A profesora Sabela Cobas, do Departamento de Xeografía e Historia, vén de facer unha estadía dun mes en Porto ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) promovido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
A profesora compartiu a experiencia con outros 19 docentes de diferentes partes de Galicia. Durante a estadía a profesora mellorou o seu coñecemento da lingua e da cultura portuguesa e coñeceu de primeira man o sistema educativo portugués a través da observación e participación en actividades docentes na Escola Básica e Secundaria Clara de Resende, onde foi acollida calidamente pola comunidade educativa e, en particular, polo Departamento de Geografia e História.
Escola Básica e Secundária Clara de Resende, Porto.
Da man da profesora Júlia Braga, Sabela asistiu a aulas das materias de História (8º e 9º ano, equivalentes a 2º e 3º de ESO) e Educacação para a cidadania (9º ano). Coa profesora Isabel Pereira observou a metodoloxía empregada en Geografia (8º ano), e tamén experimentou o ambiente na materia de Lingua portuguesa (11º ano, equivalente a 1º de bacharelato).
A estadía posibilitou igualmente coñecer o funcionamento de varios servizos da escola e comparalos co equivalente no noso instituto. Un dos servizos que Sabela explorou demoradamente foi a biblioteca escolar e mesmo foron establecidos vínculos de colaboración entre as bibliotecas de ambos centros educativos, a través da lectura da banda deseñada Ao som do fado, de Nicolás Barral, que será lida polo alumnado participante no Club de lectura de memoria democrática.
Vista da Biblioteca da escola Clara de Resende.
Decoración de catrinas mexicanas na biblioteca para celebrar Halloween.
A estadía tamén deu para coñecer a cultura portuguesa, o urbanismo e a arquitectura de gran valor patrimonial de Porto, visitar museos, ir ao teatro e ao cinema, visitar bibliotecas, descubrir libros interesantísimos e apañar unha chea de ideas para mellorar a práctica docente de volta no IESP de Ames.
Biblioteca popular de Pedro Ivo, na Praça do Marquês do Pombal.
Biblioteca do Museo Serralves.
Ningún comentario:
Publicar un comentario