O día 29 de abril celebrouse o Día Internacional da Danza, e para conmemorar esa data leváronse a cabo numerosas actividades do centro, con alumnos e alumnas das materias de Educación Física e Xeografía e Historia. Estas actividades realizáronse ao abeiro do proxecto Educación patrimonial, Proxecto Educativo do Centro e Proxecto Terra do Plan Proxecta.
Os alumnos e alumnas do centro participaron nun baile colectivo realizado na entrada do centro.
O alumnado tamén participou nun concurso de baile con máis de trinta parellas participantes. As parellas gañadoras foron Lorena Viñas e Manuel Cárdenas, de 1º Bacharelato C e A (1º premios); Kasech Otero e Inés Fernández, de 1º Bacharelato C; e Lúa ardións e Nayra Prado, de 1º Bacharelato C (empatados no 2º premio). Moitos parabéns a estas parellas e a todas as persoas participantes!
Os alumnos e alumnas de 1º de bacharelato da materia de Actividade Física e Saúde realizaron obradoiros de diferentes estilos de baile para toda a comunidade educativa. Entre estes obradoiros destacaron os de baile galego e baile latino.
Os alumnos e alumnas de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia participaron nun obradoiro de danza antiga, da man de Loli Fojón, da Academia LoDanzas. Os alumnos e alumnas realizaron unha viaxe no tempo pola danza na Idade Media, a danza no Renacemento e a danza no Barroco. O grupo aprendeu a bailar un branle, unha pavana e un minueto.
Os alumnos e alumnas de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia saltaron do século XVIII ao século XX para meterse no período de entreguerras, cando facía furor o baile swing e o Lindy Hop. O obradoiro de baile swing, foi impartido por Carlos Tomico, da Academia Alfaia.
Os alumnos e alumnas aprenderon unha coreografía creada e popularizada nada máis nin nada menos que pola lenda do baile swing Frankie Manning.
Ningún comentario:
Publicar un comentario