25/05/23

Visita do alumnado de infantil do CEIP A Mahía

O xoves, 25 de maio, tivemos unha agradable sorpresa, pois viñeron visitarnos os nenos e nenas de infantil de 4 anos, do CEIP A Mahía, xunto coa profesora Sandra e a directora do centro, Isabel.

Os peques fixeron un percorrido polo eido do centro para coñecer todas as accións que estamos levando a cabo ao abeiro do proxecto Patio con(vida) do Proxecto Terra, e ao que parece gustoulles o resultado.

Os cativos e cativas comezaron inspeccionando detidamente a exposición sobre as plantas da contorna e do eido do centro, e examinaron, literalmente con lupa, o traballo feito.

Tamén deron o seu visto bo á arquitectura viva, que decontado renomearon como a cabana. Xogaron ao lobo e sentaron para gozar da sombra e atender as explicacións das profesoras. Opinaron que era un lugar ideal para que alguén lles lese un conto, así que xa temos nova proposta de actividade para o futuro.

Encantoulles o raposiño do mural de pintura fotocatalítica e aledáronse de saber que a pintura absorbía a contaminación, que xa saben o que é. Para rematar, quixeron ver onde estaban as caixas-niño, o comedoiro e a charca da vida (como eles a nomearon), e tamén saber onde se agochaba a cámara que permitía gravar gatos, ourizos e raposos e moitos outros animais. 


Moitas grazas pola visita e agardamos vervos de novo axiña!

Ningún comentario:

Publicar un comentario