Durante o curso 2025-2026 continuamos co rexistro da biodiversidade no eido do centro, dentro do noso programa Natureza cotiá, e seguimos atopando novas sorpresas.
Continuamos a análise das características biolóxicas e físico-químicas da charca, observando un aumento da eutrofización por mor da calor e sobrecrecemento vexetal, mais continua a ser un refuxio de biodiversidade.
Tamén continuamos a observar a fauna que visita a fraga NW coa cámara de detección de movemento (coa que volvemos documentar as mesmas especies que nos cursos anteriores), e a facer o seguimento do proceso de cría de aves coa cámara Green Feathers instalada nunha caixa-niño. Desta volta non aniñou ningunha ave, aínda que si volveron explorar a caixa-niño unha parella de Ferreiro real (Parus major) e unha parella de Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus). O motivo de que non aniñara ningunha ave foi que se adiantou un abellón (Bombus terrestris) poñendo alí o seu niño.
A diferenza das abellas e avespas, os abellóns non constrúen unha estrutura elaborada desde cero, senón que aproveitan cavidades preexistentes (en buratos abandonados por roedores no chan, debaixo do follato, en ocos nos troncos e nas árbores, e en caixas-niño que tiveron unha ocupación anterior.
No seu interior constrúen unha pequenas "copas" ou "oliñas" de cera e pole para almacenaxe de alimentos e abrigo de larvas.
Na primavera a raíña fundou o niño e depositou as primeiras larvas. As novas xeracións foron nacendo e incorporándose ás tarefas de mantemento.
Puidemos observar como foi medrando o niño ata case pechar a entrada e mesmo saír material polas zonas de unión.
As obreiras entraban e saían constantemente na súa actividade de forraxeo de pole e néctar. O pole é transportado pegado nas súas patas traseiras (unhas "boliñas" amarelas ou laranxas) para alimentar as larvas, mentres que o néctar lévano no estómago para producir o mel que consome a colonia.
Aprendemos moito sobre a vida dos abellóns mais non puidemos rematar o ciclo de observación pois a caixa-niño foi vandalizada no mes de maio, polo que non puidemos observar o abandono do niño en outono.
O equipo levou un gran desgusto por moitas razóns, porque non puido rematar de observar o ciclo do abellón, porque non puido analizar os tres anos de ocupación da caixa-niño, como tiña pensado facer en outubro, así que os abellóns marcharan e porque resulta moi triste ver que por ignorancia ou falta de conciencia ambiental se destrúe o medio de vida destes polinizadores tan importantes para o equilibrio medioambiental. Con todo, imos seguir observando a natureza, contribuíndo ao desenvolvemento ecosocial do eido do centro e concienciando sobre a necesidade de respectar a natureza da que formamos parte.
Os resultados das observacións foron publicados en tres aplicacións de ciencia cidadá: I-naturalist, Merlin e Weathercloud.
Durante este curso continuouse o mantemento da arquitectura viva realizando a poda en outono. Ademais os vimbios podados foron empregados nas composicións florais realizadas polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería, contribuíndo así a unha economía circular sostible.









Ningún comentario:
Publicar un comentario