Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca creativa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca creativa. Amosar todas as publicacións

15/06/26

Baralla de emocións

Dentro do programa Lectura e familias e en colaboración co programa Biblioteca creativa foi creada unha baralla de emocións

Esta baralla está formada por 44 tarxetas individuais que representan cadansúa emoción por medio dunha imaxe e a súa definición. A baralla será empregada o vindeiro curso en titorías e na aula de convivencia para facilitar que o alumnado poida falar das súas emocións.

09/06/26

Polos eclipsados

O vindeiro 12 de agosto terá lugar unha eclipse total de Sol, visible desde algunhas zonas de Galicia, aínda que non será posible facelo desde Bertamiráns, onde só se poderá observar a eclipse parcial. O fenómeno producirase a última hora da tarde, arredor das 20:30, cando o Sol se atope a uns 12º sobre o horizonte. A través do portal do Instituto Geográfico Nacional pódese consultar con detalle desde que lugares será visible e o horario previsto.

Coa vista posta neste acontecemento astronómico, o alumnado do Club de Ciencia estivo a traballar durante os meses de maio e xuño para formarse como Guías da Eclipse, empregando os materiais proporcionados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional dentro do proxecto Polos Eclipsados.

 

Tras unha primeira sesión de formación teórica, centrada en aprender a observar unha eclipse de maneira segura, o alumnado pasou á parte máis práctica do proxecto, desenvolvida na aula de Polos Creativos. Alí realizaron as seguintes actividades:

A Eclipse na túa man

O alumnado imprimiu coa impresora 3D as pezas dunha maqueta da eclipse e montouna incorporando un pequeno circuíto cun LED que simulaba a luz do Sol (aquí pódense ver os vídeos da impresión dalgunhas pezas da maqueta). Grazas a este modelo puideron observar como, cando o Sol, a Lúa e a Terra se aliñan, a sombra da Lúa se proxecta sobre unha zona concreta da superficie terrestre. 

      

 Esta actividade permitiulles comprender mellor o fenómeno e prepararse para explicarllo ao público, converténdose en auténticos divulgadores científicos de cara ao evento do verán.

O ceo na túa man

A noite do 12 de agosto será unha excelente ocasión para observar as Perseidas, xa que o ceo estará especialmente escuro debido á presenza de lúa nova. Para velas, deberemos mirar cara ao norte, onde se atopa a constelación de Perseo. Podemos localizala facilmente buscando primeiro a Estrela Polar, situada na constelación da Osa Menor. Unha vez identificada, só teremos que dirixir a mirada cara ao nordés e, cando os nosos ollos se adapten á escuridade, comezaremos a distinguir as estrelas fugaces.

Co obxectivo de facilitar o recoñecemento dalgunhas constelacións, o alumnado do Club de Ciencia elaborou nesta actividade un cubo de cartolina no que se imprimiron varias delas nas súas caras. No interior, montaron un pequeno circuito cun LED e cinta condutora, que permite iluminar os puntos correspondentes ás estrelas e visualizar como brillan no cubo.

       

 
En conxunto, este proxecto permitiu ao alumnado achegarse a observación do ceo dun modo creativo e práctico reforzando o seu interese pola astronomía e pola experimentación científica.

O vindeiro curso, se as condicións meteorolóxicas o permiten, poderemos usar o noso telescopio astronómico para seguir aprendendo sobre o ceo. Mais iso xa será no curso 2026-2027!

21/05/26

Biblioteca creativa

Durante o curso 2025/26 o centro participou no programa Biblioteca creativa, da Consellería de Educación, Ciencia e Universidades e Formación Profesional. Isto posibilitou a creación dun recanto creativo na biblioteca, dotado con material, e complementario aos Polos creativos.

Como parte da Bibioteca creativa desenvolvimos o proxecto NaturExplora dentro do proxecto Patio con(vida) do Proxecto Terra (Plan Proxecta), e a través del exploramos e divulgamos a natureza do centro empregando materiais do recanto creativo e de Polos creativos. 

O alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Xeografía, Historia e Patrimonio de Galicia continuou o traballo iniciado en cursos anteriores de estudo das árbores do eido do instituto. Remataron a gravación do pódcast con información sobre as árbores do eido para facer un roteiro autoguiado e comezou a elaboración dunha colección didáctica de follas das árbores do eido realizadas con goma eva, como parte dos programas de Biblioteca creativa e Polos creativos.

A realización da colección didáctica das follas das árbores do eido do centro é un proceso longo con varias fases. O alumnado recolleu as follas das diferentes especies de árbores e realizou un herbario analóxico e dixital. O herbario dixital foi convertido a formato .svg para poder importar en Inkscape. Co programa configurouse a silueta das follas que foron elaboradas en goma eva na cortadora láser. Podedes ver dous exemplos de follas: o tulipeiro de Virxinia (Liriodendron tulipifera), especie americana introducida en Galicia como árbore ornamental, e o castiñeiro (Castanea sativa), especie nativa galega. As follas foron escaneadas polo anverso e polo reverso para ter máis información sobre as características morfolóxicas e botánicas.









O alumnado de 2º de bacharelato de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia, realizou xardíns eternos e kokedamas.

A creación dos xardíns eternos é un procedemento de creación dun ecosistema vivo e a kokedama é unha técnica xaponesa de presentación de plantas sen testo.

Con estes dous métodos pretendeuse achegar ao alumnado á flora nativa presente no instituto e á florería sostible, e desenvolver a súa creatividade e competencia artística asemade.





O día 2 febreiro celébrase a Candeloria, unha festividade vinculada ao ciclo natural e á tradición agrícola, que posteriormente foi cristianizada.

A Candeloria está conectada coa celebración celta do Imbolc (que é traducida como dentro do ventre, simbolizando a preparación do nacemento da primavera).

É unha das celebracións que se producen nos momentos intermedios entre cada solsticio e equinoccio, neste caso, entre o solsticio de inverno (que marca o crecemento dos días) e o equinoccio de primavera. Celébrase o retorno da luz, coa presencia maior do sol, e a preparación para un novo ciclo de crecemento e colleita, tal e como se plasma en diferentes refráns: Se a candeloria chora, medio inverno vai fóra ou Que chore ou que deixe de chorar medio inverno está por pasar.

Este día tamén se celebra noutros lugares de Europa, como o Reino Unido ou Francia.

Deixámosvos unha tradución do capítulo do libro Everyday nature, sobre natureza no Reino Unido, adicado á esta data, a ver se vos gusta:

É outra excusa para prender as candeas. Sei que debería apreciar cada momento, mais non podo resistir a tentación de facer unha conta atrás os días durante febreiro, e hoxe marca o tradicional punto medio entre o día máis curto e o equinoccio de primavera.

Moito antes de que se adoptase como Candeloria, o 2 de febreiro era considerado un dos días máis importatnes do ano. É unha lembranza de que moitos dos nosos ritos anuais seguen o ciclo das estacións.

Eu marco o día plantando algúns lirios, partindo algúns terróns en dous e agardando a que produzan o dobre de flores o vindeiro ano, e algunhas veces mercando algunhas novas para engadir á mestura- agora é o momento perfecto para plantar snowdrop

Andy Beer (2020): Everyday nature. How noticing nature can quietly change your life. National Trust 

Polo que respecta a Francia, este é o día para comer crêpes, eses doces tan parecidos ás nosas filloas. Por iso, o Departamento de Francés levou a cabo a actividade  À la Chandeleur on fait des crêpes! dirixida ao alumnado de 3º ESO A. Como arrecendían e que saborosas estaban!




A través da caixa de suxestións da nosa biblioteca observamos o voso interese por acceder a mandalas, origami, lettering e puzzles tradicionais e tridimensionais.

Como parte do programa de Biblioteca creativa e de Lectura en familias adquirimos o material que solicitabades. Esperamos que o desfrutedes!



Chega o inverno e celebrámolo co proxecto InvernArte que recolle diferentes actividades organizadas desde o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, o Club de Ciencias, o departamento de Agroxardinería e composicións florais e a Biblioteca, e desenvolvidas polo alumnado.

Na actividade Follas e follas, o voluntariado da biblioteca decorou a árbore de inverno con follas naturais e follas de libros, en concreto, portadas.




Os alumnos e alumnas de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais realizaron preciosas coroas de inverno



O alumnado do Club de Ciencia realizou árbores de prata e decoracións invernías. 




Os alumnos e alumnas de 3º de ESO da materia de Cultura Clásica convertéronse en arquitectos e arquitectas da antigüidade e recrearon diferentes edificios da Acrópole de Atenas. Podedes ver os resultados no espazo Maruxa Mallo e tamén consultar as fichas técnicas de cada edificio.

Para crear as súas maquetas o alumnado tivo que documentarse sobre as características arquitectónicas de diferentes edificios e coñecelos ben para despois poder facer os seus propio deseños. Moitos parabéns polo fermoso traballo!




O día 30 celebramos o Samaín usando material da nosa biblioteca creativa con actividades preparadas por diferentes departamentos e proxectos (Equipo de Dinamización Lingüística, Club de Ciencia, Departamentos de Agroxardinería, Física e Química, Imaxe persoal, Inglés, Lingua e Literatura Galega, Orientación, Xeografía e Historia, e a Biblioteca) nas que participou o alumnado.

Concurso de cabazas e lápidas: Moitas grazas e parabéns ás persoas que preparastes cabazas e lápidas!! Convidamos a toda a comunidade educativa a velas na entrada do instituto, expostas xunto con centros florais preparados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais. O martes faremos a entrega de premios!!




 

O alumnado preparou unha exposición do Samaín na que se puido ver unha fermosa cortina e diferentes móbiles de follas outonizas, así como coroas e centros florais realizados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais; unha escolma de refráns de outono e unha exposición adicada ao impacto das supersticións na biodiversidade, preparada polo alumnado de 2º de bacharelato da materia Patrimonio de Galicia; uns carteis elaborados con cúrcuma e bicarbonato na actividade Samaín químico, creados polo Club de ciencia; un receitario do Samaín cunha escolma de pratos típicos destas datas, elaborado polo alumnado de 1º de ESO de Lingua e Literatura Galega e Educación Plástica na actividade Medo me dá...non saber cociñar; caveiras creadas polo alumnado de 3º de ESO de Educación plástica; unha recreación en plastilina dunha cea familiar de Samaín deixada para as ánimas da casa, realizada polo alumnado de 4º de ESO de proxecto competencial;  unha exposición de fondos da biblioteca con obxectos relacionados co Samaín e un xogo de preguntas e respostas que porán a probar canto sabes desta celebración, preparados polo equipo de dinamización lingüística e a biblioteca















O alumnado de FP Básica de Agroxardinería levou a exposición ao eido do centro creando un cemiterio gótico terrorífico:



O alumnado de FP Básica de Peiteado e estética e de 2º de bacharelato de Patrimonio de Galicia organizaron cooperativamente a actividade Samaín de medo! O alumnado de FP Básica de Peiteado caracterizou ao alumnado de Patrimonio de 2º de bacharelato, como podedes ver nas fotos a seguir.











A continuación, o alumnado de Peiteado caracterizou a quen pasou pola biblioteca durante o recreo e o alumnado de Patrimonio desenvolveu diferentes actividades coa rapazada de 1º de ESO.

Todo o alumnado o pasou de medo!!




O alumnado do Club de Ciencia participou no programa Cazabulos, do CSIC, e foron premiados cunhas cuncas moi xeitosas realizadas na biblioteca creativa.



Dentro do programa Lectura e familias e en colaboración co programa Biblioteca creativa foi creada unha baralla de emocións

Esta baralla está formada por 44 tarxetas individuais que representan cadansúa emoción por medio dunha imaxe e a súa definición. A baralla será empregada o vindeiro curso en titorías e na aula de convivencia para facilitar que o alumnado poida falar das súas emocións.