Amosando publicacións coa etiqueta ANPA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ANPA. Amosar todas as publicacións

29/01/26

Lazos de papel

Como xa informamos na anterior xuntanza, este curso,  o IESP de Ames participa por primeira vez no programa Lectura e familias,  no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), para promover a lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.A temática escollida para esta primeira edición do programa é Benestar emocional e desenvolvemento persoal.

Dentro do programa Lectura e Familias, puxemos en marcha Lazos de Papel, un proxecto colaborativo entre o Departamento de Orientación, a Biblioteca e a ANPA do centro, co obxectivo de crear lazos e vínculos entre toda a comunidade educativa a través de lecturas de diferentes temáticas e en distintos soportes.

A actividade de hoxe, titulada Benestar emocional e desenvolvemento persoal foi organizada pola ANPA e polo instituto, e realízase en dúas fases: a primeira consistiu nunha charla ofrecida tanto ao alumnado (mediante dúas sesións, unha para o alumnado de 4º de ESO a 2º de bacharelato), como as familias (nunha sesión); a segunda fase consistirá no envío ás familias de bolsas viaxeiras con propostas de lectura en diferentes xéneros e soportes arredor desa temática.

As persoas relatoras das charlas foron:

Yolanda Triñanes Pego, xefa do servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade e coordinadora do proxecto Biblioterapia: Lecturas saudables

Mónica Castro Murga, médica alergóloga no Hospital de Ferrol e experta en Bioética, presentará unha proposta de lectura do xénero narrativo (Frankestein) 

Alberto Ramos Caneda, médico psiquiatra no Hospital de Santiago, introduciranos na literatura específica de cremento persoal ou autoaxuda.







Esperamos que o proxecto sexa do interese da comunidade educativa. Animádevos a participar tamén facendo suxestións de lecturas sobre benestar emocional e novas temáticas do voso interese para as seguintes sesións.

18/05/22

Concerto didáctico de jazz

O 24 de marzo os alumnos e alumnas de 3º de ESO, 4º de ESO e 2º de bacharelato, das materias de Música, Xeografía e Historia, e Xeografía, gozaron do concerto didáctico de música jazz ofrecido pola banda Valentín Caamaño.

Esta actividade foi organizado pola ANPA do instituto, á que agradecemos enormemente o seu apoio e implicación. 



Con esta actividade preténdese que o alumnado se achegue ao coñecemento da música jazz como elemento do patrimonio inmaterial, ao abeiro do proxecto Educación Patrimonial, do Plan Proxecta.

 Esta actividade complementouse coa realización dun obradoiro de baile swing, e cunha investigación realizada polos alumnos e alumnas sobre o jazz no contexto histórico do período de entreguerras.

O jazz ten a súa orixe en África, chegou aos Estados Unidos coa poboación negra que foi levada forzosamente a América para seren usados como escravos e escravas, e alí cautivou á poboación branca e estendeuse polo resto do mundo ata a actualidade.

Podes gozar dun anaquiño da actuación de Valentín Caamaño premendo aquí e aquí.


A banda conversou cos alumnos e alumnas sobre as orixes do jazz, as súas características máis relevantes, os músicos de referencia e os diferentes instrumentos asociados con este estilo musical.

As explicacións alternáronse coa música e os alumnos puideron participar facendo preguntas ou contando as súas propias experiencias.

Todas as persoas presentes estabamos tan cautivados pola música que nin sequera nos enteramos cando soou o timbre dando por terminada a actividade!