04/11/20

Patio con(vida) en outono

Comezamos un novo proxecto no centro ao abeiro do Proxecto Terra e do Proxecto Educación Patrimonial, ambos os dous dentro do Plan Proxecta. Tamén está relacionado co PFPP do centro, IESP de Ames, un espazo sostible e seguro, e coa temática das bibliotecas escolares deste curso: Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

O proxecto titúlase O patio con(vida) a convivir e consiste na observación, estudo, conservación, dinamización e mellora do eido do noso centro para facelo máis sostible tanto a nivel ambiental como social e convertelo nun lugar de convivencia para toda a comunidade educativa. 

Neste proxecto participarán alumnos e alumnas desde 1º de ESO ata 2º de bacharelato que farán achegas desde diferentes materias tales como Bioloxía e Xeoloxía, Educación física, Educación plástica,  Física e Química, Lingua galega e literatura, Matemáticas e Xeografía e Historia, co apoio da biblioteca do centro.

Os alumnos e alumnas xa están traballando arreo documentando e estudando a vexetación do centro, analizando os diferentes espazos e a evolución histórica do centro e o seu eido desde a súa construción, realizando observacións ornitolóxicas, debuxando a vexetación do natural, elaborando unha reportaxe fotoxornalística, levando a cabo diferentes proxectos artísticos en diferentes áreas do patio e estudando a historia da flora e da fauna, así como a historia do propio centro educativo.

Deixámosvos unhas imaxes de mostra do traballo feito polo de agora. Tamén podedes ver o catálogo provisional da vexetación do patio premendo aquí. Irémosvos informando dos resultados destas iniciativas e de moitas máis que están por vir ao longo do curso. Esperemos que vos guste o proxecto e non dubidedes en apuntarvos a colaborar nel!

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO están a traballar na identificación e documentación da vexetación do centro tanto das árbores como das plantas, diferenciando entre plantas autóctonas e introducidas e identificando plantas ornamentais, plantas medicinais e plantas invasoras. Poñede a proba os vosos coñecementos e intentade clasificar os elementos das fotos a seguir en cadansúa categoría!



Os alumnos e alumnas de 4º ESO traballaron o land art, ordenando en composicións circulares e de simetría axial diferentes elementos atopados polo eido. Mirade que preciosidades crearon!

Os alumnos e alumnas de 3º PMAR e 2º de bachaerlato traballaron técnicas gráfico-plásticas. O alumnado de 3º PMAR puxo en práctica o concepto de xiro na xeometría e o alumnado de 1º e 2º de bacharelato traballou a simetría, o zentangle, o debuxo en crecemento, a arte efímera e a técnica do xiz de cor sobre cemento. Non tardedes en ir desfrutar desta arte que é efímera e desaparecerá axiña!


Os alumnos e alumnas de 4º de ESO están a organizar as fontes históricas para analizar os 25 anos de historia do centro. 

Tamén trouxemos a natureza e o outono ao interior do instituto como podedes ver na exposición de libros do Día da biblioteca.




A seguir tedes o cadro O outono, de Giuseppe Arcimboldo pintado en 1856 na súa serie As catro estacións. Tamén podedes ver un vídeo con obras de arte que teñen como temática o outono e escoitar O outono, de Vivaldi, como parte da súa obra As catro estacións.




Ningún comentario:

Publicar un comentario