O verán pasou voando, pero deu tempo de repoñer forzar para comezar o curso 2021-2022 cheos de ilusión e proxectos! Benvidos ao instituto as persoas que comezan nel por primeira vez e benvidos de volta aos que xa levades máis tempo!
Este curso seguimos co protocolo da pandemia de Covid-19, pero a boa nova é que recuperamos o espazo da nosa biblioteca!! Está a vosa disposición todos os días da semana cun aforo máximo de 30 persoas.
Para solicitar e recoller empréstitos evitando aglomeracións seguiremos coas mesmas quendas que o curso pasado: Os luns acudiredes os alumnos e alumnas de 1º de ESO e mais os profesores e profesoras, os martes farédelo o alumnado de 2º de ESO, o mércores viredes os alumnos e alumnas de 3º de ESO, o xoves 4º de ESO e 2º de bacharelato, e os venres 1º de bacharelato e FP.
Tamén seguirá funcionando a nosa biblioteca virtual a través do blog da biblioteca, que é o que estades lendo agora. Podedes acceder ao blog directamente marcando o enderezo https://bibliocarlosnieto.blogspot.com ou desde o menú superior ou a columna lateral da páxina principal do sitio web do noso centro.
No blog da biblioteca podedes consultar información sobre actividades da biblioteca e novidades culturais, acceder a outros sitios web de interese e mesmo facer buscas no catálogo da biblioteca dos libros nos que esteades interesados. Para facer esas buscas só tedes que premer na imaxe do buscador Meiga situado na columna da dereita do blog. Unha vez que atopedes o voso libro podedes copiar a referencia e facernos chegar a vosa petición de empréstito nun primeiro recreo do día da semana adxudicado ao voso curso ou a través do correo electrónico bibliotecaiesames@gmail.com.
O lema das bibliotecas escolares para este curso é A Biblioteca escolar ten a palabra, co que se quere poñer o foco na palabra e a oralidade.
Esta biblioteca formámola toda a comunidade educativa, así que vos animamos a que participedes todos e todas nas diferentes actividades que xa existen e propoñendo outras novas que sexan do voso interese. Podedes facernos chegar as vosas suxestións por correo electrónico, deixándoas na caixa de suxestións que hai na entrada da biblioteca ou verbalmente.
Desde a biblioteca dámosvos a benvida e desexámosvos un feliz curso 2021-2022 con moita saúde e moitas lecturas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario