Amosando publicacións coa etiqueta Dinamización lingüística. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dinamización lingüística. Amosar todas as publicacións

28/10/26

Comezou hoxe, 28 de outubro de 2026, a II Edición dos desafíos Πlleite!. Un concurso intercentros de desafíos matemáticos en galego organizado polos equipos de Dinamización Lingüística e os departamentos de Matemáticas dos IES Julián Magariños, IES Milladoiro e IES de Ames 

O alumnado de 1º de ESO a 1º  de bacharelato enfrontaranse a un desafío mensual desde outubro ata febreiro, que terá lugar na biblioteca do centro no segundo recreo do derradeiro mércores de cada mes (agás en decembro que será o derradeiro mércores do trimestre). 

As persoas gañadoras nos tres centros competirán na final de marzo. 

Con esta actividade, favorecemos a motivación, o traballo cooperativo e a presenza activa do alumnado na vida do centro.

Moitos ánimos!!! 



15/06/26

Modo galego. Ao torreiro!

Para poñer o ramo á edición de Modo galego. Actívao! e ao traballo feito polo alumnado de 1º e 2º de ESO, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) organizou unha festa-convivio por todo o alto e convidou a profesorado e alumnado ao torreiro.

Roberto Sobrado Grupo foron os encargados de acompañar o convivio con boa música en galego. O alumnado trouxo a súa merenda e desfrutaron do seu propio Banquete de Conxo.



Ao final do concerto, foi levado a cabo un sorteo de dez fermosas camisetas de Modo galego. Ao torreiro! cun debuxo do banquete de Conxo reinterpretado nunha xuntanza de mozos e mozas representando ao alumnado. Menuda alegría levaron as persoas afortunadas!




E por alí andou Damián, reporteiro voluntario de Radio na biblio para recoller os testemuños do alumnado participante nesta edición de Modo galego! Ao que comentaban, o programa cumpriu o obxectivo de falar máis en galego e ser máis conscientes da enorme importancia da nosa lingua. Moitos parabéns!

01/06/26

Pi-lleite! premiado!

O proxecto Pi-lleite!, impulsado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega do IESP de Ames, do IES Xulián Magariños de Negreira e do IES do Milladoiro, acaba de ser recoñecido cun Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística pola Xunta de Galicia no curso 2025/2026.

 Pi-lleite! naceu dunha idea sinxela pero poderosa: que as matemáticas tamén se pensan, se debaten e se explican en galego. Ao longo do curso, o alumnado dos tres centros participou en retos matemáticos mensuais nos que a lingua galega serviu para razoar en equipo, para gravar vídeos e podcasts explicativos e para compartir os resultados con outros centros.

 O premio recoñece o traballo dun equipo docente que apostou por sacar o galego das clases de lingua e levalo a un ámbito onde case non ten presenza. Non foi un camiño fácil, pero os resultados falan por si mesmos: os rapaces e rapazas de secundaria e bacharelato usaron a nosa lingua durante este curso para as matemáticas e comprobaron que funciona igual de ben para o razoamento lóxico.

 Grazas a todo o profesorado implicado, aos equipos directivos dos tres centros e, sobre todo, ao alumnado que participou con entusiasmo e demostrou que o galego é lingua de letras e de números.

13/02/26

Entroido

Este Entroido, ademais de facer o tradicional concurso de disfraces, tamén realizamos un concurso de decoración de portas das aulas. Aquí podedes ver algúns exemplos do resultado.



27/01/26

Modo galego: actívao!! II

O IESP de Ames participa este curso na segunda edición do proxecto Modo Galego: actívao!, unha iniciativa de dinamización lingüística promovida pola Real Academia Galega e o Concello de Ames que ten como finalidade activar o uso do galego entre a mocidade no eido escolar e nos espazos de socialización diarios.

Nesta edición, o alumnado de 1º e 2º da ESO asumirá o reto de empregar a lingua galega con maior frecuencia en contextos tanto dentro como fóra das aulas. O programa propón pequenos compromisos semanais que animan a utilizar o galego de forma natural e creativa no día a día.

A participación conxunta do alumnado, do profesorado, do persoal educativo, do equipo non docente e das familias é esencial para acadar os obxectivos. A experiencia incorpora retos lúdicos e actividades reflexivas que potencian a normalización da lingua galega, reforzan a nosa identidade cultural e fomentan a implicación activa da comunidade educativa.

Durante as vindeiras semanas, o noso equipo de titoras e titores achegará unha experiencia enriquecedora que favorece o respecto pola lingua propia e promove hábitos de uso que contribúen á súa presenza habitual nos ámbitos social e académico.

Celebramos este compromiso colectivo co galego. O entusiasmo e a participación de todos e todas constitúen un impulso significativo para que a lingua galega siga a medrar na aulas e máis aló das súas paredes.

24/10/25

Πlleite!

Os equipos de Dinamización Lingüística dos IES Julián Magariños, IES Milladoiro e IES de Ames, convidaron ao alumnado a participar no Πlleite! un concurso Intercentros de desafíos matemáticos en galego, e a resposta foi masiva, con máis de 75 alumnos e alumnas participantes no noso centro.

O alumnado de 1º e 2º de ESO, e 1º e 2º de bacharelato enfrontaranse a un desafío mensual desde outubro ata febreiro, que terá lugar na biblioteca do centro e na aula de música.

As persoas gañadoras nos tres centros competirán na final o día 13 de marzo. 

Con esta actividade, favorecemos a motivación, o traballo cooperativo e a presenza activa do alumnado na vida do centro.

Os desafíos terán lugar nun segundo recreo cada mes de outubro a marzo. O primeiro tivo lugar o día 24 de outubro e o segundo o 21 novembro. Moitos ánimos!!!


O desafío está tendo un nivel de implicación e xogo limpo moi alto. 

Durante as dúas xornadas que tiveron lugar por agora, o alumnado traballou con precisión matemática e explicou os procesos  de resolución dos desafíos con moita sabenza, demostrando que no IES de Ames hai espazo para o galego en calquera ámbito e canteira para as matemáticas. Os vídeos enviados mostraron ademais a súa creatividade e esforzo á hora de loitar polos premios.

06/06/25

Cóntoche un traxe

O día 6 de xuño o alumnado de 4º ESO desfrutou da actividade Cóntoche un traxe, desenvolvida por Montse Rivera, integrante do grupo de cantareiras Leilía. Esta actividade foi organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística.

Carlos Negro actuou como mestre de cerimonias e presentou a Montse Rivera, resumindo a súa traxectoria e a súa contribución á cultura galega.


Montse falou sobre a diversidade de traxes tradicionais galegos situándoos no seu contexto histórico e social, e foi alternando as explicacións con cantigas relacionadas coa roupa e as actividades desenvolvidas á volta dela.


Para amosar os diferentes traxes, Montse pediu a colaboración de alumnos e profesores que actuaron como modelos.

Elisa e Dylan actuaron en representación do alumnado, cos nomes de Maruxa e Antón; Mónica e Carlos fixeron o propio en representación do profesorado, baixo os alcumes de Carmela e Xian. A parella representante do alumnado foi vestida con traxes de gala, mentres que a parella de docentes foi vestida con roupa de traballo.

Nestas fotografías podedes ver o guapas e guapos que estaban:


Ao final do obradoiro, en sinal de agradecemento, entregámoslle a Montse unhas fermosas plantas preparadas polo alumnado de Agroxardinería e arranxos florais, así como unha bolsa e postais conmemorativas das cantareiras.

Ademais, Montse Rivera e Leilía foron elixidas para inaugurar o que agardamos que se convirta nunha tradición do centro, consistente en homenaxear a unha persoa ou grupo ao ano en relación co Día das Letras Galegas correspondente. 

Montse Rivera e Leilía son as homenaxeadas neste ano das Letras Galegas adicado á tradición oral e as cantareiras, pola súa contribución ao longo de trinta anos, e os que quedan por vir, ao coñecemento, salvagarda e divulgación da tradición oral e as cantigas populares, e por inspirar tanto ás seguintes xeracións de artistas como á cidadanía en xeral a converter a pandeireta e a tradición oral en parte da súa vida e creación artística. 

Das árbores do eido do noso centro, o freixo pareceunos a escolla máis aquelada para a ocasión, pois da súa madeira fanse exclentes pandeiretas, instrumento co que sempre asociaremos no noso imaxinario a Leilía. Moitas grazas Leilía por serdes raíz ceiba e moitos parabéns!

Non deixedes de visitar no espazo exterior da biblioteca unha exposición que fai unha semblanza do grupo Leilía.



02/06/25

Sei cantar e sei bailar

Continuando coa celebración do Día das Letras Galegas, o día 2 de xuño, os alumnos e alumnas de 3º de ESO recibiron na nosa biblioteca á escritora Eva Mejuto acompañada da cantareira Maite. Esta actividade foi organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística.

Eva falounos do seu libro Sei cantar e sei bailar, e a través del das cantareiras e pandereiteiras homenaxeadas este ano das Letras galegas e da tradición oral. Maite cantounos varias cantigas (de traballo, de camiño, de amor, de arrolo) e xunto con Eva invitou ao alumnado a bailar ao ritmo de culleres e pandeireta.

Os alumnos e alumnas de Agroxardinería prepararon un agasallo floral para Eva e Maite, como agradecemento pola súa emotiva e entretida charla. Tamén lles foi entregada unha bolsa e postais conmemorativas das cantareiras deseñadas polo equipo de dinamización lingüística e realizadas en Polos creativos, e marcapáxinas da biblioteca e do proxecto Patio con(vida).







02/02/25

Xa queda menos para a primavera!

O día 2 febreiro celébrase a Candeloria, unha festividade vinculada ao ciclo natural e á tradición agrícola, que posteriormente foi cristianizada.

A Candeloria está conectada coa celebración celta do Imbolc (que é traducida como dentro do ventre, simbolizando a preparación do nacemento da primavera).

É unha das celebracións que se producen nos momentos intermedios entre cada solsticio e equinoccio, neste caso, entre o solsticio de inverno (que marca o crecemento dos días) e o equinoccio de primavera. Celébrase o retorno da luz, coa presencia maior do sol, e a preparación para un novo ciclo de crecemento e colleita, tal e como se plasma en diferentes refráns: Se a candeloria chora, medio inverno vai fóra ou Que chore ou que deixe de chorar medio inverno está por pasar.

O espertar da vida na natureza vese en que comezan a abrir os gromos, a florear algunhas plantas, como os cáncaros, ou emparellárense os paxaros preparándose para a época de cría. Reparastes nalgún destes cambios na vosa contorna? Fixádevos ben e seguro que tamén vós notades eses cambios.

Para celebrar este día o Equipo de Dinamización Lingüística mais o Equipo de biblioteca, incluído o Bibliovoluntariado, propuxémosvos varias actividades nas que estades a participar moitas persoas.

A tradición popular di que o 2 de febreiro é o día en que casan os paxariños, con refráns como A partir da candeloria ningunha ave voa soa  ou, Pola Candeloria, casan os paxariños e vaise a galiñola. Coñeces ti algún outro? Pregunta na casa, a ver que che contan!. Por este motivo, Elisa Méndez Puentes, de 4º ESO C e bibliovoluntaria, comparte convosco os seus bonitos e informativos debuxos das aves que censamos no eido do centro desde o curso 2020-2021 no proxecto Patio con(vida) do Proxecto Terra. A lista vai medrando e xa foron documentadas 37 especies. Podedes ver a exposición no espazo Maruxa Mallo fronte a biblioteca.






As alumnas de Patrimonio de 2º de Bacharelato, fixeron a recolleita de refráns de inverno, entre os que se atopan varios referidos a Candeloria. Podedes velos todos tamén no espazo Maruxa Mallo, antes de que sexan trasladados ao xardín norte do noso centro.

Como nesta data a tradición celebra que comezan a emparellarse as aves e tamén outros animais, e isto tómase como símbolo de amor, propuxémosvos dúas actividades relacionadas co amor pola biblioteca e a lingua galega:  Frechazo cun libro e Cita a cegas cun libro.

A actividade Frechazo cun libro, consiste en que recomendedes a outras persoas un libro, película ou canción que vos teña gustado moito. Para iso debedes escribir na silueta dunha pomba o título, o nome da persoa autora e algunhas palabras chave que fagan a vosa recomendación máis significativa. Tras facer isto, debedes colgar a vosa silueta no taboleiro de cortiza do espazo Maruxa Mallo.

Coa actividade Cita a cegas cun libro, o bibliovoluntariado quixo facervos un agasallo, mais cun pouco de intriga. Os voluntarios e voluntarias seleccionaron diferentes obras e envolvéronnas en papel de agasallo para que a vosa cita co libro fose a cegas. Para axudarvos a decidir cal coller, escribiron algunhas pistas.



Esperamos que vos gusten as actividades e agradecemos enormemente a vosa participación!!.

Deixámosvos unhas fotografías onde podedes ver ao bibliovoluntariado traballando na preparación da Cita a cegas cun libro.


19/01/25

Modo Galego. Actívao!

Este curso implméntase por primeira vez no noso instituto o programa Modo Galego. Actívao!, unha iniciativa de dinamización lingüística desenvolvida pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Este proxecto, que se iniciou en 2021 tras a publicación do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, busca promover o uso do galego entre a mocidade e avaliar os resultados destas accións. 

A implementación do programa no noso centro realízase baixo a coordinación do Equipo de Dinamización Lingüístico. 

Nesta edición, por primeira vez, o programa esténdese aos dous primeiros cursos da Educación Secundaria Obrigatoria, 1º e 2º da ESO, co obxectivo de animar o alumnado, profesorado e persoal dos servizos complementarios a empregar a lingua galega durante tres semanas consecutivas en todos os contextos posibles. Para facilitar este compromiso, establecerase un acordo inicial e proporanse 3 retos semanais que reforcen e visibilicen a activación lingüística. Todo o proxecto articularase a través dunha páxina web que se actualizará diariamente durante o desafío: Modo Galego

Comeza o programa!!

17/05/24

O Día das Letras Galegas homenaxea a Luísa Villalta

O 17 de maio de cada ano celébrase o Día das Letras Galegas, un día no que se festexa e reivindica a lingua galega nas súas diferentes manifestacións literarias. Esta celebración naceu o 17 de maio de 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, e cada ano homenaxea a unha figura relevante das letras galegas.

Este ano réndese homenaxe a Luísa Villalta, escritora, filóloga e violinista coruñesa, nada en 1957 e finada no 2004. Luísa Villalta escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción e ensaio, e tamén se adicou ao articulismo e á tradución. Podedes aprender máis sobre a autora premende aquí, aquí e aquí.


Este vídeo achéganos á vida e a obra de Luísa Villalta. Tedes máis vídeos sobre a autora nesta ligazón.


Na exposición situada no espazo Maruxa Mallo podedes consultar a obra da autora e na exposición situada á entrada do centro atoparedes carteis con moita información sobre ela. 


O 8 de maio, o contacontos e músico Serafín Marcos, visitou o noso centro e axudou aos alumnos e alumnas de 1º ESO a coñecer e entender á vida e obra de Luísa Villalta a través dunha narración teatralizada.

Esta actividade foi organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística.




03/11/23

Samaín 2023

Para celebrar o Samaín, o día 1 de novembro, e practicar a escrita ao mesmo tempo, o Equipo de Dinamización Lingüística propuxo un concurso sobre epitafios.



Podedes ver o resultado na entrada do centro. Non vos parecen aterradores?