13/06/25

Cantacontos

O día 13 de xuño tivo lugar unha actividade de lectura compartida na que o alumnado de 3 anos de infantil do CEIP A Maía visitou a nosa biblioteca e asistiu a unha sesión de contos cantados por alumnos e alumnas de 4º de ESO. A actividade tamén incluíu a entrega dunhas bonitas plantas preparadas polos alumnos e alumnas de 1º FP Básica de Agroxardinería e composicións florais.

Os pequenos e pequenas escoitaron con atención os contos cantados, bailaron ao ritmo das súas cancións favoritas e tamén se animaron a saír ao palco e amosarlles aos nenos máis grandes o ben que cantaban.



Elisa, Lucía e Zoe cantaron a cantiga Se chove, de Treixadura, e o conto Matarile, acompañados á guitarra por Pablo.


Elisa e Lucía cantan o conto Se che pica un mosquito, acompañadas por Héctor ao violín, Pablo á guitarra e Zoe ao piano.

O grupo interpreta a canción Corre cabaciña, unha das preferidas dos pequechos que acompañan cantando e batendo palmas. 


Mais, xa abonda de tanto estar sentados!! Chegou o momento de bailar!


A seguir, Adrián e Saray, alumnos de Agroxardinería, fixeron entrega das plantas. Houbo para grandes e pequenos!



Como a estas alturas da festa xa eramos unha familia, os pequechos tamén se arrincaron a cantar. E que ben o fixeron!! O tempo pasou voando! Cunha derradeira canción, O Pico, de Riobó, interpretada por Elisa ao violín e Pablo á guitarra, demos por rematada a xolda e despedímonos ata o próximo curso!

Moitas grazas ao alumnado participante do IESP de Ames polo seu traballo e moitas grazas ao alumnado do CEIP A Maía por compartir este tempo connosco e encher o instituto de alegría. 

Seguiremos con máis actividades conxuntas no próximo curso!

1 comentario:

  1. Felicidades x hacer pasar un lindo momento a los niños como papá me siento feliz de ver a mi hija disfrutar y aprender cosas nuevas 🙏🙏

    ResponderEliminar