Como xa é tradicional, O Club de lectura Paroliñas, da comunidade educativa adulta, clausurou a edición do club cun roteiro literario. A obra escollida foi Memoria da choiva, de Pedro Feijoo, centrando o paseo, de entre os múltiples escenarios da novela, en Santiago de Compostela.
O roteiro, que tivo lugar o 21 de maio, principiou na zona nova, República do Salvador, número 28, onde acontece o primeiro asasinato, e rematou na estatua de Rosalía de Castro da Alameda.
Como aspecto destacado, o roteiro incluíu unha visita á biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG), da que, na novela, Calímaco de Brión é bibliotecario. No CCG fomos recibidos polo xornalista e escritor Manuel Gago, que nos acompañou á biblioteca. Alí falounos da biblioteca, amosounos algunhas das xoias alí contidas, como a primeira edición de Aires da miña terra, de Manuel Curros Enriquez, e explicounos o papel institucional do Consello da Cultura Galega e a súa importancia na conservación do patrimonio galego.
Rematamos o roteiro avaliando esta edición do club e achegando unha morea de ilusionantes propostas para a xeira do vindeiro curso. Vémonos en setembro!



Ningún comentario:
Publicar un comentario