04/06/21

Patio con(vida) en verán

Seguimos a investigar o noso centro no marco do proxecto Patio con(vida) a convivir ao abeiro do Proxecto Terra e do Proxecto Educación Patrimonial, ambos os dous dentro do Plan Proxecta,  do PFPP do centro O IESP de Ames: Un espazo sostible e seguro. Tamén está relacionado coa temática das bibliotecas escolares deste curso: Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

Como xa sabedes o proxecto consiste na observación, estudo, conservación, dinamización e mellora do eido do noso centro para facelo máis sostible tanto a nivel ambiental como social e convertelo nun lugar de convivencia para toda a comunidade educativa. 

Xa publicamos en anteriores entradas do blog os resumos das observacións do eido nas estacións de outono, inverno e primavera. Empezamos xa coa derradeira estación que nos queda por observar: o verán. Aínda que oficialmente o verán non comezará ata o 24 de xuño, xa observamos no noso patio elementos asociados á estación estival como a luz, as temperaturas, a duración dos días, os cambios na vexetación ou as crías dos paxaros.

A pradeira natural está chea de flores e de cor con predominio do amarelo dos pampullos e o lila das linguas de boi. As gramíneas son tamén grandes protagonistas e xa comezan a saír flores que documentamos a comezo de curso e desapareceron no inverno como a falsa cenoria, o chuchamel ou a centaurea. Son novidade desde a primavera os corniños (Lotus corniculatus), o liño bravo (Linum bienne), as macelas bravas (Matricaria chamomilla), o cardo (Cirsium vulgare), a Andriala (Andryala integrifolia), a flor da silveira (Rubus ulmifolius), Crepis capillaris e Crepis versicaria, ou o Tolpis  (Tolpis barbata). Premede aquí para ver o catálogo de plantas rexistradas a 30 de xuño e aquí para ver un vídeo cunha mostra destas plantas.


Xa sinalizamos todas as plantas catalogadas dentro da pradeira para facer o seu seguimento de aquí ao vindeiro setembro.

Agora no verán os reclamos son máis febles que na primavera pois as parellas de paxaros xa se están apareando e están agora coidando ás súas crías. Porén, aumentou o número de aves observadas, pois ouvimos Gabeador común (Certhia brachydactyla) e  Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus) na carballeira NW, e  Miñato común (Buteo buteo) desde o S do eido, e xa van 21 especies!! Aínda que seguimos sen ver ningunha andoriña!! As fotos están tomadas de Wikipedia.


E non esquecemos o ourizocacho que pasou uns días connosco e gañou o noso corazón.



A charca segue dándonos sorpresas con novas formas de vida e ademais xa temos un bonito cartel informativo feito coa cortadora láser do centro. Moitas grazas, Xoan Xil pola sinalización para a charca, as pradeiras naturais e a estación meteorolóxica!




A seguir podedes ver o cadro O verán, de Giuseppe Arcimboldo pintado en 1563 como parte da serie As catro estacións. 

Para concluir esta viaxe polas estacións, podedes escoitar O verán, de Vivaldi, que evoca a opresión da calor e mesmo unha treboada de verán no derradeiro movemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario