Amosando publicacións coa etiqueta Educación Patrimonial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Educación Patrimonial. Amosar todas as publicacións

17/10/26

Día do Patrimonio Cultura Inmaterial

O día 17 de outubro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. Esta data foi instaurada pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 2023 para protexer, difundir e poñer en valor a riqueza das tradicións, a cultura viva e a memoria colectiva.

En Galicia esta data foi instituída para recoñecer expresións como a tradición oral, as artes do espectáculo, os usos sociais, os rituais, os festexos e os saberes vinculados á artesanía ou á natureza. 

O noso centro participa en varios programas de investigación, conservación e divulgación do patrimonio cultural, mais o máis representativo do patrimonio cultural inmaterial é a pertenza do instituto á rede de centros Ponte...nas Ondas de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial.

A asociación Ponte...nas Ondas! está acreditada pola UNESCO e recoñecida no seu Rexistro de Boas Prácticas e realiza cada ano unha morea de actividades na comunidade para celebrar esta data.

Onte, 16 de outubro, levou a cabo a cerimonia de entrega dos premios do IX Certame de  Imaxes do Patrimonio, no que, como xa informamos noutra entrada do blog, o noso centro resultou premiado.

Outra actividade en que participou o alumnado do centro recentemente, tamén relacionado con esta data, foi a descuberta das murallas de Santiago de Compostela, organizada pola Dirección Xeral de Patrimonio cultural, ao abeiro das Xornadas europeas do Patrimonio.

Hoxe poderedes desfrutar de moitas actividades organizadas pola Asociación Ponte...nas Ondas!, así como outros organismos relacionados co patrimonio como o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego. Feliz día!!

16/10/26

O IESP de Ames premiado no IX Certame de Imaxes do Patrimonio

O IESP de Ames recibiu o Premio Especial do Xurado no IX Certame de Imaxes do Patrimonio organizado pola Asociación Cultural Ponte...nas Ondas! en recoñecemento ao seu traballo de recollida de fotografías ao longo dos anos.  Temos a honra de compartir este premio co IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, o IES Valadares, de Vigo, e o CPI Virxe do Monte, de Cospeito. 

Mandamos os nosos máis sinceiros parabéns a estes tres centros, aos centros premiados nas outras categorías e a todos os centros e persoas participantes. Tamén enviamos un profundo agradecemento aá Asociación Cultural Ponte... nas ondas! polo seu traballo infatigable na defensa do patrimonio cultural inmaterial galego e portugués e por inspirar e tender pontes de unión entre tantos centros escolares para a recuperación do noso patrimonio. 

O alumnado participante nesta ocasión foi o de 2º de ESO, 4º de ESO de Xeografía e Historia e mais o alumnado de 2º de Bacharelato das materias de Xeografía e de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia. As persoas participantes buscaron, con axuda das súas respectivas familias, unha fotografía o máis antiga posible da que puidesen explicar a súa historia. 

Unha vez escollida a fotografía, cada alumno e alumna recolleu por escrito a historia da fotografía reconstruída coa súa familia e entregou unha ficha dixital incluíndo un título, unha copia da fotografía, a explicación da fotografía en 250 palabras e unha reflexión sobre o traballo. 

Os alumnos e alumas  premiados están na actualidade nun curso superior, pois o fallo do xurado e a entrega dos premios realízase ao comezo do curso seguinte, nesta ocasión coincidindo co Día do Patrimonio Cultural Inmaterial, o 17 de outubro. Moitos parabéns ao alumnado participante nesta edición e nas edicións anteriores, xa desde o IV certame, no curso 2020-2021! 

A seguir compartimos algunhas das fotografías participantes e mais as súas historias. Poderedes ver as demais a vindeira semana no espacio de exposición Maruxa Mallo, enfronte da biblioteca. Tamén podedes ver algunhas das fotografías enviadas ao concurso en edicións anteriores: 2020-2021, 2021-2022, 2022-2023, 2023-2024 e 2024-2025. 

Ao longo destes seis anos 501 alumnos e alumnas contribuíron a formar unha colección do mesmo número 501 fotografías con cadansúa historia única. Deste total, 147 alumnos e alumnas animáronse a participar no certame Imaxes do Patrimonio ao longo do tempo. As historias recollidas son testemuño da procedencia variada do alumnado do instituto, cun 11% das historias referidas a Ames, 25% a Galicia e un 64% protagonizadas por persoas de diferentes zonas de España e do mundo. Os temas representados son variados, con predominio de historias da vida cotiá (37%), seguido polas migracións (18%), Guerra Civil (10%) e profesións e oficios (10%). Ademais, están representados temas como a política da ditadura, as tradicións, o servizo militar, a situación da muller, o ensino, o ensino, o colonialismo,  a I Guerra Mundial, a II Guerra Mundial e os conflitos en latinoamérica. 

A participación no certame tamén deu lugar a unha fermosa colaboración entre o noso instituto e a Escola secundária Clara de Resende, de Porto.

As fotografías recollidas polo alumnado visibilizan historias persoais que percorren todo o rango de emocións: doces, simpáticas, felices, anecdóticas unhas veces;  tristes, conmovedoras, terribles, heroicas, de superación, de sufrimento outras. Todos os testemuños amosan a influencia do contexto histórico sobre elas e nos axudan a comprender mellor o noso presente, así como a imaxinar un futuro máis xusto. 

Agradecemos enormemente a xenerosa colaboración de alumnado e familias ao longo destes anos na construción cooperativa desta colección e animámosvos a que continuedes a participar neste rede de recuperación e conservación do noso patrimonio cultural inmaterial que cada vez chega a máis centros escolares de Galicia e Portugal! 

Animádevos 


O corazón de Papworth tamén latexa en galego

Esta fotografía foi tomada no ano 1968 na parte traseira do Royal Papworth Hospital en Cambridgeshire, no Reino Unido. Nela aparecen dúas mulleres moi especiais para min: a miña bisavoa, a segunda pola esquerda, e a miña tía avoa, a primeira pola esquerda. 
As dúas decidiron emigrar nos anos sesenta, cando en Galicia a vida era dura e non había traballo abondo. Elas marcharon moi novas e foron contratadas para traballar como auxiliares no hospital de Papworth que acabaría sendo moi coñecido en todo o Reino Unido xa que alí se realizou en 1979 o primeiro trasplante de corazón exitoso do país. 
Para min é emocionante pensar que a miña familia xa formaba parte da historia do hospital antes dese momento tan importante. 
Na foto vese ás dúas vestidas co uniforme branco e verde de traballo, sorrintes, mais tamén cunha forza interior que non se pode ver a simple vista.
Creo que esta imaxe non amosa só un recordo familiar, senón tamén un anaco do patrimonio da nosa memoria colectiva. 
Moitas mulleres galegas tiveron que marchar da súa terra, deixando atrás ás súas familias, para buscar un futuro mellor. Elas foron valentes, loitaron por abrirse camiño nun país alleo, e asemade demostraron que as mulleres podían ter un papel esencial en lugares como a sanidade.
Para min, esta fotografía é un símbolo de emigración, de sacrificio e de orgullo. Ensíname que o patrimonio non son só pedras ou monumentos, senón tamén as historias vivas das persoas que nos precederon. Adela Lucas Patiño




Un día de festa na infancia do meu avó

Esta fotografía foi tomada o 15 de agosto de 1958 en Suevos, parroquia de Santa María de Trasmonte, municipio de Ames, A Coruña. 

Nela pódese ver ao meu avó materno Manuel (o neno situado máis á esquerda), que por aquel entón tiña 8 anos; a miña bisavoa María (situada ao lado), que tiña 35 anos; o meu tataravó Manuel (sentado), que tiña 84 anos e, lamentablemente, quedou viúvo cando a miña bisavoa aínda era moi pequena; a súa irmá miña tía tataravoa (ao lado do meu tataravó), que tiña 72 anos; e o curmán do meu avó, José Luis (ao lado da miña tía tataravoa), que tiña 5 anos. 

A persoa que tomou a foto foi a nai de José Luis, quen acababa de regresar de Venezuela. Alá comprara unha cámara, así que decidiron tomarse unha fotografía para lembrar ese día especial. Ao fondo pódense ver moitas árbores e unha palleira, que formaban parte do eido da casa do meu avó.

Lamentablemente, hoxe en día xa non queda ninguén con vida dos que aparecen nesa imaxe. Nin sequera o meu avó, que se estivese vivo hoxe tería 75 anos. Desafortunadamente, morreu dun cancro moi grave cando a miña nai era nova, deixando á miña avoa viúva moi nova cunha filla que criar. E por iso esta foto ten un valor moi especial para a miña familia. Irene Priegue Fabeiro




Carpintería do bisavó

Esta fotografía, foi tomada por un fotógrafo profesional o 28 de marzo de 1960, segundo anotación do meu bisavó no reverso da fotografía, nun taller de carpintería en Bastavales, Brión, A Coruña.  Representa o día a día habitual nunha carpintería naquel tempo: o mestre carpinteiro-ebanista (o meu bisavó, situado á esquerda) corta unha pequena peza de madeira no lateral da máquina de carpintería baixo a atenta mirada dun dos seus aprendices que, ao mesmo tempo, rebaixa un listón de madeira na mesma máquina. Ao fondo, o outro  aprendiz vai acomodando as pezas que xa quedan listas no traballo final. 
A carpintería era un oficio que o meu bisavó adoraba e que lle encantaba explicar aínda cando tivo que deixar de desenvolvelo. Iria Piñeiro Cea




O descanso dos que traballan a terra

Esta fotografía foi tomada no Barral,Pontedeume, A Coruña, no mes de agosto de 1939, durante unha romaría que se celebraba no campo da festa do lugar, xusto ao lado dos actuais merendeiros. 
No reverso da imaxe aparece escrita esa data á man. O autor da fotografía non se coñece, mais probablemente fose un veciño da zona que tiña cámara e retratou a familia como recordo dun día especial.

No centro está meu avó Gonzalo Allegue, cando era un neno; á súa dereita está a súa nai, Generosa Torre; e máis á dereita a súa irmá Carmen Allegue e o seu irmán Vicente Allegue. Á esquerda de Gonzalo aparece a súa avoa Balbina Varela, e á esquerda dela están os seus irmáns Juan Allegue, o maior, e Francisco Allegue.

Todos eles eran da aldea do Barral, situada na parte alta de Pontedeume, na provincia da Coruña. Desde alí vese moi ben a ría de Ares e os solpores son moi fermosos, con cores douradas sobre o mar. 

A familia Allegue Torre vivía con poucos recursos, mais sempre unida e con moita alegría. 

A fotografía recolle un momento de festa e convivencia familiar, nun tempo en que as fotos eran escasas e moi valiosas. 

Grazas aos recordos de miña nai, que é filla de Gonzalo, podo entender que esta imaxe representa non só un día feliz, senón tamén a forza e o cariño dunha familia sinxela que soubo gozar das pequenas cousas. Paulo Santiago Allegue





Avó con avós

Esta fotografía foi tirada o cuarto domingo de outubro de 1945, que caeu en día 28, nunha aldea de Outes chamada Róo de Arriba,  da parroquia de San Xoan de Róo, durante a celebración da festa das Angustias na aldea. 
Nela aparecen meu avó, chamado Eugenio Fernández Fernández, que é o rapaz do medio e aínda non tiña un ano; a avoa materna do neno,  Josefa Fernández Fiuza, que tiña 56 anos; e o avó materno do neno,  Eugenio Fernández Suárez, que tiña 54 anos. 
A foto está sacada diante da porta da casa dos avós do neno, por tanto, de meus tataravós paternos, na que vivían todos xuntos. 
Os pais de meu avó (meus bisavós paternos) decidiron facer o bautizo ese día porque ao ser a festa da aldea era mais fácil xuntar a toda a familia para festexar. 
O día da festa das Angustias pasaba sempre un fotografo que ía en bicicleta coa cámara ás costas, e aproveitaron e sacaron unha foto de meu avó cos seus avós, xa que era o único neto que tiñan nese momento. Despois tiveron tres mais. 
Non fixeron nada especial polo bautizo de meu avó, pois ao ser a festa das Angustias, xa celebraron coma sempre, facendo un xantar máis especial, e mesmo, ás veces, entre varias familias mataban un becerro para a festa. Alba Sendón Fernández




O meu avó na concentración parcelaria

A fotografía amosa a unhas persoas traballando xuntas na concentración parcelaria que se fixo no Concello de Negreira a partir do ano 1963. 

Unha das persoas que aparecen nesa fotografía (a segunda comezando pola dereita) é o meu avó materno que faleceu hai case dous anos e que se chamaba Bonifacio Vilas. 

Na fotografía tiña aproximadamente 20 anos. Naceu no lugar de Ponte Maceira, parroquia de Portor, Concello de Negreira. Como xa faleceu non puido contarme a historia da fotografía, mais el si que lla contara a miña nai, entón ela puido explicarma. 

Como xa dixen, a foto amosa uns homes facendo medicións de fincas dunha mesma persoa que eran moi pequenas, cuxas superficies se sumaban e se lle cambiaban por unha soa finca do tamaño total aproximado. A concentración parcelaria fíxose para evitar o minifundismo e facilitar a labor dos agricultores. Lía Gómez Vilas

18/06/26

Solsticio de verán

Despois da celebración dos Maios, xa estamos ás portas do verán, así que, que mellor para poñer o ramo ao curso que facelo cun ramo de San Xoan para celebrar o solsticio de verán? Se queres facer o teu propio ramallete na casa podes consultar os libros que temos na biblioteca sobre flora galega e, mais especificamente, as herbas de San Xoan.


E pechamos o curso como o comezamos, con refráns do verán, engadindo algúns novos que fomos recollendo ao longo do curso aos que tiñamos ao comezo. Sabes ti algún diferente? Non dubides en comunicárnolo a través da caixa de suxestións!

10/06/26

Visita ás Torres de Altamira

O día 10 de xuño alumnado de 3º ESO F, 4º ESO F, 1º de bacharelato, 1º FP Básica de Agroxardinería e composicións florais, e 1º FP Básica de Perruquería e estética, e o alumando do Club de lectura, visitou as Torres de Altamira, en Brión, como parte do programa de Educación Patrimonial, do Plan Proxecta, e en colaboración coa Asociación de Patrimonio de Brión.

O grupo realizou unha visita guiada polo xacemento da man de Mar Bóveda e Luciano López, da Asociación de Patrimonio de Brión, e asistiu a unha representación teatral a cargo de Os Quinquilláns, sobre a historia do castelo e as persoas a el asociadas.  

Dámoslle as grazas e un forte aplauso a Asociación de Patrimonio de Brión e a Os Quinquilláns, por achegarnos dun xeito tan ameno e interesante ao patrimonio da nosa contorna!





28/05/26

Foliada no eido do instituto

Entre as actividades de  conmemoración do Día das Letras Galegas, o alumnado de 4º de ESO e o profesorado do Club de lectura-obradoiro de baile galego participou nunha foliada. 

Esta festa serviu tamén para poñer peche á edición deste curso dos clubs de lectura e obradoiros de cantigas e pandeireta e de baile galego. 

Ao longo do curso, alumnado e profesorado achegáronse a este patrimonio cultural inmaterial tan identitario a través da lectura de coplas, o achegamento a grupos de baile e de música tradicional tanto clásicos como máis actuais, coa explosión do movemento Tradi, e a reinterpretación das cantigas, música e baile contribuíndo así a manter vivo o patrimonio.

Aproveitamos para presentarvos un libro que acaba de ser publicado e que seguro é do voso interese: Do baile da gaita á muiñeira, de Julio Alonso, publicado pola Editorial Galaxia. Xa podedes consultalo na nosa biblioteca!


Día das Letras Galegas 2026 adicado a Begoña Caamaño

O Día das Letras Galegas 2026 está adicado á Begoña Caamaño, escritora e xornalista que buscou contar as historias dun xeito alternativo e dar voz e protagonismo aos personaxes secundarios ou invisibilizados.


O alumnado de 3º de ESO F preparou unha fermosa e interesantísima exposición sobre a vida e as múltiples facetas da autora. Podedes visitar a exposición no espazo Maruxa Mallo enfronte da biblioteca en dúas modalidades: como visita autoguiada, cubrindo esta folla de actividades,  ou uníndovos a unha das sesións de visitas guiadas ofrecidas polo alumnado creador da exposición. Non podedes perdelas!






Entre as múltiples facetas de Begoña Caamaño está a de xornalista, reivindicando o dereito á información, tanto de prensa escrita como radiofónica. Para tomar a remuda da súa paixón polos micrófonos, o voluntariado da radio quixo facerlle unha homenaxe incluíndo a radio como protagonista da conmemoración do Día das Letras Galegas.

O programa dividiuse en catro seccións: biografía da autora, recensión de Morgana en Esmelle, entrevista a Xosé Antón López Silva, tradutor de Circe ou o pracer do azul ao castelán, e música ao vivo. Ademais, tamén se crearon biografías alternativas de diferentes personaxes femininas con mala sona (Santa Compaña, meigas, mouras, sereas) para reescribir a súa historia, tal e como fixera Begoña Caamaño; e un pasapalabras sobre os contidos do programa para poñer a proba ao público.




22/05/26

Roteiro literario e patrimonio

Como xa é tradicional, O Club de lectura Paroliñas, da comunidade educativa adulta, clausurou a edición do club cun roteiro literario. A obra escollida foi Memoria da choiva, de Pedro Feijoo, centrando o paseo, de entre os múltiples escenarios da novela, en Santiago de Compostela.

O roteiro, que tivo lugar o 21 de maio, principiou na zona nova, República do Salvador, número 28, onde acontece o primeiro asasinato, e rematou na estatua de Rosalía de Castro da Alameda.

Como aspecto destacado, o roteiro incluíu unha visita á biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG), da que, na novela, Calímaco de Brión é bibliotecario. No CCG fomos recibidos polo xornalista e escritor Manuel Gago, que nos acompañou á biblioteca. Alí falounos da biblioteca, amosounos algunhas das xoias alí contidas, como a primeira edición de Aires da miña terra, de Manuel Curros Enriquez, e explicounos o papel institucional do Consello da Cultura Galega e a súa importancia na conservación do patrimonio galego.

Rematamos o roteiro avaliando esta edición do club e achegando unha morea de ilusionantes propostas para a xeira do vindeiro curso. Vémonos en setembro!



18/05/26

Roteiro polo Parque Natural Fragas do Eume

O 18 de maio, o alumnado voluntario da biblioteca, radio, equipo de mediación e equipo de axuda, e o alumnado do club de lectura participou nun roteiro polo Parque Natural Fragas do Eume impartido polo medioambientalista Ángel Prieto e o biólogo Jorge López, do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA).



11/05/26

Charla-obradoiro sobre o Parque Natural Fragas do Eume

O 11 de maio, o alumnado voluntario da biblioteca, radio, equipo de mediación e equipo de axuda, e o alumnado do club de lectura participou nunha charla-obradoiro sobre o Parque Natural Fragas do Eume impartido polo medioambientalista Ángel Prieto, do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA).

Esta charla é a primeira parte dunha actividade de achegamento do alumnado ao monumento natural e nela o alumnado recibe información e realiza actividades relacionadas co que van ver nunha posterior saída ao campo. Despois da saída ao campo, o alumnado reflexionará sobre o aprendido e fará recomendacións para a conservación do parque natural para futuras xeracións.


04/05/26

Lembranzas no peto

O alumnado de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia reflexionou sobre as vivencias das persoas anónimas durante a II Guerra Mundial e como os conflitos bélicos trastocan as vidas de cidadáns e cidadás que viven alleos aos centros de poder.

Para iso o alumnado investigou sobre fontes secundarias que dan voz as vivencias de personaxes anónimos e sobre fontes primarias, recollendo testemuños familiares sobre a súa experiencia na Guerra Civil e a Ditadura Franquista.

Ademais, o 8 de maio, o alumnado puido tocar coas súas propias mans obxectos recuperados nun campo de batalla da Guerra Civil nun obradoiro sobre Arqueoloxía contemporánea ofrecido pola arqueóloga Cristina Incio e a historiadora Julia Ramos, que están a realizar as súas prácticas de mestrado no noso centro.





Para finalizar o exercicio de empatía histórica, o alumnado reflexionou sobre que obxectos levaría consigo en caso de que estourase unha III Guerra Mundial para que lle desen forza e o axudasen a superar os perigos e traumas da guerra para volver a casa. Como resultado da reflexión, os alumnos e alumnas realizaron unha ficha dixital na que incluíron un título que resumise a importancia do conxunto dos obxectos, unha fotografía dos obxectos, unha explicación da súa importancia emocional e unha reflexión sobre o traballo.

Algúns testemuños recollidos na actividade 1 imaxe vale máis con 250 palabras, que participarán este curso no IX Certame de Imaxes do Patrimonio, da Asociación Ponte...nas Ondas! recollen a importancia das fotografías de familiares como obxectos que eran levados á fronte polos soldados. Deixámosvos aquí un exemplo:


Eles, a miña esperanza

Esta fotografía foi tomada entre os anos 1937 – 1938 no único estudio de fotografía que había na vila de Lalín naquela época, co propósito de que o meu bisavó Manuel Rodríguez, a levara á Guerra Civil española, cando foi recrutado polo bando franquista para loitar no corpo de cabalería, xa que el tiña cabalos na casa.

Nela saen Ventura , a miña bisavoa; o meu avó materno Félix; a miña tía avoa Rosa; e a miña tía avoa Delia. Todos eles vivían na parroquia de Botos, Lalín, Pontevedra.

Con esta fotografía podía mirar a súa familia e coller forzas e ánimo para poder regresar algún día a casa e que rematara a guerra. 

Afortunadamente a guerra terminou e o meu bisavó puido regresar a casa coa súa familia. Cos anos tiveron dous fillos máis, Pepe e Amelia. Lucía Varela Rodríguez

01/05/26

XeoInvestigación

O alumnado de 2º de bacharelato da materia de Xeografía realizaron unha serie de traballos de investigación sobre fontes primarias, fixándose nos lugares da súa contorna máis próxima para visibilizalos e darlles protagonismo.

A primeira investigación que realizaron titúlase Todo é xeografía e ten por obxectivo que os alumnos e alumnas se fagan conscientes de que calquera elemento que os rodea pode ser analizado como elemento xeográfico. Para iso, cada alumno analizou un lugar da súa escolla fixándose nos aspectos naturais e nos aspectos antrópicos, así como os elementos intanxibles.

Aquí vos deixamos dous exemplos ben diferentes: un muíño de maquía en Riamonte e unhas visitas á ría de Muros.



A segunda investigación titúlase Atrapa un topónimo! e nela os alumnos e alumnas axudados polas súas familias recuperaron e documenton un microtopónimo da súa zona. Como exemplos dos diferentes microtopónimos analizados presentámosvos O anovado, en Bertamiráns, e o Ferradal en Quiroga, Lugo.




Para rematar, os alumnos e alumnas realizaron o traballo O meu lugar máxico, no cal compartiron información sobre os seus lugares favoritos, entre eles o Bosque da Fieira e o Pazo da Peregrina.


30/04/26

Dálle a volta!

O alumnado de 2º de bacharelato, da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia, estivo investigando sobre o patrimonio inmaterial, e nesa investigación non quixo esquecer a danza.

O alumnado escolleu dous ámbitos da danza popular relevantes en Galicia: a danza galega e a súa asociación coa música, o traballo e a festa; e a danza cubana, vinculada á emigración galega.

Ao longo dos luns entre xaneiro e marzo o alumnado participou nun obradoiro da danza galega impartido por Simón Fustes, bailador e profesor de Educación Física no centro.

O grupo investigou e aprendeu diferentes pasos e puntos de muiñeira e xota, e a actuar por quendas como líderes do grupo. Foron traballados dous libros (Traxes na Galiza e Imperios e danzas. As Españas plurais do Franquismo) e foi divulgada a música tradicional galega e a súa reinterpretación actual (Xabier Díaz, De Ninghures, Mondra, Tanxugueiras, Alana, Baiuca, Tanxugueiras, etc.).



Ao longo dos venres do mes de abril, o alumnado participou nun obradoiro de roda cubana impartido por Gonzalo Berdeal, bailarín e profesor de Informática no instituto.

O grupo investigou e aprendeu diferentes pasos da roda cubana (Recoge, Dile que no, Enchufla, Enchufla doble, Enchufla y al centro, Bola 1,2,3, Recoge, arriba y síguela, La flor, Aspirina, Croqueta, Croqueta con aspirina, Manolito, Cubanito, Kentucky, e Cero).



Moitas grazas a Simón e Gonzalo por concedernos o seu tempo e compartir os seus coñecementos, e parabéns ao alumnado pola súa implicación e aprendizaxe!

29/04/26

NaturExplora

O alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Xeografía, Historia e Patrimonio de Galicia continuou o traballo iniciado en cursos anteriores de estudo das árbores do eido do instituto. Remataron a gravación do pódcast con información sobre as árbores do eido para facer un roteiro autoguiado e comezou a elaboración dunha colección didáctica de follas das árbores do eido realizadas con goma eva, como parte dos programas de Biblioteca creativa e Polos creativos.

Aquí podedes escoitar a información das paradas do roteiro NaturExplora polas árbores do eido:

A realización da colección didáctica das follas das árbores do eido do centro é un proceso longo con varias fases. O alumnado recolleu as follas das diferentes especies de árbores e realizou un herbario analóxico e dixital. O herbario dixital foi convertido a formato .svg para poder importar en Inkscape. Co programa configurouse a silueta das follas que foron elaboradas en goma eva na cortadora láser. Podedes ver dous exemplos de follas: o tulipeiro de Virxinia (Liriodendron tulipifera), especie americana introducida en Galicia como árbore ornamental, e o castiñeiro (Castanea sativa), especie nativa galega. As follas foron escaneadas polo anverso e polo reverso para ter máis información sobre as características morfolóxicas e botánicas.