadá: I-naturalist, Merlin e Weathercloud.

28/05/26

Foliada no eido do instituto

Entre as actividades de  conmemoración do Día das Letras Galegas, o alumnado de 4º de ESO e o profesorado do Club de lectura-obradoiro de baile galego participou nunha foliada. 

Esta festa serviu tamén para poñer peche á edición deste curso dos clubs de lectura e obradoiros de cantigas e pandeireta e de baile galego. 

Ao longo do curso, alumnado e profesorado achegáronse a este patrimonio cultural inmaterial tan identitario a través da lectura de coplas, o achegamento a grupos de baile e de música tradicional tanto clásicos como máis actuais, coa explosión do movemento Tradi, e a reinterpretación das cantigas, música e baile contribuíndo así a manter vivo o patrimonio.

Aproveitamos para presentarvos un libro que acaba de ser publicado e que seguro é do voso interese: Do baile da gaita á muiñeira, de Julio Alonso, publicado pola Editorial Galaxia. Xa podedes consultalo na nosa biblioteca!


19/05/26

Seminario de florería

Botádelle unha ollada ao que están a facer as persoas participantes no itinerario de Florería do PFPP do centro como parte do traballo do seminario e guiados por Iria,  profesora de Agroxardinería e composicións florais! Animádevos a experimentar tamén vós coa florería!

O profesorado realizou xardíns eternos e kokedamas. Sabedes o que é cada unha delas? Os xardíns eternos son ecosistemas dentro dunha vasilla e as kokedamas son unha presentación xaponesa das plantas sen testo.





Durante outra sesión grupal o profesorado practicou a selección do material vexetal presente no eido máis apropiado para aplicar as técnicas de conservación de material vexetal tales como prensado, secado ao aire, secado con sílice, preservado con glicerina e tintado de material vexetal. 




Para finalizar, as persoas participantes no seminario realizaron coroas ou grilandas co material que conservaran na xuntanza anterior. Primeiro seleccionaron a vexetación do eido nesta máis acaída para usar como base para a decoración da grilanda (Wisteria sinensis en primavera e Salix viminalis en inverno). Despois decoraron as coroas con vexetación conservada de diferentes maneiras.



18/05/26

Roteiro polo Parque Natural Fragas do Eume

O 18 de maio, o alumnado voluntario da biblioteca, radio, equipo de mediación e equipo de axuda, e o alumnado do club de lectura participou nun roteiro polo Parque Natural Fragas do Eume impartido polo medioambientalista Ángel Prieto e o biólogo Jorge López, do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA).