16/05/25

Día das Letras Galegas 2025 adicado ás cantareiras e a poesía popular galega

Como sabedes, a conmemoración do Día das Letras Galegas do ano 2025 está adicado ás cantareiras e a a poesía popular galega. En concreto esta homenaxe personifícase nas pandeireteiras Rosa Casás Rama e Adolfina Casás Rama, de Cerceda;  na pandeireteira Eva Castiñeira, de Muxía; e nas Pandeireteiras de Mens, de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. As pandeireteiras de Mens foron Teresa García Prieto, Prudencia Garrido Ameixenda, Asunción Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar.


Na primeira fotografía pódese ver a Rosa Casás e Adolfina Casás na Vila da Igrexa (Cerceda), na segunda amósase a Eva Castiñeira; e na terceira fotografía, tirada na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, en 1980, pódese ver as pandeireteiras de Mens con Manuel Cajaraville, director da agrupación folclórica Aturuxo da Coruña.

No noso instituto levamos desde setembro desenvolvendo diferentes actividades relacionadas coa temática e as persoas homenaxeadas este curso. Estas actividades foron organizadas pola biblioteca, o equipo de dinamización lingüística, os polos creativos e o proxecto deportivo do centro.

Desde decembro están en marcha o Club de lectura de literatura tradicional, cantigas tradicionais e pandeireta e o Obradoiro de danza tradicional. En ambas actividades participan tanto alumnado como profesorado.


En decembro o alumnado de 4º ESO da materia de Xeografía e Historia realizou unha investigación utilizando a metodoloxía de Historia oral na que recolleron as lembranzas das súas familias en relación ás xuntanzas populares que recibían nomes moi diferentes, tales como foliadas, seráns, fiadeiros, albaroques, etc., e o seu valor como patrimonio inmaterial. 

Co resultado da investigación, os alumnos e alumnas realizaron o seu propio serán, no que non podía faltar a comida, a música e o baile.




O alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Educación Física traballou a danza galega e realizou unha foliada o día 16 de maio no xardín da zona norte do eido do centro, á que se uniron alumnado e profesorado.

No mes de  maio desde o Departamento de Dinamización Lingüística realizaron unha exposición de cantigas recollidas na Maía por Lois Tobío campos. Tamén prepararon unha gincana para a participación do alumnado. Animádevos a participar e aprender divertíndovos. Ademais, os premios son gorentosos!!

O alumnado de Agroxardinería participou na preparación da exposición preparando os adornos vexetais con plantas do eido do centro. 



Tamén podedes visitar a exposición sobre fondos da nosa biblioteca relacionados coas cantareiras e pandeireteiras e a música tradicional galega. Podedes coller os libros que vos interesen en préstamo!




E así como comezamos coa celebración do Día das Letras Galegas deste ano en setembro, moito antes do día propiamente, tampouco iamos parar nada máis ter pasado o día! Seguimos a tocar a pandeireta e a bailar nos recreos dentro do centro e no eido, e o día 23 fomos á Foliada Agora cantamos nós, organizada pola Asociación Ponte...nas ondas!

Esta foliada reuniu a quince centros educativos de infantil, primaria, secundaria e ciclos de Galicia e Portugal, tivo lugar no Parque Eugenio Granell de Santiago de Compostela e nela sucedéronse actuacións dos centros educativos, de persoas portadoras, como Teresa dos Cucos, e de grupos de música, como De Vacas.

Todas as persoas asistentes desfrutaron e celebraron o patrimonio cultural galego e estreitaron lazos de unión e convivencia nun ambiente festivo e emotivo. Agradecemos á Asociación Ponte...nas ondas! a organización desta preciosa foliada e o coidado e atención que teñen sempre para o traballo que se desenvolve desde os centros educativos en relación ao patrimonio e a comunidade educativa que está detrás dese traballo.

O noso instituto quedou representado polo grupo As tres cordas, de 4º ESO C (formado por Elisa Méndez, Héctor Méndez, Lucía González, Pablo Martín, Víctor Álvarez e Zoe Glasscock) que nos agasallaron con tres pezas: O Pico, de Riobó; Muiñeira do Verdellinho, de Os d'Abaixo, e Se chove, de Treixadura. Dámoslles os parabéns pola súa formidable actuación!



E continuamos coa festa, o día 2 de xuño, os alumnos e alumnas de 3º de ESO recibiron na nosa biblioteca á escritora Eva Mejuto acompañada da cantareira Maite. Eva falounos do seu libro Sei cantar e sei bailar, e a través del das cantareiras e pandereiteiras homenaxeadas este ano das Letras galegas e da tradición oral. Maite cantounos varias cantigas (de traballo, de camiño, de amor, de arrolo) e xunto con Eva invitou ao alumnado a bailar ao ritmo de culleres e pandeireta.

Os alumnos e alumnas de Agroxardinería prepararon un agasallo floral para Eva e Maite, como agradecemento pola súa emotiva e entretida charla. Tamén lles foi entregada unha bolsa e postais conmemorativas das cantareiras deseñadas polo equipo de dinamización lingüística e realizadas en Polos creativos, e marcapáxinas da biblioteca e do proxecto Patio con(vida).








E para poñer o ramo a este ano de celebracións, o día 6 de xuño contamos coa presencia de Montse Rivera, integrante do grupo Leilía, que veu realizar un obradoiro sobre traxes tradicionais galegos co alumnado de 4º de ESO.

Carlos Negro actuou como mestre de cerimonias e presentou a Montse Rivera, resumindo a súa traxectoria e a súa contribución á cultura galega.


Montse falou sobre a diversidade de traxes tradicionais galegos situándoos no seu contexto histórico e social, e foi alternando as explicacións con cantigas relacionadas coa roupa e as actividades desenvolvidas á volta dela.


Para amosar os diferentes traxes, Montse pediu a colaboración de alumnos e profesores que actuaron como modelos.

Elisa e Dylan actuaron en representación do alumnado, cos nomes de Maruxa e Antón; Mónica e Carlos fixeron o propio en representación do profesorado, baixo os alcumes de Carmela e Xian. A parella representante do alumnado foi vestida con traxes de gala, mentres que a parella de docentes foi vestida con roupa de traballo.

Nestas fotografías podedes ver o guapas e guapos que estaban:


Ao rematar o obradoiro, en sinal de agradecemento, entregámoslle a Montse unha planta preparada polo alumnado de Agroxardinería e arranxos florais, así como unha bolsa e postais conmemorativas das cantareiras deseñadas polo equipo de dinamización lingüística e realizadas en polos creativos, e marcapáxinas da biblioteca e do proxecto Patio con(vida).

Ademais, Montse Rivera e Leilía foron elixidas para inaugurar o que agardamos que se convirta nunha tradición do centro, consistente en homenaxear a unha persoa ou grupo ao ano en relación co Día das Letras Galegas correspondente.

Montse Rivera e Leilía son as homenaxeadas neste ano das Letras Galegas adicado á tradición oral e as cantareiras, pola súa contribución ao longo de trinta anos, e os que quedan por vir, ao coñecemento, salvagarda e divulgación da tradición oral e as cantigas populares, e por inspirar tanto ás seguintes xeracións de artistas como á cidadanía en xeral a converter a pandeireta e a tradición oral en parte da súa vida e creación artística. 

Das árbores do eido do noso centro, o freixo pareceunos a escolla máis aquelada para a ocasión, pois da súa madeira fanse exclentes pandeiretas, instrumento co que sempre asociaremos no noso imaxinario a Leilía. Moitas grazas Leilía por serdes raíz ceiba e moitos parabéns!

Non deixedes de visitar no espazo exterior da biblioteca unha exposición que fai unha semblanza do grupo Leilía.




Tamén podedes desfrutar de actividades creadas por diferentes organismos culturais galegos. A Real Academia Galega xa ten dispoñible na páxina web de Primavera das Letras o texto teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), a achega de Paula Carballeira, así como as primeiras actividades interactivas, fichas para colorear e os deseños das chapas e marcapáxinas das cantareiras que creou a ilustradora. 

Amais diso, tedes ao voso dispor á serie creada pola Real Academia Galega, Se canto é porque quero, adicada ás pandeireteiras e cantareiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario