04/05/26

Lembranzas no peto

O alumnado de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia reflexionou sobre as vivencias das persoas anónimas durante a II Guerra Mundial e como os conflitos bélicos trastocan as vidas de cidadáns e cidadás que viven alleos aos centros de poder.

Para iso o alumnado investigou sobre fontes secundarias que dan voz as vivencias de personaxes anónimos e sobre fontes primarias, recollendo testemuños familiares sobre a súa experiencia na Guerra Civil e a Ditadura Franquista.

Ademais, o 8 de maio, o alumnado puido tocar coas súas propias mans obxectos recuperados nun campo de batalla da Guerra Civil nun obradoiro sobre Arqueoloxía contemporánea ofrecido pola arqueóloga Cristina Incio e a historiadora Julia Ramos, que están a realizar as súas prácticas de mestrado no noso centro.





Para finalizar o exercicio de empatía histórica, o alumnado reflexionou sobre que obxectos levaría consigo en caso de que estourase unha III Guerra Mundial para que lle desen forza e o axudasen a superar os perigos e traumas da guerra para volver a casa. Como resultado da reflexión, os alumnos e alumnas realizaron unha ficha dixital na que incluíron un título que resumise a importancia do conxunto dos obxectos, unha fotografía dos obxectos, unha explicación da súa importancia emocional e unha reflexión sobre o traballo.

Algúns testemuños recollidos na actividade 1 imaxe vale máis con 250 palabras, que participarán este curso no IX Certame de Imaxes do Patrimonio, da Asociación Ponte...nas Ondas! recollen a importancia das fotografías de familiares como obxectos que eran levados á fronte polos soldados. Deixámosvos aquí un exemplo:


Eles, a miña esperanza

Esta fotografía foi tomada entre os anos 1937 – 1938 no único estudio de fotografía que había na vila de Lalín naquela época, co propósito de que o meu bisavó Manuel Rodríguez, a levara á Guerra Civil española, cando foi recrutado polo bando franquista para loitar no corpo de cabalería, xa que el tiña cabalos na casa.

Nela saen Ventura , a miña bisavoa; o meu avó materno Félix; a miña tía avoa Rosa; e a miña tía avoa Delia. Todos eles vivían na parroquia de Botos, Lalín, Pontevedra.

Con esta fotografía podía mirar a súa familia e coller forzas e ánimo para poder regresar algún día a casa e que rematara a guerra. 

Afortunadamente a guerra terminou e o meu bisavó puido regresar a casa coa súa familia. Cos anos tiveron dous fillos máis, Pepe e Amelia. Lucía Varela Rodríguez

Ningún comentario:

Publicar un comentario