Durante este curso 2021-2022 volveremos traballar coa Comisión de Observación do Lixo, como parte do Comité Climático, do PFPP Cultura da sostibilidade IV, pero nesta ocasión pretendemos utilizar o lixo do centro, esperemos que cada vez en menor cantidad, para facer arte de refugallo.
A primeira acción que realizou a Comisión de Arte co Lixo foi un estudo da distribución das papeleiras do centro e do lixo en colaboración co proxecto Patio con(vida) do Proxecto Terra. Como vos informamos nesta entrada, o curso pasado realizamos o mesmo estudo, polo que os datos recadados nesta nova análise permítennos realizar unha comparación e ver se se produciron cambios ou non entre o curso 2020-2021 e o curso actual.
O traballo de documentación e análise realizouse o luns, 29 de novembro de 2021. No primeiro recreo os alumnos e alumnas da Comisión de Arte co Lixo realizaron o estudo da distribución das papeleiras do eido do centro, e, pola tarde, as alumnas de 2º de Bacharelato D da materia de Xeografía encargáronse de analizar a distribución do lixo no eido do centro ao abeiro do programa Patio con(vida).
O estudo complementouse cunha entrevista ao equipo de limpeza do centro.
Os resultados da análise son os seguintes:
Os alumnos e alumnas documentaron 17 papeleiras distribuídas polo eido do centro, tres menos que as documentadas o curso pasado, xa que foron destruídas por vandalismo. As papeleiras están situadas nas paredes externas do edificio, no porche N do centro e no patio central cuberto.
Os alumnos e alumnas recomendan colocar papeleiras nos muros do centro, se ben tamén reflexionaron sobre a posibilidade de non aumentar o número de papeleiras e que os alumnos se despracen ata as papeleiras xa existentes para botar o lixo ou muden os seus hábitos para xerar menos lixo ou levalo de volta para os contedores das súas casas.
Igual que se observou no curso pasado, hai unha grande cantidade de lixo por todo o eido do centro. O lixo máis común segue a ser o formado por envoltorios de snacks e de gominolas e chucherías. Segue a haber latas, botellas de auga, aínda que se observa unha diminución dos tetrabriks de zume, as bebidas chocolatadas e aparecen por primeira vez neste curso botellas de Coca-Cola de litro e medio. Tamén se observa papel de aluminio e servilletas de papel usados para envolver os bocadillos da cafetería. Non se documentaron nesta observación vasos desbotables nin cabichas que si estaban presentes o curso pasado.
Vólvese detectar unha porcentaxe significativa de material escolar procedente das aulas que é guindado polas ventás aínda que nunha proporción menor que no curso pasado. Este material acumúlase na cuberta do patio central cuberto, no xardín dos rododendros e nas fachadas W e L do edificio, maioritariamente nesta última. Tamén se documenta material escolar na fachada S a carón do ximnasio. O material escolar máis abundante son as follas de libreta, aínda que tamén hai outro material como lápices e pegamento de barra.
Tamén se observa lixo relacionado coa situación de pandemia como máscaras ou toalliñas de xel hidroalcólico.
A zona con menos lixo do centro é o xardín N (aínda que non está libre de lixo, pois documentáronse envoltorios de galletas e gominolas). Os espazos onde se atopou unha concentración máis elevada de lixo foron a zona L do eido, concretamente na área dos camelios, e a pequena fraga situada ao NW, especialmente na zona de acceso a este espazo, e tamén ao longo da fachada W do salón de usos múltiplos.
Na fraga do NW atopamos unha especialización do lixo cunha enorme acumulación de envoltorios de tortiñas de avea maioritariamente, seguido de bolsas de Cheetos, e e menor medida envoltorios de chocolatinas Tokke, palmeiras, Puntazos, Choco Bom, Pringles e latas de Coca-Cola.
Nas zonas onde se sitúan as papeleiras tamén se documentou maior cantidade de lixo xa que o seu contido ás veces é envorcado á mantenta.
O equipo de limpeza do centro informounos de que baleiran as papeleiras do patio dúas veces por semana, e que de cando en vez tamén recollen lixo do eido.
Facemos un chamamento á comunidade educativa para que se conciencie da necesidade de reducir a xeración de lixo, usar as papeleiras dispoñibles no centro para botar o lixo que non poidamos evitar xerar ou levar o lixo xerado de volta para casa.
Entre todos e todas podemos conseguir un centro máis limpo, máis sostible e máis acolledor. Animémosnos a contribuír para reducir a nosa pegada ecolóxica e a do noso centro!
Ningún comentario:
Publicar un comentario