Durante o curso 2025-2026 continuamos co rexistro da biodiversidade no eido do centro, dentro do noso programa Natureza cotiá, e seguimos atopando novas sorpresas.
Durante este curso veuse interrompido o proceso comezado no curso 2020-2021 de observación das mudanzas nun espazo deixado como pradeira natural porque por erro foi cortada en setembro. Como sempre se poden buscar cousas positivas nos atrancos imprevistos, esta interrupción serviunos para comprobar a hipótese de que iniciado un novo proceso volverían darse as mesmas condicións que se deron en 2020-2021 con abundancia de plantas con flor.
A observación, porén, refutou esta hipótese. As plantas máis abundantes foron as herbáceas (como sucedeu no segundo ano da pradeira natural) e tamén continuaron medrando as silveiras malia teren sido cortadas, mentres que as plantas con flor foron escasas. Así mesmo, continuaron a medrar diferentes árbores da pradeira natural, que non foron cortadas en setembro (un salgueiro, un loureiro e un carballo).
As gramíneas actúan como un refuxio fundamental para os polinizadores. Aínda que o seu pole adoita ser transportado polo vento e non teñen néctar para atraer polinizadores, a súa estrutura densa ofrece lugar de descanso e agocho dos depedradores e protección contra o vento e condicións climáticas extremas. Tamén serve como hábitat de aniñamento para insectos como abellas e bolboretas durante o inverno. As gramíneas autóctonas en combinación con plantas vivaces (de flor) crean ecosistemas mixtos e hábitats complementarios onde as flores achegan néctar e alimento, mentres que as gramíneas garanten o refuxio. A máis diso, actúan como refuxio doutros animais vertebrados e invertebrados.
Durante este curso censamos novas aves: Picapau grande (Dendrocopos major), Anduriña común (Hirundo rústica), Anduriña das Pontes (Cecropis daurica), Andoriña de cu branco (Delichon urbicum), Tordo visgueiro (Turdus viscivorus), Liñaceiro de bico escuro (Linaria cannabina), Picafollas europeo (Phylloscopus collybita), e Folosa políglota (Hyppolais poliglotta). Deste xeito, chegamos a un total de 43 especies desde o curso 2020-2021.
Continuamos coa catalogación da biodiversidade do eido do centro e da charca. O número de especies catalogadas segue en aumentando e xa contamos con 245. Foron censadas as oito novas especies de aves indicadas arriba e sete especies de plantas ventureiras (spergularia rubra, pseudognaphalium luteoalbum, Romulea bulbocoium, Rabelera holostea, Allium triquetrum, Vinca major, Ornithopus compresus). Os resultados das observacións foron publicados en tres aplicacións de ciencia cidadá: I-naturalist, Merlin e Weathercloud.
Continuamos a análise das características biolóxicas e físico-químicas da charca, observando en xeral unha boa calidade da auga, aínda que coa chegada dos meses de calor a charca comezou a dar sinais de eutrofización. Aínda que ao comezo do curso propuxemos eliminar o sobrecrecemento de vexetación da charca, nunha segunda avaliación decidimos agardar ao curso 2025-2026 para facelo, pois polo de agora está controlado e serve de cobixo para a fauna.
Tamén continuamos a observar a fauna que visita a fraga NW coa cámara de detección de movemento (coa que volvemos documentar as mesmas especies que nos cursos anteriores), e a facer o seguimento do proceso de cría de aves coa cámara Green Feathers instalada nunha caixa-niño. Este ano volveu aniñar unha parella de Ferreiro real (Parus major), aínda que unha parella de Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus) tamén estaba interesada en ocupala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario