19/05/25

A danza, patrimonio inmaterial 2024-2025

O 29 de abril celébrase o Día Internacional da danza, unha conmemoración do valor patrimonial e artístico da danza, que ten lugar no aniversario do nacemento de Jean-George Noverre, bailarín e profesor de danza, considerado o creador do ballet moderno.

Como no curso anterior, no instituto celebramos a danza ao longo de todo o curso, integrándoa na nosa vida cotiá. Ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial e Proxecto deportivo de centro do Plan Proxecta, e do programa Ponte...nas ondas! desenvolvimos algunhas actividades relacionadas coa danza que xa son clásicos anuais, e incorporamos algunhas actividades novas:

Aproveitando que este ano o Día das Letras Galegas estaba dedicado ás cantareiras e a tradición oral popular, creamos un club de lectura/obradoiro dedicado ás cantigas e pandeiretas, impartido por Suso Iglesias, e outro dedicado a danza tradicional galega, impartido por Simón Fustes. Cada un dos obradoiros desenvolveuse ao longo do curso cunha periodicidade semanal.

Desde decembro están en marcha o Club de lectura de literatura tradicional, cantigas tradicionais e pandeireta e o Obradoiro de danza tradicional. En ambas actividades participan tanto alumnado como profesorado.


En decembro o alumnado de 4º ESO da materia de Xeografía e Historia realizou unha investigación utilizando a metodoloxía de Historia oral na que recolleron as lembranzas das súas familias en relación ás xuntanzas populares que recibían nomes moi diferentes, tales como foliadas, seráns, fiadeiros, albaroques, etc., e o seu valor como patrimonio inmaterial. 

En xaneiro as alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia investigaron sobre a Idade Media en Ames, como parte desa investigación tamén se fixaron na música e na danza, e en febreiro participaron nun obradoiro de danza medieval e renacentista impartido por Loli Fojón, da Academia LoDanza.


En febreiro, o alumnado de 4º ESO da materia de Xeografía e Historia e de 2º Bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia participou nun obradoiro de danza contemporánea con música de Baiuca. O obradoiro estivo a cargo de Loli Fojón, da Academia LoDanzas.


En marzo, traballamos o jazz, e o alumnado de 4º ESO da materia de Xeografía e Historia participou no obradoiro de Lindy Hop impartido un ano máis por Carlos Tomico, da Academia Alfaia.


No mesmo mes, as alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia analizaron o papel da emigración e da inmigración en Galicia e participaron nun obradoiro de roda cubana impartido por Gonzalo Berdeal.


Para rematar, o alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Educación Física realizou unha foliada o día 16 de maio no xardín da zona norte do eido do centro, á que se uniu tanto o alumnado como o profesorado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario