Seguimos a investigar o noso centro no marco do proxecto Patio con(vida) a convivir ao abeiro do Proxecto Terra e do Proxecto Educación Patrimonial, ambos os dous dentro do Plan Proxecta, do PFPP do centro O IESP de Ames un espazo sostible e seguro. Tamén está relacionado coa temática das bibliotecas escolares deste curso: Xeografías lectoras na biblioteca escolar.
O proxecto consiste na observación, estudo, conservación, dinamización e mellora do eido do noso centro para facelo máis sostible tanto a nivel ambiental como social e convertelo nun lugar de convivencia para toda a comunidade educativa.
Chegou a primavera e xa vemos un gran cambio no noso contorno, na meteoroloxía, na luz, na duración do día e tamén na flora e fauna. O espazo do noso centro non deixa de sorprendernos!
Xa levamos 19 especies de aves documentadas: Garza real (Ardea cinerea), Pombo torcaz (Columba palumbus), Bubela (Upupa epops), Peto verdeal (Picus viridis), Lavandeira branca (Motacilla alba), Carrizo (Troglodytes troglodytes), Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Merlo común (Turdus merula), Ferreiriño azul (Parus caeruleus), Ferreiro abelleiro (Parus major), Pega marza (Garrulus glandarius), Corvo pequeno (Corvus corone), Estorniño negro (Sturnus unicolor), Pardal común (Passer domesticus), Pimpín común (Fringilla coelebs), Verderolo común (Carduelis chloris), Xílgaro (Carduelis carduelis), Xirín (Serinus serinus).
Tamén documentamos moitos outros animais: mamíferos (toupa), insectos (abella do mel, Apis mellifera; Oxythyrea funesta), réptiles (Lagarta galega, Podarcis bocagei, arácnidos (Pholcidae).
Os alumnos e alumnas de 4º de ESO xa comezaron a investigar sobre diferentes temáticas relacionadas coa historia do centro e terán os seus resultados dispoñibles a final de curso.
E xa temos uns preciosos carteis feitos na impresora láser do noso centro para as pradeiras naturais. Dámoslle as grazas ao profesor Xoan Xil por doarnos xenerosamente o seu tempo e o seu traballo.
E en marzo chegou por fin a estación meteorolóxica. Con ela poderemos facer un seguimento da meteoroloxía do centro e tamén contribuír á ciencia cidadá poñendo os datos a disposición de toda a sociedade.
A seguir podedes ver o cadro A primavera, de Giuseppe Arcimboldo pintado en 1563 como parte da serie As catro estacións.
Se o que vos apetece é música, podedes escoitar A Primavera, de Vivaldi, a máis coñecida do grupo das catro estacións, escritas entre 1716 e 1717 por Vivaldi
Ningún comentario:
Publicar un comentario