18/11/25

Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller

Un ano máis, desde a biblioteca queremos divulgar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller e  poñer de manifesto o noso compromiso coa igualdade de xénero e o rexeitamento máis absoluto de todas as formas de violencia contra a muller. 

O Equipo de Dinamización Lingüística, o Equipo de Orientacióno Equipo da Biblioteca, O Departamento de Educación Plástica, o Departamento de Agrarias e o Departamento de Inglés prepararon unha serie de actividades para seren realizadas polo alumnado durante as horas de titorías. O resultado das actividades será exposto para a comunidade educativa o día 25 de novembro. Podedes ver a proposta de actividade Koräsonsän


Deixámosvos algúns vídeos que tratan o tema da discriminación da muller e a violencia contra ela.

PremendoTVE publica "Mil mujeres asesinadas", un especial interactivo que homenaxea e relata as vidas de mulleres asasinadas pola violencia de xénero. Este proxecto foi homenaxeado co Prix Europa. Podedes ver un teaser do proxecto neste enlaceneste enlace.

Moito se está a reflexionar sobre a educación e a presión social tradicional nos homes que deriva en comportamentos machistas e como esa educación e actitude social se está a cuestionar. Isto recóllese no documental Clonar a un hombre, dirixido por Iván Roiz, e Serás un hombre, de Isabel de Ocampo, gañadora dun premio Goya ao mellor documental.

A seguir podedes ver o documental Clonar a un hombre completo, e un tráiler do documental Serás un hombre.


Tamén podedes ver o vídeo 48 cosas que los hombres escuchan a lo largo de su vida e 48 cosas que las mujeres escuchan a lo largo de su vida.


Que significa facer algo como unha nena? Por que se utiliza esa expresión como algo despectivo ou ridiculizante? Usas ti esa expresión ou ouvíchela usar a alguén algún vez? 

Hai anos foi iniciado un blog de micromachismos cotiás por Eldiario.es. Na actualidade o concepto de micromachismo é coñecido por todos e todas. Podedes ver uns vídeos sobre micromachismos e consultar exemplos de micromachismos aquí e aqui.


A seguir tedes tres vídeos de diferentes campañas para concienciar sobre a necesidade de erradicar os comportamentos machistas na sociedade: Vilencia dixitalCambia el trato e Los celos no son excusa.



O concello de Güéjar Sierra (Granada) lanzou unha campaña contra o acaso á muller co título Si fuera al revés, también te asustarías. Aquí podedes ver o vídeo:



Que che parece este vídeo sobre sexismo nas producións de Disney?


A continuación deixámosvos varias charlas e curtas sobre as desigualdades de xénero e a violencia contra a muller: ¿Por qué es importante hablar de feminismo?Xogo de nenosCorazón amoratadoUn día normalConvidados de pedra.








A seguir podes ver o vídeo da canción La otra mitad, de Pilu Verver. Propoñémosche o reto de recoñecer o maior número posible das mulleres que saen no vídeo.



E para rematar algunhas cancións: Ni una más, de Aitana; Concordias de papel, de Sés; Mi hombre, de Nacha Guevara; Salir corriendo, de Amaral; Malo, de Bebé; Hogar, de Pedro Guerra; La puerta violeta, de Rozalén.


 









Tamén podedes consultar e traballar nas vosas aulas diferentes propostas didácticas disponibilizadas por diferentes organismos.


06/11/25

XVI Día da ciencia en galego

En 2001, a UNESCO declarou o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, e a partir de aí, novembro pasou a ser considerado o Mes da Ciencia. A partir de 2018 o profesorado de Galicia comezou a celebrar en novembro o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de amosar o valor da lingua galega como lingua vehicular de todos os aspectos da ciencia.

Este ano foi declarado o Ano internacional das ciencias e tecnoloxías cuánticas e a figura homenaxeada é Albert Einstein. A nivel galego, no XVI Día da ciencia en galego, o científico homenaxeado é Fernando Calvet.

Fernando Calvet foi un químico catalán, catedrático de Química na Universidade de Santiago de Compostela, e primeiro catedrático de Bioquímica na Universidade de Barcelona. O investigador foi represaliado polo franquismo. Tamén podedes coñecer outros científicos científicas represaliados durante a ditadura franquista.

A película Os fillos do sol, narra a vida de Fernando Calvet.


O alumnado de Física e Química de 4º de ESO preparou diferentes cartaces informativos sobre as investigacións desenvolvidas por Albert Einstein e Fernando Calvet e realizaron charlas de divulgación para o alumnado de 2º de ESO sobre a relevancia destes dous investigadores.

Este ano, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impúlsase a celebración do mes de novembro tamén como Mes da ciencia en galego nas bibliotecas. A imaxe da actuación é o científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. Conocido investigador e divulgador científico, cunha longa traxectoria de colaboración coas bibliotecas na difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento. Podedes ler o manifesto redactado por Ángel Carracedo en relación con esta conmemoración.


A asesoría de bibliotecas escolares pon á disposición de todas as bibliotecas escolares e as comunidades educativas recursos dixitais relacionados coa ciencia en galego, que esperamos que sexan do voso interese.

30/10/25

Samaín 2025

Hoxe celebramos o Samaín! e, como todos os anos, ofrecémosvos diferentes actividades nas que vos convidamos a participar. Estas actividades foron preparadas con moito agarimo polos diferentes departamentos e proxectos do centro e o alumnado que forma parte deles: Equipo de Dinamización Lingüística, Club de Ciencia, Departamentos de Agroxardinería, Física e Química, Imaxe persoal, Inglés, Lingua e Literatura Galega, Orientación, Xeografía e Historia, e a Biblioteca. Esperamos que vos gusten!!

Concurso de cabazas e lápidas: Moitas grazas e parabéns ás persoas que preparastes cabazas e lápidas!! Convidamos a toda a comunidade educativa a velas na entrada do instituto, expostas xunto con centros florais preparados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais. O martes faremos a entrega de premios!!




 

Non deixedes de visitar a exposición do Samaín que se atopa no espazo Maruxa Mallo enfronte da biblioteca. 

Alí poderedes ver unha fermosa cortina e diferentes móbiles de follas outonizas, así como coroas e centros florais realizados polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais; unha escolma de refráns de outono e unha exposición adicada ao impacto das supersticións na biodiversidade, preparada polo alumnado de 2º de bacharelato da materia Patrimonio de Galicia; unha carteis elaborados con cúrcuma e bicarbonato na actividade Samaín químico, creados polo Club de ciencia; un receitario do Samaín cunha escolma de pratos típicos destas datas, elaborado polo alumnado de 1º de ESO de Lingua e Literatura Galega e Educación Plástica; unha recreación en plastilina dunha cea familiar de Samaín deixada para as ánimas da casa, realizada polo alumnado de 4º de ESO de proxecto competencial; caveiras creadas polo alumnado de 3º de ESO de Educación plástica; e unha exposición de fondos da biblioteca con obxectos relacionados co Samaín e un xogo de preguntas e respostas que porán a probar canto sabes desta celebración, preparados polo equipo de dinamización lingüística e a biblioteca















O alumnado de FP Básica de Agroxardinería levou a exposición ao eido do centro creando un cemiterio gótico terrorífico:



O alumnado de FP Básica de Peiteado e estética e de 2º de bacharelato de Patrimonio de Galicia organizaron cooperativamente a actividade Samaín de medo! O alumnado de FP Básica de Peiteado caracterizou ao alumnado de Patrimonio de 2º de bacharelato, como podedes ver nas fotos a seguir.











A continuación, o alumnado de Peiteado caracterizou a quen pasou pola biblioteca durante o recreo e o alumnado de Patrimonio desenvolveu diferentes actividades coa rapazada de 1º de ESO.

Todo o alumnado o pasou de medo!!




Agradecemos moitísimo a vosa participación! Fixestes un excelente traballo! Esperamos que teñades desfrutado da experiencia!

24/10/25

Feliz día das bibliotecas 2025!

Día das Bibliotecas celébrase o 24 de outubro desde 1997. Trátase dunha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.

No caso galego, a Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a  Lectura, da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria é o organismo que impulsa esta edición da celebración do Día das Bibliotecas.


"O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.

As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas. 

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio,  lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de actividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 2030 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas debe quedar atrás.

 A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS".  

Información tomada de Bibliotecas Escolares.

Πlleite!

Os equipos de Dinamización Lingüística dos IES Julián Magariños, IES Milladoiro e IES de Ames, convidaron ao alumnado a participar no Πlleite! un concurso Intercentros de desafíos matemáticos en galego, e a resposta foi masiva, con máis de 75 alumnos e alumnas participantes no noso centro.

O alumnado de 1º e 2º de ESO, e 1º e 2º de bacharelato enfrontaranse a un desafío mensual desde outubro ata febreiro, que terá lugar na biblioteca do centro e na aula de música.

As persoas gañadoras nos tres centros competirán na final o día 13 de marzo. 

O primeiro desafío terá lugar no segundo recreo do día 24 de outubro. Moitos ánimos!!!

23/09/25

Día Europeo das Linguas

O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas (DEL). Esta data foi creada Consello de Europa en 2001, como unha iniciativa para poñer en valor o multilingüismo do Consello de Europa, que representa a 800 millóns de cidadáns de 47 países.

Na súa celebración participan numerosas institucións e asociacións con intereses culturais e lingüísticos, así como universidades e centros escolares. 

A celebración do Día europeo das linguas ten os seguintes obxectivos: (1) Preservar e potenciar a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa. (2) Promover a aprendizaxe permanente de linguas tanto no ámbito escolar como fóra del para capacitar profesionalmente coma tamén para a súa aprendizaxe para o lecer. (3) Destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de linguas que se aprenden co obxecto de incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural. (4) Coa ocasión deste día, organízanse unha gran variedade de evento.

No no noso centro existen as materias de lingua galega, castelán, francés, inglés, italiano e portugués; mais o noso alumnado fala moitas máis linguas: catalán, euskaro, armenio, árabe, ucraíno, ruso, entre outras.

Nos días a seguir realizaremos diferentes actividades realacionadas coas linguas organizadas polos departamentos que imparten linguas e a Biblioteca. Ao longo desta semana o alumnado de 1º de ESO realizará carteis con mensaxes escritas nas distintas linguas que coñezan.

No espazo Maruxa Mallo poderedes ver unha mostra das novidades bibliográficas en diferentes idiomas e deixar a mensaxe "Feliz día europeo das linguas!" (ou outra mensaxe que queirades deixar)  nos vosos idiomas ou en idiomas que coñezades. Para iso podedes usar as tarxetiñas que atoparedes na mesa á entrada da biblioteca e os soportes para a colocación das tarxetiñas escritas.

Feliz día das linguas! 

Despedindo o verán

O xardín creado polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais o curso pasado xa floreu, e con algunhas das súas plantas o alumnado de 2º FP Básica de Agroxardinería realizou unha coroa floral para a biblioteca.

A grilanda foi feita sobre base de palla, con hortensias e flores secas e está situada á entrada da biblioteca para que poidades desfrutar dela.

Moitas grazas por este agasallo tan fermoso!

19/09/25

Xa o di o refrán!

O curso pasado (2024-2025), comezamos unha actividade titulada Xa o di o refrán! no que as alumnas da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia realizou unha recollida de refráns relacionados coas distintas estacións do ano usados polas súas familias, ao abeiro do Proxecto Terra e do programa Ponte...nas Ondas!

Cos refráns recollidos, as alumnas realizaron unha exposición por estacións do ano no xardín Norte do eido do centro. Ao rematar o curso antes do comezo do verán, decidiron deixar a exposición dos refráns desta estación para comezos do curso actual 2025-2026.

E como o prometido é débeda, o alumnado deste curso, realizou a súa propia recollida de refráns, que uniron aos recollidos o curso pasado, e expuxeron o conxunto no eido do centro. Deste xeito, foi pechado o ciclo anual e foi establecido un vínculo entre as alumnas do curso pasado e os alumnos e alumnas deste curso a través do traballo cooperativo realizado.

Invitámosvos a visitar a exposición e a engadir os refráns que coñezades e que non estean incluídos no conxunto.



17/09/25

Patio con(vida) VII

Comezamos un novo ano do proxecto Patio con(vida) para mellorar o desenvolvemento ecosocial do eido do centro. Este proxecto enmárcase no Proxecto Terra do Plan Proxecta.

Na nosa primeira saída de exploración polo eido atopamos varias sorpresas. Os días de chuvia de comezo de curso posibilitaron a aparición de diferentes especies de fungos, un deles este fungo típico de zonas de fraga e de finais de verán e comezos de outono. Sabedes como se chama esta especie?



Outro elemento destacado é a cantidade de landras que teñen os carballos (Quercus robur). Sabiades que non todos os anos teñen a mesma cantidade delas? Este é un ano de landras, é dicir, un ano en que os carballos dan máis landras do habitual. Os científicos barallan diferentes hipóteses sobre o motivo de que se produzan estes anos de maior produción. Unha delas é que se deba a condicións meteorolóxicas, asociándoos a temperaturas altas e seca. Sexa como for, o refraneiro galego xa fai referencia a estas situacións como se ve no refrán: Ano de landas, ano de graxas.


E xa comezaron os traballos para retirar a lona do xardín norte. Mirade que ben está quedando!

08/09/25

Feliz curso 2025-2026!

Comezamos un novo curso e unha nova aventura na nosa biblioteca. Dámosvos a benvida e desexámosvos que teñades un curso moi feliz e proveitoso.

Quen xa coñece a biblioteca, verá algúns cambios que foron feitos durante o verán, e que se suman aos feitos o curso pasado.

Quen chega este curso por primeira vez ao noso centro terá unha xornada informativa ao longo desta semana. 

Xa temos os horarios para o alumnado dos primeiros cursos:

1º ESO A: 10 de setembro, de 11:40 a 12:30

1º ESO B: 11 de setembro, de 11:40 a 12:30

1º ESO C: 9 de setembro, de 11:40 a 12:30

1º ESO D: 10 de setembro, de 9:40 a 10:30

1º ESO E: 11 de setembro, de 12:50 a 13:40

1º ESO FPB Agroxardinería e Imaxe persoal: 12 de setembro, de 10:50 a 11:40

1º Ciclo medio Informática: 12 de setembro, de 12:50 a 13:40

Esperamos vervos na biblioteca!

Durante as xornadas de presentación da biblioteca e de formación de novas persoas usuarias vivimos momentos moi bonitos, como o concerto de guitarra improvisado que Hugo, de 1º de Ciclo Medio de Informática ofreceu aos seus compañeiros e compañeiras. Moitas grazas, Hugo.