A Comisión de observación da natureza do centro, unha das diferentes comisións que se crearon dentro do Comité climático, finalizou o día 3 de xuño o seu traballo deste curso cunha chea de ideas para seguir traballando no seguinte.
A comisión está formada por dez alumnos e alumnas de 3º de ESO A, B e C (Guillermo, Isaac, Martín, Noa, Olalla, Sara, Xiana)e 1º de Bacharelato A (Dani, Javi e Jeremías). O grupo comezou a traballar o día 15 de abril e reuniuse semanalmente para realizar diferentes actividades relacionadas coa observación e protección da natureza do centro.
A comisión tomou como punto de partida o traballo realizado durante o curso polos alumnos e alumnas de 3º de ESO A e C ao abeiro do proxecto Patio con(vida) e durante estas semanas centrouse especialmente na observación e mantemento da charca e na sinalización das diferentes plantas do xardín situado na zona Norte do eido do instituto.
Os alumnos e alumnas colaboraron no mantemento dos niveis de auga na charca engadindo periodicamente auga para compensar a perda por evaporación e incorporando grava e area.
O grupo observou os bioindicadores da charca e contribuíu ideas para conseguir unha mellor oxixenación da auga. Amais diso, analizou microscopicamente a auga da charca e identificou os seguintes elementos: protozoos ciliados, larvas de insectos, pole de piñeiro, microalgas (diatomeas) e hifas. Premendo aquí podedes ver un vídeo feito durante a observación:
Ademais do traballo realizado na charca, os alumnos e alumnas sinalizaron as diferentes plantas do xardín situado na zona N do eido do centro para que a comunidade educativa poida recoñecelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario