Continuando coa celebración do Día das Letras Galegas, o día 2 de xuño, os alumnos e alumnas de 3º de ESO recibiron na nosa biblioteca á escritora Eva Mejuto acompañada da cantareira Maite. Esta actividade foi organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística.
Eva falounos do seu libro Sei cantar e sei bailar, e a través del das cantareiras e pandereiteiras homenaxeadas este ano das Letras galegas e da tradición oral. Maite cantounos varias cantigas (de traballo, de camiño, de amor, de arrolo) e xunto con Eva invitou ao alumnado a bailar ao ritmo de culleres e pandeireta.
Os alumnos e alumnas de Agroxardinería prepararon un agasallo floral para Eva e Maite, como agradecemento pola súa emotiva e entretida charla. Tamén lles foi entregada unha bolsa e postais conmemorativas das cantareiras deseñadas polo equipo de dinamización lingüística e realizadas en Polos creativos, e marcapáxinas da biblioteca e do proxecto Patio con(vida).
Ningún comentario:
Publicar un comentario