Amosando publicacións coa etiqueta Novas da biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas da biblioteca. Amosar todas as publicacións

24/10/25

Feliz día das bibliotecas 2025!

O Día das Bibliotecas celébrase o 24 de outubro desde 1997. Trátase dunha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.

No caso galego, a Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a  Lectura, da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria é o organismo que impulsa esta edición da celebración do Día das Bibliotecas.


"O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.

As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas. 

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio,  lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de actividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 2030 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas debe quedar atrás.

 A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS".  

Información tomada de Bibliotecas Escolares.

08/09/25

Feliz curso 2025-2026!

Comezamos un novo curso e unha nova aventura na nosa biblioteca. Dámosvos a benvida e desexámosvos que teñades un curso moi feliz e proveitoso.

Quen xa coñece a biblioteca, verá algúns cambios que foron feitos durante o verán, e que se suman aos feitos o curso pasado.

Quen chega este curso por primeira vez ao noso centro terá unha xornada informativa ao longo desta semana. 

Xa temos os horarios para o alumnado dos primeiros cursos:

1º ESO A: 10 de setembro, de 11:40 a 12:30

1º ESO B: 11 de setembro, de 11:40 a 12:30

1º ESO C: 9 de setembro, de 11:40 a 12:30

1º ESO D: 10 de setembro, de 9:40 a 10:30

1º ESO E: 11 de setembro, de 12:50 a 13:40

1º ESO FPB Agroxardinería e Imaxe persoal: 12 de setembro, de 10:50 a 11:40

1º Ciclo medio Informática: 12 de setembro, de 12:50 a 13:40

Esperamos vervos na biblioteca!

Durante as xornadas de presentación da biblioteca e de formación de novas persoas usuarias vivimos momentos moi bonitos, como o concerto de guitarra improvisado que Hugo, de 1º de Ciclo Medio de Informática ofreceu aos seus compañeiros e compañeiras. Moitas grazas, Hugo.

20/06/25

Feliz verán 2024-2025!

Un novo curso que se nos vai. Desde a biblioteca dámos os parabéns a toda a comunidade educativa por este ano académico e desexamosvos un feliz descanso e un bonito verán. Esperamos atoparvos de novo na biblioteca no curso vindeiro.

E, como todos os anos, deixámosvos unhas recomendacións de lectura para os diferentes niveis educativos e idades, propostas entre todos os centros do municipio de Ames. Podedes atopar exemplares das obras recomendadas para a ESO, Bacharelato, FP e ciclos na nosa biblioteca. Esperamos que vos gusten.

Feliz verán e felices lecturas de verán!

09/12/24

Felices lecturas de inverno!

Xa rematamos a primeira avaliación e falta moi pouco para as vacacións de inverno. Seguro que estaredes desexando ter algo de tempo para desfrutar das vosas lecturas preferidas tranquilamente.

Que non sabedes moi ben que ler? Pois aquí vos deixamos unhas recomendacións feitas polos diferentes centros educativos de Ames que conforman a rede de bibliotecas escolares. Hai propostas para todas as idades! A ver se vos convence algunha delas. Podedes pedilas en préstamo xa na nosa biblioteca.

Desexámosvos que teñades un moi feliz descanso e unhas moi felices lecturas!



E para manter a tradición cantareira, compartimos convosco esta linda panxoliña inspirada na vida no IESP de Ames e creada polaprofesora Vilasó, coordinadora do equipo de Dinamización Lingüística. Esperamos que vos guste!!


Esperamos que vos guste a decoración invernía da biblioteca preparada polo bibliovoluntariado. Deixámosvos unha imaxe do obradoiro de creación de folerpas de origami.

14/10/24

IX Edición do Día das escritoras

 O Día das Escritoras é unha iniciativa  organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración de Asociación Colexial de Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.


A data de celebración do Día das escritoras é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. Por esta razón, este ano 2024  a data de celebración é o 14 de outubro.

O lema do Día das escritoras deste ano é A periferia da periferia: Mulleres que miraron ao mundo rural.
 
"Por iso o próximo 14 de outubro acordarémonos de marabillosas escritoras, poetas e pensadoras como Concha Espiña, Santa Teresa, Dolores Medio, Mariluz Escribano, Margarita Nelken, Rosalía de Castro, María Zambrano, Gabriela Mistral ou Ernestina de Champourcin. Pero tamén das que non puideron selo. Pois elas e non outras son as que mantiveron e manteñen vivo ese mundo rural e a súa cultura, ese campo, esa periferia á que, en xeral, miramos pouco e mal".

Ana Iris Simón, comisaria da IX Edición do Día das Escritoras 2024
 
Podedes consultar unha colección de textos en galego de escritoras que miraron ao mundo rural seleccionados por Xosé María Lores, Paz Pereiro e Pilar Sampedro, e unha colección de textos en castelán seleccionados por Ana Iris Simón.

21/09/24

Espazo de xogos de mesa da biblioteca

Xa está aberto o Espazo de xogos de mesa da biblioteca!! Este espazo sitúase no soto do instituto ao lado do salón de actos.

O espazo de xogos de mesa pode ser utilizado nos recreos polos alumnos e alumnas do Club de xogos e así como por outros alumnos e alumnas que desexen facelo.

As persoas mediadoras do espazo de xogos de mesa son profesores e profesoras e os voluntarios do espazo de xogos, Antón Oliveira e Mateo Pérez.  Por favor, seguide as súas indicacións para asegurar o bo funcionamento do espazo. Respectade as persoas que alí se atopan, tanto como mediadoras como xogando, así como os xogos dispoñibles e os horarios. 

Uns minutos antes de que toque o timbre de fin de recreo, por favor, retornade ordenamente os xogos aos armarios e arrombade as cadeiras que teñades usado. Asegurádevos de que non deixades ningunha peza dos xogos fóra nin lixo.

O espazo de xogos de mesa tamén pode ser usado en horario lectivo, nas titorías ou como actividade didáctica de calquera materia. Nos períodos lectivos o alumnado só pode estar no espazo de xogos acompañado polo profesorado ou persoas do Equipo de Orientación.

Se botades en falta algún xogo que vos guste, non dubidedes en avisarnos na biblioteca para que valoremos a súa compra.

20/09/24

Benvida ás novas e novos lectores!

Entre o día 13 e 23 de outubro os alumnos e alumnas de nova incorporación ao centro están visitando a biblioteca e os diferentes espazos relacionados con elas para coñecer a súa colección, así como familiarizarse co uso da biblioteca e dos espazos asociados e as diferentes actividades disponibles.

Ao longo destes días visitarán a biblioteca os alumnos e alumnas de 1º de ESO, 1º de FP Básica de Agroxardinería e complementos florais, 1º FP Básica de Informática , e 1º de Ciclo medio de Informática.

O alumnado tamén foi informado dos clubs de lectura existentes e do programa de voluntariado da biblioteca e algunhas persoas xa se ofreceron para participar no bibliovoluntariado.

Desde a biblioteca dámosvos a benvida e esperamos vervos moitas veces ao longo do curso!


09/09/24

Feliz curso 2024-2025!

Comezamos un novo ano académico con moita ilusión!

Desde a biblioteca dámosvos a benvida e desexámosvos que teñades un feliz curso con moitas e fascinantes lecturas!

Coma sempre, agardámosvos na biblioteca, onde podedes ler as vosas lecturas favoritas, investigar, facer traballos en grupo, asistir a charlas e obradoiros, e moitas outras actividades! Lembrade tamén que temos o espazo de xogos, no soto, cunha morea de xogos de mesa ao voso dispor.

De aquí a nada, teremos as visitas guiadas para o alumnado novo do centro: o alumnado de 1º ESO, 1º FP Básica e 1º Ciclo dual.

Tamén abriremos as convocatorias para participardes como voluntariado da biblioteca, tanto para o alumnado como para o resto da comunidade educativa, e faremos a oferta de clubes de lectura variados, onde con certeza atoparedes algún que vos guste.

Lembrade tamén que temos unha caixa de suxestións á porta da biblioteca onde podedes deixarnos propostas para compra de libros, suxestións de actividades, ou ideas de calquera tipo que se vos ocorran para mellorar o funcionamento da vosa biblioteca.

O lema das Bibliotecas Escolares de Galicia para este curso é A biblioteca escolar, a escena! Con este lema quere dárselle pulo ao teatro en todas as súas variantes. 


Agardamos vervos axiña! Feliz curso 2024-2025!

21/06/24

Felices lecturas de verán!

E chegou o momento que estabamos agardando!! Un merecido descanso despois dun longo curso de traballo. O tempo voa e en nada xa estamos aquí de novo, así que aproveitade para descansar, desconectar e gozar do tempo libre e de interesantes lecturas. 

Aquí vos deixamos as recomendacións de lectura elaboradas polos diferentes centros educativos de Ames. Felices vacacións e felices lecturas!!

20/02/24

Día internacional da muller e a nena na ciencia

 O 11 de febreiro celébrase o  Día internacional da muller e a nena na ciencia, pestablecido pola ONU en 2015, que promove a igualdade na ciencia, é dicir, o aproveitamento do talento de toda a poboación. Isto é de vital importancia nunha época na que a Ciencia e a Tecnoloxía son decisivas para atopar solucións a moitos dos retos aos que se enfronta a humanidade, tales como a crise enerxética, medioambiental, alimentaria ou financeira.

No noso instituto, diferentes alumnas do Club de Ciencias, levaron a cabo tres xornadas de Tertulias científicas nos recreos. Nesas tertulias Elba, Elena, Elisa, Elvia, Lena e Sabela, representaron ás científicas: Marie Curie, Hedy Lamarr, Jill Tarter, Zhenyi-Wang, Jane Goodal e May-Britt Moser.


As tertulias científicas tiveron un gran exito de público, coa biblioteca completamente ateigada. Moitos parabéns ás alumnas polo excelente traballo! A seguir deixámosvos unhas imaxes e vídeos por se non puidestes achegarvos nos recreos.


O luns 19 de febreiro, Lena López (3º D) e Elvia Pérez (2º G)  deron vida a Marie Curie e Hedy Lamarr.


O mércores, 21 de febreiro, Elena Tedín e Sabela Otero (ambas de 4º D) trouxéronnos a Jill Tarter e Zhenyi-Wang. Premede aquí para ver o vídeo.


O venres, 23 de febreiro, Elisa Méndez e Elba Casal (ambas de 3º A) convertéronse en Jane Goodal e May-Britt Moser. Para ver o vídeo premede aquí e aquí.

Podedes consultar diferentes iniciativas relacionadas con esta data no blog de Bibliotecas escolares de Galicia premendo na imaxe.


Para conmemorar esta data a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza diferentes actividades das que podedes informarvos nesta ligazón e organiza tamén unha masterclass sobre física de partículas dirixida a alumnas de 1º de bacharelato.


A Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña disponibiliza un audiovisual para alumnado de educación secundaria no que participaron investigadoras desa universidade. As investigadoras  dan coñecer dun xeito sinxelo e próximo a súa traxectoria científica e vital e relatan os seus logros profesionais, así como anécdotas co obxecto de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica.

Ata o 31 de marzo de 2024 podedes participar visualizando os audiovisuais, gravándovos facendo unha pregunta sobre o documental e enviándoo para a través desta ligazón.

Entre quen participe realizarase un sorteo para visitar algún dos centros do Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña. Animádevos a participar.

Hai moitas iniciativas levadas a cabo por mulleres científicas que poden ser do voso interese, como a canle de Youtube Deborahciencia ou a sección en Twich Balea Vermella.

19/12/23

Felices vacacións e lecturas de inverno!

Xa rematou o primeiro cuadrimestre do curso, no que case non parou de chover! Esperamos que teñades aproveitado ben este tempo e que teñades agora unhas felices vacacións.

Deixámosvos na imaxe de abaixo as recomendacións de lectura feitas polas diferentes bibliotecas escolares de Ames para alumnado de ESO, Bacharelato e FP. Escollede as vosas preferidas, pasade a pedilas en préstamo á biblioteca e gozade delas devagar nestes días de lecer invernío.

Se queredes ver  as recomendacións para todos os ciclos desde infantil, premede aquí.

Felices vacacións e felices lecturas!

10/11/23

Participación do IESP de Ames no PIALE 2023

A profesora Sabela Cobas, do Departamento de Xeografía e Historia, vén de facer unha estadía dun mes en Porto ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) promovido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

A profesora compartiu a experiencia con outros 19 docentes de diferentes partes de Galicia. Durante a estadía a profesora mellorou o seu coñecemento da lingua e da cultura portuguesa e coñeceu de primeira man o sistema educativo portugués a través da observación e participación en actividades docentes na Escola Básica e Secundaria Clara de Resende, onde foi acollida calidamente pola comunidade educativa e, en particular, polo Departamento de Geografia e História.

Escola Básica e Secundária Clara de Resende, Porto.

Da man da profesora Júlia Braga, Sabela asistiu a aulas das materias de História (8º e 9º ano, equivalentes a 2º e 3º de ESO) e Educacação para a cidadania (9º ano). Coa profesora Isabel Pereira observou a metodoloxía empregada en Geografia (8º ano), e tamén experimentou o ambiente na materia de Lingua portuguesa (11º ano, equivalente a 1º de bacharelato).

A estadía posibilitou igualmente coñecer o funcionamento de varios servizos da escola e comparalos co equivalente no noso instituto. Un dos servizos que Sabela explorou demoradamente foi a biblioteca escolar e mesmo foron establecidos vínculos de colaboración entre as bibliotecas de ambos centros educativos, a través da lectura da banda deseñada Ao som do fado, de Nicolás Barral, que será lida polo alumnado participante no Club de lectura de memoria democrática.

Vista da Biblioteca da escola Clara de Resende.

Decoración de catrinas mexicanas na biblioteca para celebrar Halloween.

A estadía tamén deu para coñecer a cultura portuguesa, o urbanismo e a arquitectura de gran valor patrimonial de Porto, visitar museos, ir ao teatro e ao cinema, visitar bibliotecas, descubrir libros interesantísimos e apañar unha chea de ideas para mellorar a práctica docente de volta no IESP de Ames.
Biblioteca popular de Pedro Ivo, na Praça do Marquês do Pombal.

Biblioteca do Museo Serralves.

01/10/23

Recoñecemento ao equipo de bibliovoluntariado

O día 29 de setembro levouse a cabo a entrega do diploma de recoñecemento do excelente traballo realizado polo equipo de voluntariado da biblioteca durante o curso 2022-2023.

Dámoslle o máis sinceiro agradecimento a Flavia Carballo Fernández, Elena Carballo Paredes, Noelia Ramos Vidal, Paula Fernández Casuso, e Loaira Lestón Canosa (alumnas de 3º ESO) e Mariña Formoso Pérez e María Freire Buján (alumnas de 1º de bacharelato).

Moitas grazas e animádevos a seguir connosco novamente este curso!




12/09/23

Feliz curso 2023-2024!

Comezamos un novo curso e desde a biblioteca dámosvos a benvida e desexámosvos que teñades un feliz curso con moitas e fascinantes lecturas!

Deixámosvos unha cita de Italo Calvino e unha pintada dunha rúa de Pontevedra que vos invita a que veñades canto antes buscar a vosa lectura preferida!

"Pola contra, respondo, que somos? Que é cada un de nós senón unha combinatoria de experiencias, de informacións, de lecturas, de imaxinacións? Cada vida é unha enciclopedia, unha biblioteca, un mostrario de estilos onde todo se pode mesturar continuamente e reordenar de tódolos xeitos posibles"

Italo Calvino (1988): Seis propostas para o novo milenio.

30/06/23

Guía de lecturas de verán 2023

Só quedan uns días para o fin de curso, polo que chega o momento de ofrecervos as recomendacións de lecturas para o verán preparadas polas bibliotecas dos institutos de Ames. 

Na biblioteca atoparedes exemplares das diferentes lecturas por se queredes collelas en préstamo. 

Feliz verán de descanso e lecturas!

21/06/23

Ex-alumnado do IESP de Ames escritores

Dous antigos alumnos do IESP de Ames veñen de publicar cadanseu libro. María LosadaVázquez é a autora de El club de los neurodivergentes, e Adrián Mosqueira Paços asina Proibido sentir: escritos desde a máquina-prisom.

Podedes consultar ambos libros na nosa biblioteca. Parabéns aos autores!


22/01/23

Día escolar da non violencia e da paz

 O 30 de xaneiro de cada ano celébrase o Día escolar da non violencia e da Paz, establecido por UNICEF para conmemorar nos centros educativos unha cultura de paz.

O 30 de xaneiro foi elixido por UNICEF para celebrar o Día escolar da non violencia e da paz pois coincide coa celebración da morte do Mahatma Gandhi (India, 1869-1948). Gandhi foi un líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza, e foi asasinado por defender estas ideas.

A biblioteca e varios departamentos do centro organizamos diferentes actividades para conmemorar este día:

Na espazo Maruxa Mallo podedes visitar a exposición de libros e películas en relación coa paz e poñervos ao día das últimas novidades que tratan esta temática.




A seguir tedes unha escolma de cancións que tratan o tema da paz:













Tamén podedes ler e escoitar cinco poemas seleccionados por ACNUR. Preme aquí para coñecelas.

20/12/22

Felices vacacións de inverno

Xa rematou o primeiro cuatrimestre e por fin imos gozar dunhas merecidísimas vacacións!

Estes días chuviosos e fríos invitan a buscar un recanto tranquilo na casa e deixar pasar o tempo coa compañía dun libro interesante, unha mantiña e unha bebida quente. 

Premendo aquí podedes ver as recomendacións de lectura para todas as idades feitas polas diferentes bibliotecas escolares de Ames.

Felices vacacións e felices lecturas!

17/12/22

O obradoiro da filoloxía

A profesora María Míguez, do Departamento de lengua castellana y literatura, organizou unha charla dentro das Xornada Ponte organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e dirixidas alumnos e alumnas de 2º de bacharelato.

A actividade levouse a cabo o 12 de decembro e consistiu nunha charla titulada Obradoiro do filólogo, impartida pola profesora María José Alonso Velasco, na biblioteca do centro.

07/12/22

Día internacional das persoas con diversidade funcional

O pasado 3 de decembro conmemorouse o Día internacional das Persoas con Diversidade Funcional. Co gallo desta conmemoración, o Departamento de Orientación infórmanos da relevancia do concepto diversidade funcional e fainos chegar unha serie de recursos para a nosa reflexión.

Este novo concepto de diversidade funcional vén poñer o acento no recoñecemento da diversidade como un feito inherente á condición humana, no que todas as persoas temos diferentes maneiras de funcionar e de desenvolvernos no mundo. 

Isto leva implícito, entre outros aspectos, a eliminación de barreiras de todo tipo, non só as arquitectónicas ou sociais, senón tamén as mentais relacionadas cos prexuizos e os estereotipos cos que as veces nos achegamos aos demais, só polo mero feito de seren “diferentes,” de precisaren de determinadas axudas técnicas, persoais, materiais, curriculares, etc., para funcionar no mundo.

No contexto escolar, a cultura da diversidade aínda hoxe precisa reivindicarse, cando xa debera estar plenamente asumida como un dereito que apela ao recoñecemento da dignidade humana. Faise necesaria unha nova mirada que perciba as potencialidades das persoas, os seus logros, evitando centrarse tanto nas súas limitacións.

Existe cada vez máis bibliografía especializada para axudarnos a coñecer a diversidade funcional, como este libro de Milagros Martín-Lunas sobre o TDAH. 


Tamén vos deixamos dous vídeos: unha entrevista a Pablo Pineda e unha conferencia sobre o Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA).