08/05/26

Na Costa da Morte co Proxecto Terra

Un curso máis, o noso instituto participou nunha edición máis do Proxecto Terra, ao abeiro do Plan Proxecta. Como parte da nosa participación, alumnos e alumnas desde 1º de ESO a 2º de bacharelato, así como alumnado de FP Básica continuaron a desenvolver o proxecto Patio con(vida).

Para poñer o ramo ao traballo deste curso, un grupo de alumnado desde 1º ESO a 1º de bacharelato participou no Intercambio territorial á Costa da Morte, organizado polo Proxecto Terra, os días 6 e 7 de maio.

O alumnado desfrutou de dúas xornadas cargadas de apaixoantes actividades e experiencias relacionadas co patrimonio natural e cultural, tanto material como inmaterial.

Queremos mandar un agradecemento moi sincero a todas as persoas que fixeron posible esta experiencia inesquecible: Sheila, encargada de organizar a actividade desde o Proxecto Terra; Evaristo, que nos guiou durante toda a viaxe; Luz e Silvia, que nos acolleron no Albergue Alalá, en Cabana de Bergantiños; Mariví que nos guiou polo Castelo de Vimianzo e nos fixo sentir como auténticos  Antonio e Pablo, que nos achegaron á olería de Buño; e Martín, que nos transmitiu os seus coñecementos como carpinteiro de Ribeira; e tamén Maxi, o condutor, que nos levou e trouxo sans e salvos.

O día 6 de maio pola mañá coemzou coa visita ao Castelo de Vimianzo, onde Mariví nos fixo sentir como auténticos Irmandiños ao berro de "Lume!". A seguir, dirixímonos ao Cabo Vilán, en Camariñas, onde Evaristo nos falou da xeoloxía e vexetación do lugar, da piscifactoría de rodaballos e os parques eólicos, así como dos naufraxios da zona e da substitución do primeiro faro polo segundo, que foi o primeiro faro eléctrico en Galicia!



Pola tarde visitamos o Dolme de Dombate e o Castro de Borneiro. Evaristo explicounos a importancia do dolme de Dombate no contexto dunha zona de grande importancia megalítica e tamén a historia do Castro de Borneiro tanto no pasado como na actualidade.



Na segunda xornada, achegámonos ao Cabo de Santo Hadrián, en Malpica, desde onde tivemos unhas vistas espectaculares das Illas Sisargas e coñecimos as tradicións asociadas á capela de Santo Hadrián.



A seguir visitarmos o Ecomuseo de Buño, onde Antonio e Pablo nos explicaron a historia da famosa olería, nos axudaron a crear as nosas propias pezas cerámicas e nos fixeron unha demostración do uso da roda.



A despedida correu a cargo de Martín, carpinteiro de ribeira, que vén de retirarse, mais xa ten un novo proxecto en marcha: converter o seu asteleiro nun museo para transmitir ás novas xeracións os segredos e o valor patrimonial do seu oficio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario