Amosando publicacións coa etiqueta Equipaso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Equipaso. Amosar todas as publicacións

08/03/26

Día Internacional da Muller 2026

O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller. Nesta data conmemórase a loita da muller pola súa participación na sociedade e o seu desenvolvemento íntegro en igualdade co home, e reivindícase esa igualdade, pois aínda non foi conseguida. 

O Día Internacional da Muller foi institucionalizado pola ONU en 1977, mais foi creada moito antes, no 1910 pola II Internacional Socialista de Traballadores e Traballadoras, seguindo a proposta de Clara Zetkin, Käte Duncker e Paula Thiede entre outras persoas.


Como todos os anos, no instituto conmemoramos esa data tan importante con diferentes actividades.

O alumnado traballará en titorías na visibilización do traballo da muller, tanto a través da súa labor non remunerado no ámbito doméstico e nos coidados, como as desigualdades con respecto aos homes no ámbito do traballo remunerado.

Amais diso, no espazo Maruxa Mallo enfronte da biblioteca, o alumnado poderá visitar a exposición A miña avoa non traballou e participar activamente na mesma a través das actividades asociadas a ela. Tamén podedes consultar e levar en préstamo os libros que acompañan a exposición e outras recomendacións da biblioteca tanto en papel como dixitais.



Deixámosvos unhas cancións relacionadas coa muller e a loita polos seus dereitos.


As fillas de Casandra grabaron o disco Acrópole centrado nas mulleres. 






30/10/25

Samaín 2025

Hoxe celebramos o Samaín! e, como todos os anos, ofrecémosvos diferentes actividades nas que vos convidamos a participar. Estas actividades foron preparadas con moito agarimo polos diferentes departamentos e proxectos do centro e o alumnado que forma parte deles: Equipo de Dinamización Lingüística, Club de Ciencia, Departamentos de Agroxardinería, Física e Química, Imaxe persoal, Inglés, Lingua e Literatura Galega, Orientación, Xeografía e Historia, e a Biblioteca. Esperamos que vos gusten!!

Concurso de cabazas e lápidas: Moitas grazas e parabéns ás persoas que preparastes cabazas e lápidas!! Convidamos a toda a comunidade educativa a velas na entrada do instituto, expostas xunto con centros florais preparados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais. O martes faremos a entrega de premios!!




 

Non deixedes de visitar a exposición do Samaín que se atopa no espazo Maruxa Mallo enfronte da biblioteca. 

Alí poderedes ver unha fermosa cortina e diferentes móbiles de follas outonizas, así como coroas e centros florais realizados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais; unha escolma de refráns de outono e unha exposición adicada ao impacto das supersticións na biodiversidade, preparada polo alumnado de 2º de bacharelato da materia Patrimonio de Galicia; unha carteis elaborados con cúrcuma e bicarbonato na actividade Samaín químico, creados polo Club de ciencia; un receitario do Samaín cunha escolma de pratos típicos destas datas, elaborado polo alumnado de 1º de ESO de Lingua e Literatura Galega e Educación Plástica; unha recreación en plastilina dunha cea familiar de Samaín deixada para as ánimas da casa, realizada polo alumnado de 4º de ESO de proxecto competencial; caveiras creadas polo alumnado de 3º de ESO de Educación plástica; e unha exposición de fondos da biblioteca con obxectos relacionados co Samaín e un xogo de preguntas e respostas que porán a probar canto sabes desta celebración, preparados polo equipo de dinamización lingüística e a biblioteca















O alumnado de FP Básica de Agroxardinería levou a exposición ao eido do centro creando un cemiterio gótico terrorífico:



O alumnado de FP Básica de Peiteado e estética e de 2º de bacharelato de Patrimonio de Galicia organizaron cooperativamente a actividade Samaín de medo! O alumnado de FP Básica de Peiteado caracterizou ao alumnado de Patrimonio de 2º de bacharelato, como podedes ver nas fotos a seguir.











A continuación, o alumnado de Peiteado caracterizou a quen pasou pola biblioteca durante o recreo e o alumnado de Patrimonio desenvolveu diferentes actividades coa rapazada de 1º de ESO.

Todo o alumnado o pasou de medo!!




Agradecemos moitísimo a vosa participación! Fixestes un excelente traballo! Esperamos que teñades desfrutado da experiencia!