O día 2 febreiro celébrase a Candeloria, unha festividade vinculada ao ciclo natural e á tradición agrícola, que posteriormente foi cristianizada.
A Candeloria está conectada coa celebración celta do Imbolc (que é traducida como dentro do ventre, simbolizando a preparación do nacemento da primavera).
É unha das celebracións que se producen nos momentos intermedios entre cada solsticio e equinoccio, neste caso, entre o solsticio de inverno (que marca o crecemento dos días) e o equinoccio de primavera. Celébrase o retorno da luz, coa presencia maior do sol, e a preparación para un novo ciclo de crecemento e colleita, tal e como se plasma en diferentes refráns: Se a candeloria chora, medio inverno vai fóra ou Que chore ou que deixe de chorar medio inverno está por pasar.
O espertar da vida na natureza vese en que comezan a abrir os gromos, a florear algunhas plantas, como os cáncaros, ou emparellárense os paxaros preparándose para a época de cría. Reparastes nalgún destes cambios na vosa contorna? Fixádevos ben e seguro que tamén vós notades eses cambios.
Para celebrar este día o Equipo de Dinamización Lingüística mais o Equipo de biblioteca, incluído o Bibliovoluntariado, propuxémosvos varias actividades nas que estades a participar moitas persoas.
A tradición popular di que o 2 de febreiro é o día en que casan os paxariños, con refráns como A partir da candeloria ningunha ave voa soa ou, Pola Candeloria, casan os paxariños e vaise a galiñola. Coñeces ti algún outro? Pregunta na casa, a ver que che contan!. Por este motivo, Elisa Méndez Puentes, de 4º ESO C e bibliovoluntaria, comparte convosco os seus bonitos e informativos debuxos das aves que censamos no eido do centro desde o curso 2020-2021. A lista vai medrando e xa foron documentadas 37 especies. Podedes ver a exposición no espazo Maruxa Mallo fronte a biblioteca.
As alumnas de Patrimonio de 2º de Bacharelato, fixeron a recolleita de refráns de inverno, entre os que se atopan varios referidos a Candeloria. Podedes velos todos tamén no espazo Maruxa Mallo, antes de que sexan trasladados ao xardín norte do noso centro.
Como nesta data a tradición celebra que comezan a emparellarse as aves e tamén outros animais, e isto tómase como símbolo de amor, propuxémosvos dúas actividades relacionadas co amor pola biblioteca e a lingua galega: Cita a cegas cun libro e Frechazo cun libro.
Coa actividade Cita a cegas cun libro, o bibliovoluntariado quixo facervos un agasallo, mais cun pouco de intriga. Os voluntarios e voluntarias seleccionaron diferentes obras e envolvéronnas en papel de agasallo para que a vosa cita co libro fose a cegas. Para axudarvos a decidir cal coller, escribiron algunhas pistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario