24/05/23

Naturalixo no paseo fluvial de Bertamiráns

Os alumnos e alumnas de 1º de ESO A, 2º de ESO G e 4º de ESO E das materias de Cultura científica, Matemáticas e Xeografía e Historia realizaron unha recollida de lixo no paseo fluvial de Bertamiráns e unha posterior análise dese lixo.

Esta actividade foi levada a cabo dentro do programa Basuraleza, de Aulas Libera e a SEO, e no proceso os alumnos e alumnas foron guiados polos educadores medioambientias Elia e Manu.

A actividade comezou cunha charla de Elia no eido do instituto, na que informou ao alumnado do contexto da actividade, o proceso que ían seguir e a importancia desta actividade para a sostibilidade medioambiental. A seguir o grupo desprazouse ata o paseo fluvial para levar a cabo a actividade.

No paseo fluvial, a  rapazada recolleu o lixo que observou na zona de traballo e posteriormente realizou o seu reconto. 

Para realizar o reconto, o alumnado baleirou o lixo recollido en dúas moreas sobre unha superficie de plástico e, organizado en dous grupos, foi contando as unidades dos diferentes tipos de lixo (envases de plástico, envase de cristal, latas, tecido, cartóns, papel, cabichas, elementos de metal, etc.) e colocándoos nas bolsas correspondentes (bolsas azuis para o papel e cartón, bolsas amarelas para os envases de plástico e metal, bolsas verdes para o vidrio, e bolsas negras para outros elementos). Para finalizar, os alumnos e alumnas pesaron o lixo das diferentes bolsas. 

Os datos obtidos da análise do lixo foron subidos a unha aplicación de Aulas libera para que poidan ser consultados tanto pola cidadanía como polos investigadores, contribuíndo así á ciencia cidadá.

Dámoslles moitos parabéns ao grupo pola súa contribución a que o paseo fluvial estea máis limpo e por esforzarse por conseguir un mundo máis sostible!

Ningún comentario:

Publicar un comentario