Amosando publicacións coa etiqueta Ponte...nas Ondas!. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ponte...nas Ondas!. Amosar todas as publicacións

24/04/26

Xornada radiovisual interescolar PNO!

O 24 de abril o alumnado do centro participou na I Xornada radiovisual interescolar PNO! organizada pola Asociación Ponte...nas Ondas! en colaboración coa Facultade de Xornalismo.

O noso centro forma parte por segundo ano consecutivo da rede Ponte...nas Ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial, recoñecida pola UNESCO, e a participación na xornada radiovisual é unha das diferentes actividades que está realizando o alumnado para promover o patrimonio cultural inmaterial.

A radio do noso centro está aínda comezando a da-los seus primeiros pasos, polo que a participación nestas xornadas é para nós un gran desafío e tamén unha grande motivación e inspiración.

Por iso queremos darlle o máis sincero agradecemento á Asociación Ponte…nas Ondas! por nos teren dado a oportunidade de participar. 

Na xornada, que tivo unha duración de case cinco horas, participaron outros doce centros escolares. O alumnado do IESP de Ames presentou un programa adicado a Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, titulado Begoña Caamaño: Reescribir o mito.

O programa dividiuse en catro seccións: unha pequena biografía da autora, unha recensión do seu derradeiro libro, Morgana en Esmelle; unha entrevista a Xosé Antón López Silva, tradutor ao castelán do primeiro libro da autora, Circe ou o pracer do azul; e, para finalizar a interpretación do Alalá das mariñas, unha peza musical moi especial para a autora.

Podedes ver e escoitar o programa completo premendo nesta ligazón, e a seguir deixámosvos a versión completa da sección realizada polos representantes do noso instituto: 

Aquí tedes unha foto de grupo da nosa delegación ao chegar aos estudios da Facultade de Xornalismo e diferentes fotografías tiradas durante a gravación do programa:









Antes da gravación do programa, o alumnado traballou arreo na súa preparación, tal e como podedes ver nestas fotografías dos ensaios xerais na radio do centro:



30/10/25

Samaín 2025

Hoxe celebramos o Samaín! e, como todos os anos, ofrecémosvos diferentes actividades nas que vos convidamos a participar. Estas actividades foron preparadas con moito agarimo polos diferentes departamentos e proxectos do centro e o alumnado que forma parte deles: Equipo de Dinamización Lingüística, Club de Ciencia, Departamentos de Agroxardinería, Física e Química, Imaxe persoal, Inglés, Lingua e Literatura Galega, Orientación, Xeografía e Historia, e a Biblioteca. Esperamos que vos gusten!!

Concurso de cabazas e lápidas: Moitas grazas e parabéns ás persoas que preparastes cabazas e lápidas!! Convidamos a toda a comunidade educativa a velas na entrada do instituto, expostas xunto con centros florais preparados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais. O martes faremos a entrega de premios!!




 

Non deixedes de visitar a exposición do Samaín que se atopa no espazo Maruxa Mallo enfronte da biblioteca. 

Alí poderedes ver unha fermosa cortina e diferentes móbiles de follas outonizas, así como coroas e centros florais realizados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais; unha escolma de refráns de outono e unha exposición adicada ao impacto das supersticións na biodiversidade, preparada polo alumnado de 2º de bacharelato da materia Patrimonio de Galicia; unha carteis elaborados con cúrcuma e bicarbonato na actividade Samaín químico, creados polo Club de ciencia; un receitario do Samaín cunha escolma de pratos típicos destas datas, elaborado polo alumnado de 1º de ESO de Lingua e Literatura Galega e Educación Plástica; unha recreación en plastilina dunha cea familiar de Samaín deixada para as ánimas da casa, realizada polo alumnado de 4º de ESO de proxecto competencial; caveiras creadas polo alumnado de 3º de ESO de Educación plástica; e unha exposición de fondos da biblioteca con obxectos relacionados co Samaín e un xogo de preguntas e respostas que porán a probar canto sabes desta celebración, preparados polo equipo de dinamización lingüística e a biblioteca















O alumnado de FP Básica de Agroxardinería levou a exposición ao eido do centro creando un cemiterio gótico terrorífico:



O alumnado de FP Básica de Peiteado e estética e de 2º de bacharelato de Patrimonio de Galicia organizaron cooperativamente a actividade Samaín de medo! O alumnado de FP Básica de Peiteado caracterizou ao alumnado de Patrimonio de 2º de bacharelato, como podedes ver nas fotos a seguir.











A continuación, o alumnado de Peiteado caracterizou a quen pasou pola biblioteca durante o recreo e o alumnado de Patrimonio desenvolveu diferentes actividades coa rapazada de 1º de ESO.

Todo o alumnado o pasou de medo!!




Agradecemos moitísimo a vosa participación! Fixestes un excelente traballo! Esperamos que teñades desfrutado da experiencia!

23/09/25

Día Europeo das Linguas

O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas (DEL). Esta data foi creada Consello de Europa en 2001, como unha iniciativa para poñer en valor o multilingüismo do Consello de Europa, que representa a 800 millóns de cidadáns de 47 países.

Na súa celebración participan numerosas institucións e asociacións con intereses culturais e lingüísticos, así como universidades e centros escolares. 

A celebración do Día europeo das linguas ten os seguintes obxectivos: (1) Preservar e potenciar a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa. (2) Promover a aprendizaxe permanente de linguas tanto no ámbito escolar como fóra del para capacitar profesionalmente coma tamén para a súa aprendizaxe para o lecer. (3) Destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de linguas que se aprenden co obxecto de incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural. (4) Coa ocasión deste día, organízanse unha gran variedade de evento.

No no noso centro existen as materias de lingua galega, castelán, francés, inglés, italiano e portugués; mais o noso alumnado fala moitas máis linguas: catalán, euskaro, armenio, árabe, ucraíno, ruso, entre outras.

Nos días a seguir realizaremos diferentes actividades realacionadas coas linguas organizadas polos departamentos que imparten linguas e a Biblioteca. Ao longo desta semana o alumnado de 1º de ESO realizará carteis con mensaxes escritas nas distintas linguas que coñezan.

No espazo Maruxa Mallo poderedes ver unha mostra das novidades bibliográficas en diferentes idiomas e deixar a mensaxe "Feliz día europeo das linguas!" (ou outra mensaxe que queirades deixar)  nos vosos idiomas ou en idiomas que coñezades. Para iso podedes usar as tarxetiñas que atoparedes na mesa á entrada da biblioteca e os soportes para a colocación das tarxetiñas escritas.

Feliz día das linguas! 

Patio con(vida) VII

Comezamos un novo ano do proxecto Patio con(vida) para mellorar o desenvolvemento ecosocial do eido do centro. Este proxecto enmárcase no Proxecto Terra do Plan Proxecta.

Na nosa primeira saída de exploración polo eido atopamos varias sorpresas. Os días de chuvia de comezo de curso posibilitaron a aparición de diferentes especies de fungos, un deles este fungo típico de zonas de fraga e de finais de verán e comezos de outono. Sabedes como se chama esta especie?



Outro elemento destacado é a cantidade de landras que teñen os carballos (Quercus robur). Sabiades que non todos os anos teñen a mesma cantidade delas? Este é un ano de landras, é dicir, un ano en que os carballos dan máis landras do habitual. Os científicos barallan diferentes hipóteses sobre o motivo de que se produzan estes anos de maior produción. Unha delas é que se deba a condicións meteorolóxicas, asociándoos a temperaturas altas e seca. Sexa como for, o refraneiro galego xa fai referencia a estas situacións como se ve no refrán: Ano de landas, ano de graxas.


E xa comezaron os traballos para retirar a lona do xardín norte. Mirade que ben está quedando!

O xardín creado polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais o curso pasado xa floreu, e con algunhas das súas plantas o alumnado de 2º FP Básica de Agroxardinería realizou unha coroa floral para a biblioteca.

A grilanda foi feita sobre base de palla, con hortensias e flores secas e está situada á entrada da biblioteca para que poidades desfrutar dela.

Moitas grazas por este agasallo tan fermoso!

Despois desta primeira grilanda, o alumnado seguiu practicando con diversos elementos do eido como follas secas das diferentes árbores do eido (pradairo, arce tridentino, carballo americano, liquidambar), fentos secos, e flores secas plantadas o curso pasado (virasol, hortensia).

Tamén experimentaron coa base da grilanda, se ao primeiro usaron bastidores mercados, despois xa se animaron a facer os seus propios bastidores con vimbios da arquitectura viva, contribuíndo á economía circular e a sostibilidade ambiental. Moitos parabéns!