Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade. Amosar todas as publicacións

02/05/21

Presentación do libro Mujeres negras en la ciencia

Os alumnos e alumnas de FP recibiron a visita de Zinthia Palomino autora do libro Mujeres negras en la ciencia e membro da ONG ACCEM para mellorar a calidade de vida de persoas refuxiadas, migrantes ou vulnerables.

Zinthia Palomino realizou unha charla sobre a sensibilización étnico-racial e presentou o seu libro Mujeres negras en la ciencia. Esta interesantísima actividade foi organizada pola profesora de Tecnoloxía Mariam Saadeddine. 


O libro reune as biografías ilustradas de doce mulleres negras que contribuíron en diferentes ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, superaron barreiras, convertéronse en pioneiras e fixeron historia, mais seguen a ser descoñecidas para a maioría das persoas. Podedes consultar este libro na biblioteca e premer aquí se queredes saber máis sobre o libro.

18/11/20

Actividades en relación co 25 de novembro, Día internacional pola eliminación da violencia contra a muller

O 25 de novembro participamos unha vez máis no Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres. Este ano non podemos levar a cabo ningunha actividade conxunta por mor da pandemia de covid-19, mais o IES de Ames convida a toda a comunidade escolar a participar en varias accións conmemorativas que poñan de manifesto o noso compromiso coa igualdade de xénero e o rexeitamento máis absoluto de todas as formas de violencia machista.

Para o mércores 25 de novembro de 2020 propoñemos as seguintes actividades:

De uñas contra a violencia de xenero: Pinta as unllas das mans con dúas cores simbólicas: unha man de negro, para expresar a solidariedade con todas as mulleres vítimas da violencia; outra man de lila, para expresar o compromiso co feminismo como motor do cambio social a prol da igualdade. Durante toda a xornada, mantén pintadas as unllas como protesta contra toda esa violencia que aínda persiste. Se te animas, tamén podes subir unha fotografía ás redes sociais coas túas mans e cos cancelos #iesames #deuñascontraaviolenciadexénero. Tamén podes ver vestidos de cor negra e lila.


Paremos a violencia contra a muller: Co teu móbil, faite un selfie xunto ao sinal colocado diante da entrada do centro: STOP ÁS VIOLENCIAS MACHISTAS. Ao longo do día 25 de novembro, sube ás túas redes sociais esa fotografía, acompañada dos cancelos #iesames #stopviolenciasmachistas.


O sinal á entrada do centro (Foto de Carlos Negro).


Chío contra a violencia de xénero: Se es alumna ou alumno da ESO, participa no concurso de lemas contra a violencia machista organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística e a Biblioteca do centro, baixo o título de CHÍO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Tes ata o martes 24 de novembro para presentar o teu chío, coas seguintes condicións:

- Debe estar escrito en lingua galega (máximo 140 caracteres).

- Debe ser breve e orixinal, non copiado de ningunha fonte externa

- Debe expresar a crítica e/ou denuncia da violencia de xénero

Valorarase especialmente que se centre no ámbito da prevención da violencia de xénero na mocidade

Haberá dous chíos gañadores: un para 1º/ 2º ESO e outro para 3º/ 4º da ESO. As persoas premiadas recibirán un lote de libros relacionados coa temática da igualdade de xénero.

Os chíos deberán depositarse dentro dunha urna colocada á entrada da Biblioteca do centro, e irán acompañados dun sobre pechado onde figure o nome completo e curso da alumna/o participante.

Os premios anunciaranse na biblioteca no segundo recreo do mércores 25 de novembro.

03/12/19

Participación do centro no Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller

Un ano máis, toda a comunidade educativa se implicou en apoiar a fin da violencia machista cunha manchea de actividades. A seguir presentámosvos un resumo de todo o que fixemos cooperativamente, e aproveitamos para agradecervos a todos e todas a vosa marabillosa participación.


O club de cancións, composto por alumnas de 3º e 4º de ESO, realizou unha escolma de cancións que tratan o tema do feminismo e da violencia contra a muller.

Esta escolma foi recollida na exposición Cancións violetas contra a violencia machista, situada nas escaleiras que van do primeiro ao segundo andar, na que sobre a silueta dunha violeta as rapazas escribiron estrofas desas cancións. Agradecemos a axuda de todo o alumnado de 3º ESO B que axudou a pegar as violetas.

O club de cancións tamén realizou uns adhesivos co lema Son libre que distribuíron entre toda a comunidade educativa

 


Os alumnos e alumnas da materia de Igualdade de xénero realizaron a actividade #Eu non son cómplice. Esta actividade buscou a implicación masculina na concienciación e loita contra a violencia machista.

Nun mural situado no espazo Maruxa Mallo, os alumnos escribiron frases de creación propia na que manifestaban non ser cómplices da violencia machista.




Tamén no espazo Maruxa Mallo, expúxose un cártel con fotos dos diferentes profesores do centro expresando o seu rexeitamento a seren cómplices da violencia machista.



Por último, toda a comunidade educativa se xuntou no patio para ler o manifesto #Eu non son cómplice co profesor Carlos Negro.
 

A Asociación de Nais e Pais do alumnado do centro (ANPA) organizou a exposición Fotografías pola igualdade, situada no espazo Maruxa Mallo. Esta exposición amosa as obras premiadas no I Concurso de ANPAs de Compostela.

 


Os alumnos e alumnas de todos os grupos e cursos do centro traballaron cos seus titores e titoras na actividade Lemas contra a violencia machista. Esta actividade tivo catro partes: a elección do lema, a elaboración e distibución de pulseiras co lema de cada aula, a exposición dos lemas e a realización e exposición de debuxos inspirados nos diferentes lemas.

Os alumnos e alumnas de cada grupo crearon o seu lema e realizaron pulseiras con ese lema. Estas pulseiras distribuíronse entre o alumnado da aula o día 25 de novembro.

O conxunto dos lemas traballáronse na materia de Debuxo e foron recollidos e reinterpretados nunha recreación dun indicador de direccións e en debuxos que se expuxeron na entrada e primeira planta do centro.


Na porta principal do centro estiveron ao voso dispor as exposicións Poemas e Violencia de xénero nas artes, preparados polos alumnos e alumnas de Debuxo.



No recibidor do centro realizouse a exposición Mulleres asasinadas que, como todos os cursos académicos, homenaxea ás mulleres asasinadas no ano correspondente. Cada silueta representa a unha muller asasinada e vai acompañada dunha cartela cunha breve biografía da persoa.



Os alumnos e alumnas de Matemáticas analizaron os datos relacionados coa violencia de xénero e prepararon a exposición A violencia de xénero en números que puidestes visitar na entrada do centro.

O día 25 de novembro, os alumnos e alumnas de 1º da ESO realizaron unha Performance en homenaxe ás mulleres asasinadas durante o ano 2019. A seguir, alumnos e alumnas de 1º de bacharelato realizaron unha coreografía da canción Color esperanza, de Diego Torres. Finalmente os mozos e mozas das materias de Educación Física e Debuxo fixeron bailar buxainas na actividade Bailando libres
 

As buxainas, decoradas polo alumnado, foron expostas na entrada do centro.



A Biblioteca recompilou e expuxo unha escolma de libros e películas sobre feminismo e igualdade de xénero.

25/11/19

Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

Amor

Amor, esa música que siempre gusta oír.
Mais as veces doe e faite sufrir.
Ollos chorosos, por diversas razóns,
rompen moitos corazóns.

Se me amas, non me pegues, non quero.
Se me amas, non me humilles, non quero.
Se me amas, non me encarceres na casa, dentro de min, non quero.
Se me amas, non me ameaces, non quero.

Se me amas, bícame, si quero.
Se me amas, abrázame, si quero.
Se me amas, apóiame, si quero.
Se me amas, respectáme, si quero.

Porque non son un xoguete.
Porque son igual de importante.
Porque son libre, coma ti.
Porque merezo o mesmo ca ti.

Amor.
Se me amas, non quero.
Se me amas, si quero.
Porque non quero sufrir, quero amor.

Poema de Paula Viñas Lamas, 3º ESO B







Boxing for freedom é un documental realizado en 2015 por Juan Antonio Moreno Amador e Silvia Venegas Venegas sobre a historia de Sadaf Rahimi, a mellor boxeadora de Afganistán, que ten que enfrontarse ás tradicións do seu país e ao medo para poder ser unha muller libre.


Murmurios de silencio é un documental que recolle o testemuño de dez mulleres da comarca de Ordes vítimas da violencia de xénero. Este documental foi estreado o pasado 15 de outubro coincidindo co Día da muller rural.


Tamén podedes consultar este artigo A violencia sexual: Cancións e titulares que perpetúan a "cultura da violación"

28/10/19

Series para a igualdade de xénero

A produtora Illa Bufarda en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e o apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia, veñen de crear na plataforma YouTube a serie web S.E.X.

Esta serie pretende ser unha ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade dirixida á mocidade.

22/05/19

Charla de Rosalía Morlán

 Enfermeira e escritora, escribe moita poesía para nenos. Na súa exposición cóntalle ao alumnado de 1º da ESO a súa historia creativa desde que era unha nena, como escribía poemas e metíaos nunha caixiña...Chama a atención sobre a importancia de ler para calquera ámbito da vida. Na visión da "lúa chea" está a esencia do seu inicio creativo e poético. Tamén influíron nela a posta do sol e os amenceres. Un dos seus libros é O dragón Antón e o sapo Rosendo. 

Esta actividade foi organizada na Biblioteca polo profesorado de Galego e Castelán.



07/03/19

Día 8 de marzo, Día Internacional da Muller

Podes atopar suxestións de lectura para o Día Internacional da Muller nos expositores situados na entrada do centro e ao lado da biblioteca.



Os alumnos de 2º de bacharelato de Música e do ciclo de Fotografía da Escuela de Arte José María Cruz Novillo, de Cuenca realizaron o vídeo ¿Cómo te suena? no que denuncian o machismo na música.


13/12/18

Os clubs de lectura no primeiro trimestre

Un ano máis o noso interese pola lectura reflíctese na morea de clubs de lectura de temáticas diversas que existen no centro: clubs de lectura en diferentes idiomas (galego, castelán, inglés, portugués), clubs de lectura en diferentes soportes e áreas (libro, banda deseñada, cine, cancións), clubs de lectura temáticos (Igualdade), entre outros.

Deixámosvos unhas fotos nas que podedes coñecer ás novas integrantes do club de lectura A cabeza de Medusa e as súas recomendacións de lecturas a prol da igualdade.



Os clubs de narrativa galega e castelá de 1º de ESO están a ler Oscuros, de Lauren Kate, El hogar de Miss Peregrine, de Ransom Riggs, e El ojo de cristal, de Cornell Woolrich.

O club de lectura de cancións, integrado por alumnos e alumnas de 2º de ESO propóñense realizar ao longo do curso un cancioneiro temático ilustrado coas súas propostas en diferentes temas. Na actualidade están a traballar no tema da Igualdade.

Se aínda non estás en ningún club de lectura, non o penses máis e únete a un. Seguro que atopas algo que che guste entre todas as opcións que hai, e se non atopas nada do teu interese, non dubides en facer unha proposta no buzón de suxestións!

26/11/18

Actividades no día Internacional da eliminacion da violencia contra a muller

Durante toda a semana do 19 ao 23 de novembro os alumnos e alumnas do instituto fixeron unha morea de actividades en homenaxe ás mulleres víctimas da violencia de xénero e en apoio da igualdade e o respecto.

Nas escaleiras que van do primeiro ao segundo andar podedes ver a actividade Está nas nosas mans, na que os alumnos e alumnas de 2º de ESO, 3º de ESO A e 4º de ESO D deixaron a pegada das súas mans para simbolizar o feito de que combater a violencia de xénero é tarefa de todos e todas. Na escaleira tamén podedes ver a exposición realizada polas participantes do club de lectura A cabeza de medusa sobre a violencia de xénero.




Os alumnos e alumnas de 1º de ESO participaron na Performance e a realización dun lazo humano en lembranza das mulleres asasinadas a causa da violencia machista durante o que vai do ano 2018.




Na entrada principal do noso centro podemos ver diferentes exposicións en contra da violencia de xénero: a exposición In memoriam, realizada polo alumnado de 1º FP Básica e 1º de ESO que homenaxea ás mulleres asasinadas este ano;  o cartel realizado polo alumnado de 2º de FP Básica no que os Delegados e delegadas do centro sacan cartón vermello ao mal trato, e a exposición La femme émigrée, realizada por alumnas e alumnos de 3º de ESO. 


Os alumnos e alumnas de 1º FP Básica tamén fixeron a exposición Siluetas en conmemoración das mulleres asasinadas por violencia machista durante este ano. As profesoras do centro achegaron zapatos seus para representar ás mulleres, e con eles marcaron o camiño para chegar á montaxe Muro da violencia situado na sala Maruxa Mallo do segundo andar.




Os alumnos e alumnas de 1º de bacharelato elaboraron pulseiras con frases pola igualdade e o respecto e distribuíronas entre todas as persoas do centro. Tamén podemos ver unha exposición de libros relacionados coa loita contra a violencia de xénero realizada polo equipo da Biblioteca.



22/11/18

Día Internacional contra a violencia de xénero

O 25 de novembro é o día Internacional contra a violencia de xénero. 

Para conmemorar este día no instituto estanse a realizar unha morea de actividades en diferentes espazos do edificio. 

Se queredes saber máis sobre a orixe do Día Internacional contra a violencia de xénero premede aquí.

A seguir tedes tres vídeos de diferentes campañas para concienciar sobre a necesidade de erradicar os comportamentos machistas na sociedade: Violencia dixital, Cambia o trato e Os celos non son escusa.

Tamén podedes ver o vídeo É o momento, realizado polo IES María Soliño de Cangas, e que recibiu o Premio 25 de novembro en 2018 outorgado pola Xunta de Galicia.









25/05/18

ALDAOLADO. Espectáculo poético-musical en 1º Bacharelato

O pasado 18 de maio, dentro da semana das Letras Galegas 2018, ALDAOLADO recitaron e cantaron poemas propios en galego e inglés, para o alumnado de 1º Bacharelato. Iniciativa do profesor Carlos Negro, departamento de galego. Dinamización lingüística.