Amosando publicacións coa etiqueta Traballos do alumnado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Traballos do alumnado. Amosar todas as publicacións

01/02/26

Na Candeloria, facemos crêpes!

O día 2 febreiro celébrase a Candeloria, unha festividade vinculada ao ciclo natural e á tradición agrícola, que posteriormente foi cristianizada.

A Candeloria está conectada coa celebración celta do Imbolc (que é traducida como dentro do ventre, simbolizando a preparación do nacemento da primavera).

É unha das celebracións que se producen nos momentos intermedios entre cada solsticio e equinoccio, neste caso, entre o solsticio de inverno (que marca o crecemento dos días) e o equinoccio de primavera. Celébrase o retorno da luz, coa presencia maior do sol, e a preparación para un novo ciclo de crecemento e colleita, tal e como se plasma en diferentes refráns: Se a candeloria chora, medio inverno vai fóra ou Que chore ou que deixe de chorar medio inverno está por pasar.

Este día tamén se celebra noutros lugares de Europa, como o Reino Unido ou Francia.

Deixámosvos unha tradución do capítulo do libro Everyday nature, sobre natureza no Reino Unido, adicado á esta data, a ver se vos gusta:

É outra excusa para prender as candeas. Sei que debería apreciar cada momento, mais non podo resistir a tentación de facer unha conta atrás os días durante febreiro, e hoxe marca o tradicional punto medio entre o día máis curto e o equinoccio de primavera.

Moito antes de que se adoptase como Candeloria, o 2 de febreiro era considerado un dos días máis importatnes do ano. É unha lembranza de que moitos dos nosos ritos anuais seguen o ciclo das estacións.

Eu marco o día plantando algúns lirios, partindo algúns terróns en dous e agardando a que produzan o dobre de flores o vindeiro ano, e algunhas veces mercando algunhas novas para engadir á mestura- agora é o momento perfecto para plantar snowdrop

Andy Beer (2020): Everyday nature. How noticing nature can quietly change your life. National Trust 

Polo que respecta a Francia, este é o día para comer crêpes, eses doces tan parecidos ás nosas filloas. Por iso, o Departamento de Francés levou a cabo a actividade  À la Chandeleur on fait des crêpes! dirixida ao alumnado de 3º ESO A. Como arrecendían e que saborosas estaban!



20/06/25

Foliada Ponte...nas ondas!

O día  23 o IESP de Ames participou na Foliada Agora cantamos nósorganizada pola Asociación Ponte...nas ondas!

Esta foliada reuniu a quince centros educativos de infantil, primaria, secundaria e ciclos de Galicia e Portugal, tivo lugar no Parque Eugenio Granell de Santiago de Compostela e nela sucedéronse actuacións dos centros educativos, de persoas portadoras, como Teresa dos Cucos, e de grupos de música, como De Vacas.

Todas as persoas asistentes desfrutaron e celebraron o patrimonio cultural galego e estreitaron lazos de unión e convivencia nun ambiente festivo e emotivo. Agradecemos á Asociación Ponte...nas ondas! a organización desta preciosa foliada e o coidado e atención que teñen sempre para o traballo que se desenvolve desde os centros educativos en relación ao patrimonio e a comunidade educativa que está detrás dese traballo.

O noso instituto quedou representado polo grupo As tres cordas, de 4º ESO C (formado por Elisa Méndez, Héctor Méndez, Lucía González, Pablo Martín, Víctor Álvarez e Zoe Glasscock) que nos agasallaron con tres pezas: O Pico, de Riobó; Muiñeira do Verdellinho, de Os d'Abaixo, e Se chove, de Treixadura. Dámoslles os parabéns pola súa formidable actuación e tamén enviamos os nosos parabéns a todos os outros centros participantes. Fixérono todos de marabilla e fixeron unha festa inesquecible!



Aquí podedes ver o vídeo resumo desta xuntanza. Esperamos volver repetir o próximo ano!

13/06/25

Cantacontos

O día 13 de xuño tivo lugar unha actividade de lectura compartida na que o alumnado de 3 anos de infantil do CEIP A Maía visitou a nosa biblioteca e asistiu a unha sesión de contos cantados por alumnos e alumnas de 4º de ESO, do Grupo de música do Club de lectura Bibliolocus. A actividade tamén incluíu a entrega dunhas bonitas plantas preparadas polos alumnos e alumnas de 1º FP Básica de Agroxardinería e composicións florais.

Os pequenos e pequenas escoitaron con atención os contos cantados, bailaron ao ritmo das súas cancións favoritas e tamén se animaron a saír ao palco e amosarlles aos nenos máis grandes o ben que cantaban.



Elisa, Lucía e Zoe cantaron a cantiga Se chove, de Treixadura, e o conto Matarile, acompañados á guitarra por Pablo.


Elisa e Lucía cantan o conto Se che pica un mosquito, acompañadas por Héctor ao violín, Pablo á guitarra e Zoe ao piano.

O grupo interpreta a canción Corre cabaciña, unha das preferidas dos pequechos que acompañan cantando e batendo palmas. 


Mais, xa abonda de tanto estar sentados!! Chegou o momento de bailar!


A seguir, Adrián e Saray, alumnos de Agroxardinería, fixeron entrega das plantas. Houbo para grandes e pequenos!



Como a estas alturas da festa xa eramos unha familia, os pequechos tamén se arrincaron a cantar. E que ben o fixeron!! O tempo pasou voando! Cunha derradeira canción, O Pico, de Riobó, interpretada por Elisa ao violín e Pablo á guitarra, demos por rematada a xolda e despedímonos ata o próximo curso!

Moitas grazas ao alumnado participante do IESP de Ames polo seu traballo e moitas grazas ao alumnado do CEIP A Maía por compartir este tempo connosco e encher o instituto de alegría. 

Seguiremos con máis actividades conxuntas no próximo curso!

19/05/25

A danza, patrimonio inmaterial 2024-2025

O 29 de abril celébrase o Día Internacional da danza, unha conmemoración do valor patrimonial e artístico da danza, que ten lugar no aniversario do nacemento de Jean-George Noverre, bailarín e profesor de danza, considerado o creador do ballet moderno.

Como no curso anterior, no instituto celebramos a danza ao longo de todo o curso, integrándoa na nosa vida cotiá. Ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial e Proxecto deportivo de centro do Plan Proxecta, e do programa Ponte...nas ondas! desenvolvimos algunhas actividades relacionadas coa danza que xa son clásicos anuais, e incorporamos algunhas actividades novas:

Aproveitando que este ano o Día das Letras Galegas estaba dedicado ás cantareiras e a tradición oral popular, creamos un club de lectura/obradoiro dedicado ás cantigas e pandeiretas, impartido por Suso Iglesias, e outro dedicado a danza tradicional galega, impartido por Simón Fustes. Cada un dos obradoiros desenvolveuse ao longo do curso cunha periodicidade semanal.

Desde decembro están en marcha o Club de lectura de literatura tradicional, cantigas tradicionais e pandeireta e o Obradoiro de danza tradicional. En ambas actividades participan tanto alumnado como profesorado.


En decembro o alumnado de 4º ESO da materia de Xeografía e Historia realizou unha investigación utilizando a metodoloxía de Historia oral na que recolleron as lembranzas das súas familias en relación ás xuntanzas populares que recibían nomes moi diferentes, tales como foliadas, seráns, fiadeiros, albaroques, etc., e o seu valor como patrimonio inmaterial. 

En xaneiro as alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia investigaron sobre a Idade Media en Ames, como parte desa investigación tamén se fixaron na música e na danza, e en febreiro participaron nun obradoiro de danza medieval e renacentista impartido por Loli Fojón, da Academia LoDanza.


En febreiro, o alumnado de 4º ESO da materia de Xeografía e Historia e de 2º Bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia participou nun obradoiro de danza contemporánea con música de Baiuca. O obradoiro estivo a cargo de Loli Fojón, da Academia LoDanzas.


En marzo, traballamos o jazz, e o alumnado de 4º ESO da materia de Xeografía e Historia participou no obradoiro de Lindy Hop impartido un ano máis por Carlos Tomico, da Academia Alfaia.


No mesmo mes, as alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia analizaron o papel da emigración e da inmigración en Galicia e participaron nun obradoiro de roda cubana impartido por Gonzalo Berdeal.


Para rematar, o alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Educación Física realizou unha foliada o día 16 de maio no xardín da zona norte do eido do centro, á que se uniu tanto o alumnado como o profesorado.

24/03/25

Feliz día da poesía

Para celebrar o día da poesía, o día 21 de marzo, os alumnos e alumas de 3º de ESO da materia de Lingua e literatura galega seleccionaron os seus versos preferidos, escribíronnos en tarxetiñas de cores e deixáronos no expositor da biblioteca para que o restos da comunidade educativa collese o que máis lle gustase.

Esperamos que vos guste o agasallo e animámosvos a que deixedes tamén vós escritos os vosos poemas preferidos. 



 



21/03/25

Xa o di o refrán!

As alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia, preguntou ás familias sobre refráns relacionados coas diferentes estacións do ano e deu a coñecer os resultados da súa investigación nunha exposición no xardín norte do centro que ía mudando á medida que pasaban as diferentes estacións.

En cada estación colocouse a exposición no interior do centro para comezar, despois levouse ao tendal do xardín norte para que puidesen vela outros membros da comunidade educativa e, por último, distribuise polas diferentes árbores do xardín norte. Ao distribuílo polas árbores pretendíase que o alumnado circulase polo eido e coñecese tanto os refráns como as distintas especies arbóreas. Ademais, os refráns foron escritos nun soporte imitando bocadillos de cómic para crear o efecto de que eran as persoas que percorrían a exposición as que dicían os refráns.


Os refráns de outono foron preparados e expostos entre outubro e xaneiro.





Entre xaneiro e marzo foron expostos os refráns de inverno. 




Entre marzo e xuño estarán expostos os refráns de primavera. As alumnas prepararon os refráns como parte da preparación dun roteiro polo eido do centro para o alumnado de 1º ESO do IES de Milladoiro. Unha das actividades deseñadas foi que o alumnado visitante colocase os refráns no tendal do xardín norte.

En breve serán expostos os refráns de verán.

Coñecedes vós algún refrán? Dicídenolo e participade nesta recolla de dun elemento importantísimo do noso patrimonio cultural inmaterial.

NaturExplora

O 21 de marzo celébrase o Día internacional dos bosques, e para celebralo, as alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia, inauguraron a actividade NaturExplora que consiste nun roteiro polo eido do centro para explorar e descubrir aspectos agochados sobre a natureza cotiá máis achegada a nós, e que, acotío, pasa desapercibida.

As alumnas organizaron dous roteiros polo eido do instituto diferentes, un o día 12 de marzo, para o alumnado de 1º de ESO do IES de Milladoiro, e outro o día 19 de marzo, para o alumnado de 4º ESO do noso instituto.

Ao longo deste roteiro o alumnado visitou e intercambiou información sobre as distintas accións que se levan desenvolvendo no eido do instituto desde o curso 2020-2021 ao abeiro do proxecto Patio con(vida), dentro do Proxecto Terra, para conseguir un desenvolvemento ecosocial do eido.

As alumnas de 2º de bacharelato prepararon distintas actividades relacionadas coa natureza presente no eido do centro que os alumnos e alumnas realizaron amosando un grande interese e implicación.













O alumnado de 2º de bacharelato preparou a actividade con moito agarimo, como podedes ver nestas imaxes. As alumnas de 2º de bacharelato están tamén preparando un roteiro autoguiado polas árbores do eido do centro, que estará dispoñible en breve.