O día 6 de xuño o alumnado de 4º ESO desfrutou da actividade Cóntoche un traxe, desenvolvida por Montse Rivera, integrante do grupo de cantareiras Leilía. Esta actividade foi organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística.
Carlos Negro actuou como mestre de cerimonias e presentou a Montse Rivera, resumindo a súa traxectoria e a súa contribución á cultura galega.
Para amosar os diferentes traxes, Montse pediu a colaboración de alumnos e profesores que actuaron como modelos.
Elisa e Dylan actuaron en representación do alumnado, cos nomes de Maruxa e Antón; Mónica e Carlos fixeron o propio en representación do profesorado, baixo os alcumes de Carmela e Xian. A parella representante do alumnado foi vestida con traxes de gala, mentres que a parella de docentes foi vestida con roupa de traballo.
Nestas fotografías podedes ver o guapas e guapos que estaban:
Ademais, Montse Rivera e Leilía foron elixidas para inaugurar o que agardamos que se convirta nunha tradición do centro, consistente en homenaxear a unha persoa ou grupo ao ano en relación co Día das Letras Galegas correspondente.
Montse Rivera e Leilía son as homenaxeadas neste ano das Letras Galegas adicado á tradición oral e as cantareiras, pola súa contribución ao longo de trinta anos, e os que quedan por vir, ao coñecemento, salvagarda e divulgación da tradición oral e as cantigas populares, e por inspirar tanto ás seguintes xeracións de artistas como á cidadanía en xeral a converter a pandeireta e a tradición oral en parte da súa vida e creación artística.
Das árbores do eido do noso centro, o freixo pareceunos a escolla máis aquelada para a ocasión, pois da súa madeira fanse exclentes pandeiretas, instrumento co que sempre asociaremos no noso imaxinario a Leilía. Moitas grazas Leilía por serdes raíz ceiba e moitos parabéns!
Non deixedes de visitar no espazo exterior da biblioteca unha exposición que fai unha semblanza do grupo Leilía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario