15/06/22

Patrimonio de Ames ao longo do tempo

Dentro do programa Educación Patrimonial, do Plan Proxecta, este curso retomamos estudos realizados polo alumnado en edicións anteriores, e levamos a cabo unha actualización da información e unha selección dos elementos e paisaxes culturais que nos parecían máis significativos ao longo da historia de Ames.

Os alumnos e alumnas analizaron as diferentes manifestacións patrimoniais e paisaxes culturais do municipio de Ames. Para iso tomaron como punto de partida a información no museo virtual KaleidoScapes e realizaron traballo de campo para actualizar a información anterior e aplicar os criterios de valoración que estableceran anteriormente. 

Os criterios de avaliación establecidos foron: Importancia, asociación, representatividade, variedade e carácter único.

Importancia: O elemento ou paisaxe é importante no curso da historia natural ou cultural de Ames e ofrece información que contribúe a entender a historia natural e cultural de Ames.

Asociación: O elemento ou paisaxe ten unha forte ou especial asociación con unha comunidade pasada ou presente en Ames por razóns culturais e sociais.

Representatividade: O elemento ou paisaxe é importante para demostrar as principais características dunha clase e/ou período da natureza ou cultura de Ames.

Variedade: O elemento ou paisaxe inclúe items de diferentes tipos que poden ser interpretados como un conxunto ou como unha paisaxe.

Carácter único: O elemento ou paisaxe posúe aspectos da historia natural ou cultural de Ames pouco comúns ou en perigo.

Tendo en conta estes criterios os diferentes elementos e paisaxes culturais do patrimonio de Ames seleccionados que foron en orde cronolóxica: a paisaxe medieval das Torres de Altamira, a ponte de Auga Pesada e a Ponte Maceira, a casa reitoral de Piñeiro, o conxunto parroquial de San Lourenzo de Agrón, o Pazo de Leboráns, o conxunto de muíño e lavadoiro de Lapido, e a praza de Chavián.

O alumnado relacionou estes elementos e paisaxes patrimoniais coa música (ver aquí e aquí) e a danza ao longo do tempo. Podedes ver a información sobre os obradoiros de danza aquíaquí e aquí.



Os alumnos e alumnas elaboraron un roteiro unindo estes diferentes elementos e paisaxes culturais que se realizará o vindeiro curso. Animádevos a participar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario