31/03/21

Coidemos as aves e os seus niños

Seguimos a investigar o noso centro no marco do proxecto Patio con(vida) a convivir ao abeiro do Proxecto Terra e do Proxecto Educación Patrimonial, ambos os dous dentro do Plan Proxecta,  do PFPP do centro O IESP de Ames: un espazo sostible e seguro, e da temática das bibliotecas escolares deste curso: Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

Como parte da observación da nosa contorna os alumnos e alumnas de 3º ESO A e C están a documentar, como sabedes, as aves que vemos ou ouvimos no centro e desde o centro.

Garza real (Ardea cinerea), Pombo torcaz (Columba palumbus), Bubela (Upupa epops), Peto verdeal (Picus viridis), Lavandeira branca (Motacilla alba), Carrizo (Troglodytes troglodytes), Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Merlo común (Turdus merula), Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), Ferreiro abelleiro (Parus major), Pega marza (Garrulus glandarius), Corvo pequeno (Corvus corone), Estorniño negro (Sturnus unicolor), Pardal común (Passer domesticus), Pimpín común (Fringilla coelebs), Verderolo común (Carduelis chloris), Xílgaro (Carduelis carduelis), Xirín (Serinus serinus).

Fotografías tomadas das páxinas da Wikipedia correspondentes a estas aves.

Aínda que algunhas aves levan acompañándonos desde comezo de curso, os seus reclamos e cantos son agora moito máis abundantes e fortes. Comezamos a sentir o reclamo do peto verdeal desde comezos de marzo, máis tarde chegou o son do xílgaro ou do pombo. 

Case a totalidade destas aves son sedentarias, agás a Garza real (Ardea cinerea), que é invernante, polo que seguramente xa non a volveremos ver ata o vindeiro ano, e a Bubela (Upupa epops), que é a primeira ave estival que chegou ao noso centro. Agardamos ver proximamente a Andoriña común (Hirundo rustica). 

A Bubela e a Andoriña usan os mesmos niños ano tras ano, polo que debemos coidalos e non destruílos. As aves chegan moi cansas logo da súa viaxe migratoria e se teñen que volver construír un niño novo precisan moita enerxía e tempo do que non dispoñen para poder criar na época axeitada. A seguir tedes un vídeo dunha campaña realizada pola SEO (Sociedade Española de Ornitoloxía) concienciando da necesidade de coidar as aves e os seus niños. Temos a certeza de que convosco están en boas mans!


Tedes interese en observar, documentar, coidar dos paxaros e desfrutar deles? Unídevos ao grupo de observación da natureza do centro! De momento deixámosvos unhas pistas de onde poder velos, sempre en silencio e sen molestalos!

No bosquete do NW do centro podedes ver o Pombo torcaz (Columba palumbus), Carrizo (Troglodytes troglodytes), Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Merlo común (Turdus merula), Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), Ferreiro abelleiro (Parus major), Pardal común (Passer domesticus) e o Pimpín común (Fringilla coelebs).

No xardín N e NL adóitase ver Pombo torcaz (Columba palumbus), Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Merlo común (Turdus merula), Pega marza (Garrulus glandarius), Pardal común (Passer domesticus) e Verderolo común (Carduelis chloris).

Nos salgueiros do W podedes desfrutar de Paporrubio común (Erithacus rubecula), Merlo común (Turdus merula), Ferreiriño azul (Cyanistes  caeruleus), Ferreiro abelleiro (Parus major), Corvo pequeno (Corvus corone), Pardal común (Passer domesticus) e Xílgaro (Carduelis carduelis).

No carballo situado ao SW podedes ver e escoitar Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Merlo común (Turdus merula), Corvo pequeno (Corvus corone), Estorniño negro (Sturnus unicolor), Pardal común (Passer domesticus), e Xirín (Serinus serinus).

Nas tuias xigantes do S do campo do fútbol agóchanse grupos de Paporrubio común (Erithacus rubecula) e Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros).

No campo de fútbol podedes ver adoito Lavandeira branca (Motacilla alba) e se tedes moita, moita sorte Bubela (Upupa epops).

Desde o W do instituto podedes ouvir o Peto verdeal (Picus viridis), no bosque e campos ao W e S do instituto, os Estorniños negros (Sturnus unicolor) nos cables e na torre de alta tensión, e en inverno, con moita sorte, podedes ver pasar a Garza real (Ardea cinerea).

Ningún comentario:

Publicar un comentario