17/01/21

Patio con(vida) en inverno

Seguimos a investigar o noso centro no marco do proxecto Patio con(vida) a convivir ao abeiro do Proxecto Terra e do Proxecto Educación Patrimonial, ambos os dous dentro do Plan Proxecta, e do PFPP do centro O IESP de Ames: Un espazo sostible e seguro. Tamén está relacionado coa temática das bibliotecas escolares deste curso: Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

O proxecto consiste na observación, estudo, conservación, dinamización e mellora do eido do noso centro para facelo máis sostible tanto a nivel ambiental como social e convertelo nun lugar de convivencia para toda a comunidade educativa. 

Neste proxecto están a participar alumnos e alumnas desde 1º de ESO ata 2º de bacharelato que farán achegas desde diferentes materias tales como  Bioloxía e Xeoloxía, Educación física, Educación plástica,  Física e Química, Lingua galega e literatura, Matemáticas e Xeografía e Historia, co apoio da biblioteca do centro.

O comezo do segundo trimestre deixou bonitas imaxes de xeada na vexetación do noso centro: 


As árbores caducifolias xa perderon as súas follas agás algúns dos carballos da zona norte que aínda conservan unhas poucas. A maior parte das plantas documentadas en outono perderon a súa flor, aínda que outras, como as camelias ou os lourentinos, están cada vez máis floreadas.

Xa comezamos a rexistrar os cambios nas características da vexetación nesta nova estación e andamos á espreita de novas plantas que poidan ir aparecendo. Tamén aproveitaremos esta estación para plantar algunhas plantas aromáticas.

No noso patio seguimos a ver e ouvir merlos (Turdus merula), carrizos (Troglodytes troglodytes), paporrubios (Erithacus rubecula), pardais (Passer domesticus), estorniños negros (Sturnus unicolor), lavandeiras brancas (Motacilla alba), corvos (Corvus corone) e pegas (Pica pica), aínda que a garza (Ardea cinerea) non volveu visitarnos polo de agora. Manteremos os ollos e ouvidos abertos a ver que novas aves invernías descubrimos. Polo de agora, deixámosvos as fotografías destas aves (tomadas da wikipedia, pois non conseguimos aínda fotografalas) e propoñémosvos que xoguedes a identificalas:


Tamén documentamos outros animaliños no noso patio. Nas dúas fotos a seguir podedes ver unha típula (Tipula) e unha barbantesa (Mantis religiosa):


Os alumnos e alumnas de 4º de ESO están a identificar as temáticas de estudo en relación coa historia dos 25 anos do centro. Calquera suxestión é máis que benvida!!

E o os ciclóns extratropicais, borrascas e chuvas deste inverno tamén chegaron ao interior do noso instituto coas cores dos paraugas que aledan os nosos corredores e paraugueiros.


Neste enlace e neste podedes descubrir algúns cadros que teñen o inverno como protagonista. A seguir podedes ver o cadro O inverno, de Giuseppe Arcimboldo pintado en 1563 como parte da serie As catro estacións e un vídeo que amosa outros cadros con temática invernía. Ademais desfrutar de belas imáxenes do inverno acompañadas do Inverno, do grupo das catro estacións, escritas entre 1716 e 1717 por Vivaldi.



Ningún comentario:

Publicar un comentario