Estes cambios débense ao proceso de renovación que estamos a desenvolver ao abeiro do PLAMBE, seguindo as indicacións internacionais e de Bibliotecas Escolares para as bibliotecas actuais, procurando conseguir un espazo máis inclusivo, dinámico e ao voso gusto.
Mais, á parte destas indicacións, tamén tivemos en conta as vosas suxestións, o que nos fostes dicindo en conversas persoais, na caixa de suxestións, mediante os vosos representantes no consello escolar, ou nas enquisas e grupos de traballo. O voluntariado da biblioteca tamén nos axudou moito nesta renovación.
Trátase dun proceso que aínda está en marcha e que agardamos rematar para o vindeiro curso, así que aínda estades a tempo de facer máis suxestións.
Unha das prioridades que nos marcamos foi non pechar en ningún momento a biblioteca, para que puideramos seguir todos desfrutando do noso espazo sen interrupcións desde o primeiro ata o derradeiro día de curso... e ao que se ve, conseguímolo!
Podedes ler como foi a progresión cronolóxica das transformacións e ver un vídeo co resumo dos cambios. O vindeiro curso continuaremos... así que collede forza no verán porque habemos precisar da vosa axuda!!
Os alumnos e alumnas de Agroxardinería prepararon unhas plantiñas para facer da nosa biblioteca un espazo máis verde.
A biblioteca pode desfrutarse en grupo, en parellas ou individualmente, dependendo do que queiramos facer e de como nos sintamos nun momento dado. Este espazo para parellas tamén é usado como espazo para entrevistas ou conversas con autores ou outras persoas que nos visitan para realizar connosco diferentes actividades.
O recanto musical permite desfrutar da música, quer tocando ou escoitando outras persoas, quer practicando. Neste espazo tamén podemos escoitar música con cascos ou ler e conversar sobre lecturas con outras persoas. Ademais do piano, dispoñemos de pandeiretas e, en breve, dunha guitarra.
Este espazo adicámolo a lectura pracenteira e xuntanzas dos clubs de lectura. Podemos mover os pufs e os sillóns para organizarnos en grupos de máis ou menos persoas ou para estarmos sós se así o desexamos.
O curso pasado creamos unha ludoteca no soto do edificio, e fomos ampliándoa durante este curso decidimos integrar a ludoteca dentro da biblioteca creando un espazo para xogos de mesa. As mesas do espazo de xogos son modulares. Pódense combinar nunha mesa ovalada que acolle doce persoas, mesas redondas para seis persoas, mesas rectangulares para catro persoas ou mesas semicirculares para dúas ou unha persoa.
Podedes coller directamente no armario os xogos que queirades xogar. Lembrade recollelos e deixalos no armario tal e como os atopastes, para que poidan desfrutalos outras persoas e vós mesmos en futuras ocasións.
Vista xeral do espazo de traballo e investigación da biblioteca á dereita e o espazo de xogos á esquerda.
Este curso foron incorporadas mesas pregables para crear un espazo máis flexible e versátil. As mesas pregables permitiron usar máis comodamente a biblioteca para diferentes actividades. Na fotografía de abaixo vedes o espazo preparado para a charla de Eva Mejuto sobre o seu libro Sei cantar e sei bailar, no marco da celebración do Día das Letras Galegas.
Na última actividade do curso, o Cantacontos, decidimos mudar a disposicións dos sofás para conseguir un espazo máis aberto e que precisase de menos cambios de disposición do mobiliario para a realización de actividades para moitas persoas. Seguiremos buscando a mellor organización do espazo para que sexa máis flexible e multifuncional.
Tamén dispoñemos de radio escolar e de Polos creativos situados noutros espazos do instituto e vinculados á biblioteca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario