22/06/21

Clausuramos o proxecto Educación Patrimonial 2020-2021

Co estudo da historia do IESP de Ames dámos por rematada a nosa participación no proxecto Educación Patrimonial, do Plan Proxecta, por este curso. O vindeiro curso completaremos o traballo coa organización dunha exposición sobre a historia do instituto, co gallo do seu 25 aniversario.

Ao longo do curso fomos informando no blog do progreso do traballo. Deixámosvos aquí os enlaces ás diferentes novas para que poidades ver un resumo de todo o que fixemos neste curso 2020-2021.

En setembro organizamos o traballo do curso e comezamos a traballar no estudo do IESP de Ames como elemento patrimonial que rematamos na terceira avaliación.


 No primeiro trimestre tamén decidimos realizar un estudo da historia das plantas do eido do centro en colaboración co Proxecto Terra, tamén do Plan Proxecta. Fomos publicando resultados do estudo ao longo das catro estacións: outono, inverno, primavera e verán.


Con motivo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, o 16 de novembro fixemos a actividade Patrimonio no faiado, na que eliximos un obxecto da nosa familia e explicamos a súa historia e valor patrimonial. 

A continuación realizamos a actividade Historia do Presente, na que recollemos os testemuños de nais e pais e persoas conviventes sobre eventos históricos acontecidos nos últimos 50 anos. 


En relación con esta actividade, no terceiro trimestre realizamos a exposición Memoria democrática desde a Guerra Civil ata a actualidade.


No segundo trimestre realizamos a actividade titulada Historia secreta das plantas, na que levamos a cabo un estudo histórico e antropolóxico de diferentes plantas presentes no eido do centro, analizamos os seus usos, e realizamos un anuncio publicitario para dar a coñecer as propiedades desas plantas.


Neste trimestre tamén realizamos a investigación sobre a cultura e estilo swing e os alumnos e alumnas prepararon cadanseu paso de baile e cadanseu microtema relacionado co swing que explicaron en 30 segundos.


 de diferentes pasos de swing e diferentes microtemas relacionados co swing 
No terceiro trimestre mellorou un pouco a situación sanitaria polo que puidemos facer algunhas actividades que ao principio de curso non podíamos realizar tales como o obradoiro de danza barroca, obradoiro de baile galego e o obradoiro de baile swing.




Tamén foi neste trimestre cando puidemos ter as tres charlas vinculadas co proxecto: A charla de Mario César Vilas sobre o Camiño de Santiago- Ría Muros-Noia acabado de recuperar e que pasa por Ames, converténdose no terceiro camiño que pasa polo noso municipio; a charla de Manuel Lara sobre Patrimonio Industrial en Ames, e a charla de Fernando Sáinz sobre a Historia do IESP de Ames.




Durante este trimestre completamos a actividade Mensaxes a través do tempo con recreacións de retratos e creación de correspondencia ficticia con base histórica entre diferentes personaxes históricas.







E tamén rematamos a investigación sobre o IESP de Ames como ben patrimonial. Os alumnos e alumnas sorprendéronse moito da cantidade de información sobre o centro que descoñecían e atoparon resposta a moitas preguntas que se tiñan feito sobre aspectos do instituto cuxa orixen e significado ninguén lles tiña explicado. Fixéronse conscientes de como o valor patrimonial dun ben se vai construíndo pouco a pouco, entre moitas persoas, e do importante que é documentar a historia para que non se perda para xeracións futuras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario