O alumnado de 2º de ESO e 4º de ESO de Xeografía e Historia e mais o alumnado de 2º de Bacharelato das materias de Xeografía e de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia buscaron con axuda das súas respectivas familias unha foto o máis antiga posible da que puidesen explicar a súa historia.
Unha vez escollida a fotografía, cada alumno e alumna recolleu por escrito a historia da fotografía reconstruída coa súa familia e entregou unha ficha dixital incluíndo un título, unha copia da fotografía, a explicación da fotografía en 250 palabras e unha reflexión sobre o traballo. Os alumnos e alumas que así o desexen participarán no IX certame Imaxes do Patrimonio, organizado pola Asociación Cultural Ponte...nas Ondas!
O corazón de Papworth tamén latexa en galego
Esta fotografía foi tomada no ano 1968 na parte traseira do Royal Papworth Hospital en Cambridgeshire, no Reino Unido. Nela aparecen dúas mulleres moi especiais para min: a miña bisavoa, a segunda pola esquerda, e a miña tía avoa, a primeira pola esquerda.
As dúas decidiron emigrar nos anos sesenta, cando en Galicia a vida era dura e non había traballo abondo. Elas marcharon moi novas e foron contratadas para traballar como auxiliares no hospital de Papworth que acabaría sendo moi coñecido en todo o Reino Unido xa que alí se realizou en 1979 o primeiro trasplante de corazón exitoso do país.
Para min é emocionante pensar que a miña familia xa formaba parte da historia do hospital antes dese momento tan importante.
Na foto vese ás dúas vestidas co uniforme branco e verde de traballo, sorrintes, mais tamén cunha forza interior que non se pode ver a simple vista.
Creo que esta imaxe non amosa só un recordo familiar, senón tamén un anaco do patrimonio da nosa memoria colectiva.
Moitas mulleres galegas tiveron que marchar da súa terra, deixando atrás ás súas familias, para buscar un futuro mellor. Elas foron valentes, loitaron por abrirse camiño nun país alleo, e asemade demostraron que as mulleres podían ter un papel esencial en lugares como a sanidade.
Para min, esta fotografía é un símbolo de emigración, de sacrificio e de orgullo. Ensíname que o patrimonio non son só pedras ou monumentos, senón tamén as historias vivas das persoas que nos precederon. Adela Lucas Patiño
Un día de festa na infancia do meu avó
Esta fotografía foi tomada o 15 de agosto de 1958 en Suevos, parroquia de Santa María de Trasmonte, municipio de Ames, A Coruña.
Nela pódese ver ao meu avó materno Manuel (o neno situado máis á esquerda), que por aquel entón tiña 8 anos; a miña bisavoa María (situada ao lado), que tiña 35 anos; o meu tataravó Manuel (sentado), que tiña 84 anos e, lamentablemente, quedou viúvo cando a miña bisavoa aínda era moi pequena; a súa irmá miña tía tataravoa (ao lado do meu tataravó), que tiña 72 anos; e o curmán do meu avó, José Luis (ao lado da miña tía tataravoa), que tiña 5 anos.
A persoa que tomou a foto foi a nai de José Luis, quen acababa de regresar de Venezuela. Alá comprara unha cámara, así que decidiron tomarse unha fotografía para lembrar ese día especial. Ao fondo pódense ver moitas árbores e unha palleira, que formaban parte do eido da casa do meu avó.
Lamentablemente, hoxe en día xa non queda ninguén con vida dos que aparecen nesa imaxe. Nin sequera o meu avó, que se estivese vivo hoxe tería 75 anos. Desafortunadamente, morreu dun cancro moi grave cando a miña nai era nova, deixando á miña avoa viúva moi nova cunha filla que criar. E por iso esta foto ten un valor moi especial para a miña familia. Irene Priegue Fabeiro
Carpintería do bisavó
Esta fotografía, foi tomada por un fotógrafo profesional o 28 de marzo de 1960, segundo anotación do meu bisavó no reverso da fotografía, nun taller de carpintería en Bastavales, Brión, A Coruña. Representa o día a día habitual nunha carpintería naquel tempo: o mestre carpinteiro-ebanista (o meu bisavó, situado á esquerda) corta unha pequena peza de madeira no lateral da máquina de carpintería baixo a atenta mirada dun dos seus aprendices que, ao mesmo tempo, rebaixa un listón de madeira na mesma máquina. Ao fondo, o outro aprendiz vai acomodando as pezas que xa quedan listas no traballo final.
A carpintería era un oficio que o meu bisavó adoraba e que lle encantaba explicar aínda cando tivo que deixar de desenvolvelo. Iria Piñeiro Cea
O descanso dos que traballan a terra
Esta fotografía foi tomada no Barral,Pontedeume, A Coruña, no mes de agosto de 1939, durante unha romaría que se celebraba no campo da festa do lugar, xusto ao lado dos actuais merendeiros.
No reverso da imaxe aparece escrita esa data á man. O autor da fotografía non se coñece, mais probablemente fose un veciño da zona que tiña cámara e retratou a familia como recordo dun día especial.
No centro está meu avó Gonzalo Allegue, cando era un neno; á súa dereita está a súa nai, Generosa Torre; e máis á dereita a súa irmá Carmen Allegue e o seu irmán Vicente Allegue. Á esquerda de Gonzalo aparece a súa avoa Balbina Varela, e á esquerda dela están os seus irmáns Juan Allegue, o maior, e Francisco Allegue.
Todos eles eran da aldea do Barral, situada na parte alta de Pontedeume, na provincia da Coruña. Desde alí vese moi ben a ría de Ares e os solpores son moi fermosos, con cores douradas sobre o mar.
A familia Allegue Torre vivía con poucos recursos, mais sempre unida e con moita alegría.
A fotografía recolle un momento de festa e convivencia familiar, nun tempo en que as fotos eran escasas e moi valiosas.
Grazas aos recordos de miña nai, que é filla de Gonzalo, podo entender que esta imaxe representa non só un día feliz, senón tamén a forza e o cariño dunha familia sinxela que soubo gozar das pequenas cousas. Paulo Santiago Allegue
Avó con avós
Esta fotografía foi tirada o cuarto domingo de outubro de 1945, que caeu en día 28, nunha aldea de Outes chamada Róo de Arriba, da parroquia de San Xoan de Róo, durante a celebración da festa das Angustias na aldea.
Nela aparecen meu avó, chamado Eugenio Fernández Fernández, que é o rapaz do medio e aínda non tiña un ano; a avoa materna do neno, Josefa Fernández Fiuza, que tiña 56 anos; e o avó materno do neno, Eugenio Fernández Suárez, que tiña 54 anos.
A foto está sacada diante da porta da casa dos avós do neno, por tanto, de meus tataravós paternos, na que vivían todos xuntos.
Os pais de meu avó (meus bisavós paternos) decidiron facer o bautizo ese día porque ao ser a festa da aldea era mais fácil xuntar a toda a familia para festexar.
O día da festa das Angustias pasaba sempre un fotografo que ía en bicicleta coa cámara ás costas, e aproveitaron e sacaron unha foto de meu avó cos seus avós, xa que era o único neto que tiñan nese momento. Despois tiveron tres mais.
Non fixeron nada especial polo bautizo de meu avó, pois ao ser a festa das Angustias, xa celebraron coma sempre, facendo un xantar máis especial, e mesmo, ás veces, entre varias familias mataban un becerro para a festa. Alba Sendón Fernández

O meu avó na concentración parcelaria
A fotografía amosa a unhas persoas traballando xuntas na concentración parcelaria que se fixo no Concello de Negreira a partir do ano 1963.
Unha das persoas que aparecen nesa fotografía (a segunda comezando pola dereita) é o meu avó materno que faleceu hai case dous anos e que se chamaba Bonifacio Vilas.
Na fotografía tiña aproximadamente 20 anos. Naceu no lugar de Ponte Maceira, parroquia de Portor, Concello de Negreira. Como xa faleceu non puido contarme a historia da fotografía, mais el si que lla contara a miña nai, entón ela puido explicarma.
Como xa dixen, a foto amosa uns homes facendo medicións de fincas dunha mesma persoa que eran moi pequenas, cuxas superficies se sumaban e se lle cambiaban por unha soa finca do tamaño total aproximado. A concentración parcelaria fíxose para evitar o minifundismo e facilitar a labor dos agricultores. Lía Gómez Vilas





Ningún comentario:
Publicar un comentario