05/05/26

Gravacións de radio

O alumnado de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia e as alumnas do Mestrado universitario en formación do profesorado de Xeografía e Historia que están a realizar o mestrado no noso centro gravaron diferentes programas de radio ao abeiro do programa Radio na biblio e do itinerario de Polos creativos do PFPP do centro.

Como parte do pódcast Dez minutos con... foron realizadas dúas entrevistas: unha polo alumnado de 2º bacharelato as alumnas do mestrado Cristina Incio e Julia Ramos, e outra, por parte das propias alumnas do mestrado á profesora de Xeografía e Historia Alba Tubío.

Na entrevista a Cris e Julia foron tratados diversos temas como as disciplinas das que son especialistas as entrevistadas (Arqueoloxía e Historia) ou as características de ser docente na era das redes sociais e a intelixencia artificial. As entrevistadas tamén fixeron un pequeno exercicio de memoria para lembrar os seus tempos como estudantes de 2º de bacharelato e aconsellar ao alumnado sobre a PAU e as decisións de futuro. Cris e Julia, ides ser unhas profes estupendas! Botarémosvos en falta! Podedes ver a escaleta do programa.




Na súa entrevista, Alba falou sobre a súa experiencia en Lisboa como parte dun programa de Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de visitas do profesorado para coñecer outros sistemas educativos, e sobre o seu primeiro ano como profesora, que temos a sorte de que sexa no noso centro. Moitos parabéns, Alba, es unha excelente profesora!


Despois da experiencia como entrevistadas e entrevistadoras, as alumnas do mestrado, Cris e Julia, descubriron que levan a radio no corazón  e decidiron inaugurar un novo pódcast da nosa radio: Ondas de tinta. Este pódcast recollerá diferentes temáticas relacionadas coa biblioteca do centro e coas lecturas. Cris e Julia realizaron un programa no cal, facendo gala da súa contaxiosa complicidade, charlaron sobre as súas lecturas preferidas e fixeron recomendacións lectoras ao alumnado e á comunidade educativa en xeral. O programa dividiuse en tres seccións: libros que leron e adoraron, libros que están a ler na actualidade, e libros que están desexando ler. En breve gravarán o segundo programa. Non o perdades!



Ningún comentario:

Publicar un comentario