24/10/25

Feliz día das bibliotecas 2025!

Día das Bibliotecas celébrase o 24 de outubro desde 1997. Trátase dunha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.

No caso galego, a Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a  Lectura, da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria é o organismo que impulsa esta edición da celebración do Día das Bibliotecas.


"O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.

As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas. 

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio,  lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de actividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 2030 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas debe quedar atrás.

 A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS".  

Información tomada de Bibliotecas Escolares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario