22/05/25

Club de lectura Paroliñas

Durante este curso continuamos tendo moitos grupos de lectura dentro do Club de lectura Bibliolocus do instuto.

O grupo de lectura para persoas adultas da comunidade educativa xa ten nome! Paroliñas (parolas e liñas, porque parolamos textos). Moitas grazas, María Vilasó, por propoñer o nome. Cada curso estamos con máis ganas de ler, e no curso 2024-2025 fixemos cinco lecturas de xéneros moi variados. Bo traballo! Queremos dar as grazas a todos os autores e autoras que nos acompañaron e a todas as persoas que exerceron de mediadoras nesas xuntanzas. Foi un verdadeiro pracer.

Comezamos co cómic Fago o que podo, de Afra Torrado, que nos acompañou na nosa xuntanza de novembro e nos falou da súa interesante traxectoria na que se combina o fanzine, as redes sociais e, mais recentemente, as publicacións en papel. Afra explicounos o vínculo entre o seu universo dixital e a obra en papel e desvelounos chiscadelas e datos autobiográficos que se atopan na banda deseñada e descubrimos que compartimos moitos dos seus medos, preocupacións e preguntas sobre a vida.

Sofía Jiménez, seguidora de Afra nas redes sociais, foi a encargada de oficiar de anfitroa,e tamén compartiu a súa perspectiva como lectora de Afra nos diferentes formatos.




Para a nosa segunda lectura, cambiamos de xénero e pasamos da banda deseñada aos contos. A obra escollida foi A parte fácil, de Ismael Ramos.

De novo tivemos a sorte de poder contar co autor, nunha xuntanza ás portas das vacacións de inverno. Sofía Jiménez, compañeira de Ismael nos estudos universitarios, e Carlos Negro, compañeiro de profesión, actuaron como mestres de cerimonia.

Ismael falounos da obra, da súa traxectoria profesional, do mundo editorial, e de como a súa obra é recibida por familiares e amigos.



En febreiro chegou a vez do teatro, e lemos Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal. Nesta ocasión contamos coa presencia de Tero Rodríguez, actriz de teatro e integrante de Os Quinquilláns. Tero fíxonos unha proposta que nos encantou; en lugar de seguir o proceso habitual de ler a obra na casa e comentala na xuntanza, propúxonos que fixeramos unha lectura compartida en voz alta da obra. Gustounos tanto e estabamos tan concentrados que ata nos esquecemos de tirar fotos!!

Tras o teatro veu a poesía. Lemos Barroco, de Antía Otero, que se uniu ao grupo e compartiu tempo connosco. E para presentar a Antía, ninguén mellor que Carlos Negro, poeta tamén, que preparou un precioso acróstico sobre a obra da autora.

Antía falounos das conexións entre a súa poesía e a súa vida persoal e formación como historiadora da arte, engaiolándonos coa súa fala e a súa xestualidade, que constitúen outra forma de poesía.




E chegou o final do curso, e tamén o da edición de noso club por este ano, e para rematar escollemos a banda deseñada Os suicidantes, de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero.

Propuxémoslles aos autores que nos acompañasen nun roteiro polos lugares da obra situada en Santiago de Compostela e tivemos a sorte de que aceptasen. No paseo foron explicándonos o proceso creativo a catro mans, revelándonos referencias literarias e artísticas e chiscadelas que aparecen na obra, e sinalándonos os lugares máis significativos da obra, a razón pola que foron escollidos e a transformación que experimentan na banda deseñada.




O vindeiro curso continuaremos con máis lecturas e propostas de actividades asociadas a elas. Moitas grazas por participar e dar vida a este grupo de lectura e vémonos de novo en setembro!

Ningún comentario:

Publicar un comentario