Co confinamento pola pandemia da covid-19 tivemos que suspender os proxectos de historia oral nos que entrevistabamos á xeración dos avós e avoas e bisavós e bisavoas; pero con el xurdiron tamén novas oportunidades, como a liña de Historia do presente que puxeron en marcha durante o terceiro trimestre os alumnos e alumnas de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia, na que as persoas entrevistadas foron os pais e nais cos que os alumnos compartían confinamento.
Este curso seguimos coa pandemia, con confinamentos perimetrais e con protocolos de prevención da pandemia, polo que volvemos a adiar os traballos interxeracionais cos avós e avoas e seguirémonos centrando na aprendizaxe interxeracional con nais e pais e persoas conviventes.
Ao abeiro do proxecto Educación Patrimonial, do Plan Proxecta, seguimos recollendo testemuños sobre os últimos 50 anos de historia.
Algúns dos temas que máis atraeron a atención do alumnado para investigar cos seus pais e nais coinciden con algúns dos temas máis populares do curso pasado: O desastre do Prestige, o narcotráfico, ETA e o terrorismo, o efecto 2000, a crise económica de 2008, os atentados do 11S en Nova York e os atentados do 11M en Madrid. Mais este curso os alumnos tamén amosaron grande interese pola Guerra dos Balcáns, a vida antes das novas tecnoloxías e redes sociais e o desenvolvemento da pandemia de Covid-19. Nas fotografías de abaixo seguro que recoñecedes algún destes temas.
Como sempre, podedes ver os resultados da investigación no museo virtual KaleidoScapes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario