O día 16 de abril, o alumnado do Club de Ciencia mais o alumnado de Bioloxía de 1º de Bacharelato realizaron un roteiro polo Monumento natural do Dexo, que forma parte da Reserva da Biosfera do Dexo, na Coruña.
A visita foi organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) e realizada por dous membros do centro, Ángel e Jorge.
A rapazada desfrutou da interesante visita e do achegamento ao patrimonio natural e cultural.
O alumnado achegouse á flora e a fauna do lugar, así como á súa xeoloxía, relevo e meteoroloxía. Puideron experimentar a bravura do mar na formación de furnas nos cantís o, ver a veta de seixo branco que dá nome ao lugar, coñecer plantas costeiras como a margarita da costa, o pirixel de mar ou a famosa herba de namorar, ver os primeiros lagartos arnais que xa empezan a asomarse ao sol, tobos de coellos e mesmo unha cría de corvo mariño cristado que nacera esa mesma mañá e que se atopaba protexidiño no niño cos seus pais.
Os elementos de patrimonio cultural que máis chamaron a atención da rapazada foron a Igrexa de Santa María do Dexo, de estilo románico e dotada de abundantes canzorros que o alumnado intentou descifrar, e a batería militar de Seixo Branco, que aínda que nunca foi atacada, servía para defender as costas de posibles ataques durante a Segunda Guerra Mundial.







Ningún comentario:
Publicar un comentario