05/11/26

Efervesciencia no IES de Ames

O xoves, 5 de novembro, levouse a cabo unha actividade conxunta do Club de Ciencia e o proxecto Ponte...nas Ondas! para conmemorar o Mes da ciencia en galego.

A actividade consistíu nunha charla-obradoiro do químico e divulgador científico Manuel Vicente, pioneiro na divulgación científica en galego e director do programa da RTVG Efervesciencia. 

Manuel falou sobre divulgación científica e levou a cabo un obradoiro en elaboración de producións radiofónicas centradas na ciencia en galego, no cal, partindo das propias gravacións do alumnado no curso anterior, compartiu connosco os seus segredos para facer un programa de radio sobre ciencia entretido e de calidade. 

Despois deste obradoiro, o alumnado está desexando comezar xa a elaborar os seus propios programas e poñer en práctica o aprendido. Estade atentos porque axiña teredes novidades dispoñibles!!



04/11/26

Arqueoloxía contemporánea do cotián

O alumnado da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia participou o día 4 de novembro na charla Que é o patrimonio? Arqueoloxía da casa labrega, impartida por Cristina Incio del Río, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (Incipit, CSIC).

A arqueoloxía é a ciencia que estuda as sociedades a través das súas producións materiais (obxectos, estruturas, etc.) mais, como demostrou Cristina, non só estuda as sociedades do pasado senón que tamén pode estudar sociedades máis recentes e mesmo actual. Ademais, a arqueoloxía non só investiga sobre personaxes poderosos e grandes eventos, senón que estuda tamén a vida cotiá das persoas anónimas. E diso, precisamente, nos falou Cristina das súas investigacións realizadas nunha casa labrega de Silva escura, no municipio de Forcarei.

Logo de compartir co alumnado os resultados do seu proxecto de investigación, Cristina amosou ao alumnado diferentes obxectos contemporáneos recuperados durante excavacións arqueolóxicas en niveis estratigráficos recentes.




02/11/26

As razas autóctonas galegas como patrimonio cultural

O día 2 de novembro, visitou o noso centro o gandeiro e veterinario Davide Outeiro. Davide tamén é director técnico de BOAGA, a Federación de Razas Autóctonas de Galicia.

Davide charlou co alumnado de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia sobre a importancia patrimonial das razas autóctonas de Galicia e como estas inflúen na paisaxe galega e todos os elementos que a compoñen (obxectos, construcións, vestimenta, etc.).

Desde BOAGA protexen e promoven a conservación de varias especies autóctonas galeas: Gando bovino (Caldelá, Cachena, Frieresa, Limiá e Vianesa), gando ovino e caprino (Ovella galega e Cabra galega), e gando avícola (Galiña de Mos).

Davide amosou aos alumnos e alumnas algúns obxectos relacionados coa gardería tradicional que se están a perder: unha choca, un bozo, unhas tesoiras de tosquiar, e unha carapuza apícola. Serías quen de recoñecelos?

O día 4 de novembro visitaranos a arqueóloga Cristina Incio que tamén nos falará da paisaxe rural e, en relación coa charla de Davide sobre as razas autóctonas e o seu impacto na paisaxe, nos falará da casa labrega.



28/10/26

Pilleite II!

Comezou hoxe, 28 de outubro de 2026, a II Edición dos desafíos Πlleite!. Un concurso intercentros de desafíos matemáticos en galego organizado polos equipos de Dinamización Lingüística e os departamentos de Matemáticas dos IES Julián Magariños, IES Milladoiro e IES de Ames 

O alumnado de 1º de ESO a 1º  de bacharelato enfrontaranse a un desafío mensual desde outubro ata febreiro, que terá lugar na biblioteca do centro no segundo recreo do derradeiro mércores de cada mes (agás en decembro que será o derradeiro mércores do trimestre). 

As persoas gañadoras nos tres centros competirán na final de marzo. 

Con esta actividade, favorecemos a motivación, o traballo cooperativo e a presenza activa do alumnado na vida do centro.

Moitos ánimos!!! 



17/10/26

Día do Patrimonio Cultura Inmaterial

O día 17 de outubro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. Esta data foi instaurada pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 2023 para protexer, difundir e poñer en valor a riqueza das tradicións, a cultura viva e a memoria colectiva.

En Galicia esta data foi instituída para recoñecer expresións como a tradición oral, as artes do espectáculo, os usos sociais, os rituais, os festexos e os saberes vinculados á artesanía ou á natureza. 

O noso centro participa en varios programas de investigación, conservación e divulgación do patrimonio cultural, mais o máis representativo do patrimonio cultural inmaterial é a pertenza do instituto á rede de centros Ponte...nas Ondas de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial.

A asociación Ponte...nas Ondas! está acreditada pola UNESCO e recoñecida no seu Rexistro de Boas Prácticas e realiza cada ano unha morea de actividades na comunidade para celebrar esta data.

Onte, 16 de outubro, levou a cabo a cerimonia de entrega dos premios do IX Certame de  Imaxes do Patrimonio, no que, como xa informamos noutra entrada do blog, o noso centro resultou premiado.

Outra actividade en que participou o alumnado do centro recentemente, tamén relacionado con esta data, foi a descuberta das murallas de Santiago de Compostela, organizada pola Dirección Xeral de Patrimonio cultural, ao abeiro das Xornadas europeas do Patrimonio.

Hoxe poderedes desfrutar de moitas actividades organizadas pola Asociación Ponte...nas Ondas!, así como outros organismos relacionados co patrimonio como o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego. Feliz día!!

16/10/26

O IESP de Ames premiado no IX Certame de Imaxes do Patrimonio

O IESP de Ames recibiu o Premio Especial do Xurado no IX Certame de Imaxes do Patrimonio organizado pola Asociación Cultural Ponte...nas Ondas! en recoñecemento ao seu traballo de recollida de fotografías ao longo dos anos.  Temos a honra de compartir este premio co IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, o IES Valadares, de Vigo, e o CPI Virxe do Monte, de Cospeito. 

Mandamos os nosos máis sinceiros parabéns a estes tres centros, aos centros premiados nas outras categorías e a todos os centros e persoas participantes. Tamén enviamos un profundo agradecemento aá Asociación Cultural Ponte... nas ondas! polo seu traballo infatigable na defensa do patrimonio cultural inmaterial galego e portugués e por inspirar e tender pontes de unión entre tantos centros escolares para a recuperación do noso patrimonio. 

O alumnado participante nesta ocasión foi o de 2º de ESO, 4º de ESO de Xeografía e Historia e mais o alumnado de 2º de Bacharelato das materias de Xeografía e de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia. As persoas participantes buscaron, con axuda das súas respectivas familias, unha fotografía o máis antiga posible da que puidesen explicar a súa historia. 

Unha vez escollida a fotografía, cada alumno e alumna recolleu por escrito a historia da fotografía reconstruída coa súa familia e entregou unha ficha dixital incluíndo un título, unha copia da fotografía, a explicación da fotografía en 250 palabras e unha reflexión sobre o traballo. 

Os alumnos e alumas  premiados están na actualidade nun curso superior, pois o fallo do xurado e a entrega dos premios realízase ao comezo do curso seguinte, nesta ocasión coincidindo co Día do Patrimonio Cultural Inmaterial, o 17 de outubro. Moitos parabéns ao alumnado participante nesta edición e nas edicións anteriores, xa desde o IV certame, no curso 2020-2021! 

A seguir compartimos algunhas das fotografías participantes e mais as súas historias. Poderedes ver as demais a vindeira semana no espacio de exposición Maruxa Mallo, enfronte da biblioteca. Tamén podedes ver algunhas das fotografías enviadas ao concurso en edicións anteriores: 2020-2021, 2021-2022, 2022-2023, 2023-2024 e 2024-2025. 

Ao longo destes seis anos 501 alumnos e alumnas contribuíron a formar unha colección do mesmo número 501 fotografías con cadansúa historia única. Deste total, 147 alumnos e alumnas animáronse a participar no certame Imaxes do Patrimonio ao longo do tempo. As historias recollidas son testemuño da procedencia variada do alumnado do instituto, cun 11% das historias referidas a Ames, 25% a Galicia e un 64% protagonizadas por persoas de diferentes zonas de España e do mundo. Os temas representados son variados, con predominio de historias da vida cotiá (37%), seguido polas migracións (18%), Guerra Civil (10%) e profesións e oficios (10%). Ademais, están representados temas como a política da ditadura, as tradicións, o servizo militar, a situación da muller, o ensino, o ensino, o colonialismo,  a I Guerra Mundial, a II Guerra Mundial e os conflitos en latinoamérica. 

A participación no certame tamén deu lugar a unha fermosa colaboración entre o noso instituto e a Escola secundária Clara de Resende, de Porto.

As fotografías recollidas polo alumnado visibilizan historias persoais que percorren todo o rango de emocións: doces, simpáticas, felices, anecdóticas unhas veces;  tristes, conmovedoras, terribles, heroicas, de superación, de sufrimento outras. Todos os testemuños amosan a influencia do contexto histórico sobre elas e nos axudan a comprender mellor o noso presente, así como a imaxinar un futuro máis xusto. 

Agradecemos enormemente a xenerosa colaboración de alumnado e familias ao longo destes anos na construción cooperativa desta colección e animámosvos a que continuedes a participar neste rede de recuperación e conservación do noso patrimonio cultural inmaterial que cada vez chega a máis centros escolares de Galicia e Portugal! 

Animádevos 


O corazón de Papworth tamén latexa en galego

Esta fotografía foi tomada no ano 1968 na parte traseira do Royal Papworth Hospital en Cambridgeshire, no Reino Unido. Nela aparecen dúas mulleres moi especiais para min: a miña bisavoa, a segunda pola esquerda, e a miña tía avoa, a primeira pola esquerda. 
As dúas decidiron emigrar nos anos sesenta, cando en Galicia a vida era dura e non había traballo abondo. Elas marcharon moi novas e foron contratadas para traballar como auxiliares no hospital de Papworth que acabaría sendo moi coñecido en todo o Reino Unido xa que alí se realizou en 1979 o primeiro trasplante de corazón exitoso do país. 
Para min é emocionante pensar que a miña familia xa formaba parte da historia do hospital antes dese momento tan importante. 
Na foto vese ás dúas vestidas co uniforme branco e verde de traballo, sorrintes, mais tamén cunha forza interior que non se pode ver a simple vista.
Creo que esta imaxe non amosa só un recordo familiar, senón tamén un anaco do patrimonio da nosa memoria colectiva. 
Moitas mulleres galegas tiveron que marchar da súa terra, deixando atrás ás súas familias, para buscar un futuro mellor. Elas foron valentes, loitaron por abrirse camiño nun país alleo, e asemade demostraron que as mulleres podían ter un papel esencial en lugares como a sanidade.
Para min, esta fotografía é un símbolo de emigración, de sacrificio e de orgullo. Ensíname que o patrimonio non son só pedras ou monumentos, senón tamén as historias vivas das persoas que nos precederon. Adela Lucas Patiño




Un día de festa na infancia do meu avó

Esta fotografía foi tomada o 15 de agosto de 1958 en Suevos, parroquia de Santa María de Trasmonte, municipio de Ames, A Coruña. 

Nela pódese ver ao meu avó materno Manuel (o neno situado máis á esquerda), que por aquel entón tiña 8 anos; a miña bisavoa María (situada ao lado), que tiña 35 anos; o meu tataravó Manuel (sentado), que tiña 84 anos e, lamentablemente, quedou viúvo cando a miña bisavoa aínda era moi pequena; a súa irmá miña tía tataravoa (ao lado do meu tataravó), que tiña 72 anos; e o curmán do meu avó, José Luis (ao lado da miña tía tataravoa), que tiña 5 anos. 

A persoa que tomou a foto foi a nai de José Luis, quen acababa de regresar de Venezuela. Alá comprara unha cámara, así que decidiron tomarse unha fotografía para lembrar ese día especial. Ao fondo pódense ver moitas árbores e unha palleira, que formaban parte do eido da casa do meu avó.

Lamentablemente, hoxe en día xa non queda ninguén con vida dos que aparecen nesa imaxe. Nin sequera o meu avó, que se estivese vivo hoxe tería 75 anos. Desafortunadamente, morreu dun cancro moi grave cando a miña nai era nova, deixando á miña avoa viúva moi nova cunha filla que criar. E por iso esta foto ten un valor moi especial para a miña familia. Irene Priegue Fabeiro




Carpintería do bisavó

Esta fotografía, foi tomada por un fotógrafo profesional o 28 de marzo de 1960, segundo anotación do meu bisavó no reverso da fotografía, nun taller de carpintería en Bastavales, Brión, A Coruña.  Representa o día a día habitual nunha carpintería naquel tempo: o mestre carpinteiro-ebanista (o meu bisavó, situado á esquerda) corta unha pequena peza de madeira no lateral da máquina de carpintería baixo a atenta mirada dun dos seus aprendices que, ao mesmo tempo, rebaixa un listón de madeira na mesma máquina. Ao fondo, o outro  aprendiz vai acomodando as pezas que xa quedan listas no traballo final. 
A carpintería era un oficio que o meu bisavó adoraba e que lle encantaba explicar aínda cando tivo que deixar de desenvolvelo. Iria Piñeiro Cea




O descanso dos que traballan a terra

Esta fotografía foi tomada no Barral,Pontedeume, A Coruña, no mes de agosto de 1939, durante unha romaría que se celebraba no campo da festa do lugar, xusto ao lado dos actuais merendeiros. 
No reverso da imaxe aparece escrita esa data á man. O autor da fotografía non se coñece, mais probablemente fose un veciño da zona que tiña cámara e retratou a familia como recordo dun día especial.

No centro está meu avó Gonzalo Allegue, cando era un neno; á súa dereita está a súa nai, Generosa Torre; e máis á dereita a súa irmá Carmen Allegue e o seu irmán Vicente Allegue. Á esquerda de Gonzalo aparece a súa avoa Balbina Varela, e á esquerda dela están os seus irmáns Juan Allegue, o maior, e Francisco Allegue.

Todos eles eran da aldea do Barral, situada na parte alta de Pontedeume, na provincia da Coruña. Desde alí vese moi ben a ría de Ares e os solpores son moi fermosos, con cores douradas sobre o mar. 

A familia Allegue Torre vivía con poucos recursos, mais sempre unida e con moita alegría. 

A fotografía recolle un momento de festa e convivencia familiar, nun tempo en que as fotos eran escasas e moi valiosas. 

Grazas aos recordos de miña nai, que é filla de Gonzalo, podo entender que esta imaxe representa non só un día feliz, senón tamén a forza e o cariño dunha familia sinxela que soubo gozar das pequenas cousas. Paulo Santiago Allegue





Avó con avós

Esta fotografía foi tirada o cuarto domingo de outubro de 1945, que caeu en día 28, nunha aldea de Outes chamada Róo de Arriba,  da parroquia de San Xoan de Róo, durante a celebración da festa das Angustias na aldea. 
Nela aparecen meu avó, chamado Eugenio Fernández Fernández, que é o rapaz do medio e aínda non tiña un ano; a avoa materna do neno,  Josefa Fernández Fiuza, que tiña 56 anos; e o avó materno do neno,  Eugenio Fernández Suárez, que tiña 54 anos. 
A foto está sacada diante da porta da casa dos avós do neno, por tanto, de meus tataravós paternos, na que vivían todos xuntos. 
Os pais de meu avó (meus bisavós paternos) decidiron facer o bautizo ese día porque ao ser a festa da aldea era mais fácil xuntar a toda a familia para festexar. 
O día da festa das Angustias pasaba sempre un fotografo que ía en bicicleta coa cámara ás costas, e aproveitaron e sacaron unha foto de meu avó cos seus avós, xa que era o único neto que tiñan nese momento. Despois tiveron tres mais. 
Non fixeron nada especial polo bautizo de meu avó, pois ao ser a festa das Angustias, xa celebraron coma sempre, facendo un xantar máis especial, e mesmo, ás veces, entre varias familias mataban un becerro para a festa. Alba Sendón Fernández




O meu avó na concentración parcelaria

A fotografía amosa a unhas persoas traballando xuntas na concentración parcelaria que se fixo no Concello de Negreira a partir do ano 1963. 

Unha das persoas que aparecen nesa fotografía (a segunda comezando pola dereita) é o meu avó materno que faleceu hai case dous anos e que se chamaba Bonifacio Vilas. 

Na fotografía tiña aproximadamente 20 anos. Naceu no lugar de Ponte Maceira, parroquia de Portor, Concello de Negreira. Como xa faleceu non puido contarme a historia da fotografía, mais el si que lla contara a miña nai, entón ela puido explicarma. 

Como xa dixen, a foto amosa uns homes facendo medicións de fincas dunha mesma persoa que eran moi pequenas, cuxas superficies se sumaban e se lle cambiaban por unha soa finca do tamaño total aproximado. A concentración parcelaria fíxose para evitar o minifundismo e facilitar a labor dos agricultores. Lía Gómez Vilas

13/10/26

Obradoiro de micoloxía

O venres, 9 de outubro de 2026, o alumnado da materia de Bioloxía de 1º de ESO participou nun obradoiro de micoloxía organizado polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

O obradoiro estivo acompañado pola exposición Wood wide web: a rede que dá vida ao planeta. A importancia ecolóxica e ambiental dos cogomelos, formada por 16 paneis con información sobre a importancia dos fungos no desenvolvemento sostible.

No obradoiro tamén se deron indicacións de como apañar cogomelos, en Galicia non se deben cortar os pés senón que debe collerse o pé enteiro coa bolba, tapando coidadosamente o burato enseguida para protexer o micelio. Tédeo en conta a próxima vez que saiades de exploración micolóxica!




09/10/26

Descuberta patrimonial

O alumnado de 2º e 3º de ESO voluntario da biblioteca e da radio e o alumnado participante no Club de ciencia, desfrutou dunha xornada de descuberta do patrimonio de Santiago de Compostela  realizada o venres, 9 de outubro de 2026.

Esta actividade, consistente nun xogo de pistas, foi desenvolvido ao abeiro do proxecto Educación Patrimonial, do Plan Proxecta, e como parte das Xornadas Europeas de Patrimonio, organizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

09/09/26

Feliz curso 2026-2027!

Un novo curso que comeza e, coma sempre, tedes as portas da vosa biblioteca abertas. Xa están dispoñibles todas as lecturas para o novo curso. Lembrade que podedes consultar os nosos fondos tanto fisicamente na sala como virtualmente a través do noso catálogo en liña. Que teñades un moi feliz curso!

19/06/26

Feliz verán de lecturas 2026!

Xa chegamos ao remate do curso 2025/2026... mais non marchedes sen botar unha ollada ás recomendacións de lecturas para o verán realizadas pola microrrede de bibliotecas escolares do municipio de Ames. Hai suxestións para todas as idades!

Na biblioteca tedes un exemplar de cada un dos recursos recomendados así que podedes pedir o que vos guste en préstamo para o verán. Tamén tedes á vosa disposición bibliografía moi interesante sobre astronomía e sobre os eclipses para que esteades perfectamente informados para o eclipse solar do 12 de agosto. E se ningún destes vos atrae, tedes moitos máis onde escoller na biblioteca. Animádevos!

Desexámosvos un moi feliz verán de lecturas e agardamos vervos en setembro!