27/05/23

Unha imaxe vale máis con 250 palabras III

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO A e B e 4º de ESO A e B participaron por terceiro ano consecutivo na actividade Unha imaxe vale máis con 250 palabras que se realiza ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial do Plan ProxectaRedes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos, do PFPP do centro, e VI certame Imaxes do patrimonio, organizado pola Asociación Ponte...nas ondas!

Para esta actividade, o alumnado, coa axuda imprescindible das súas familias, seleccionaron unha fotografía familiar e explicaron en 250 palabras o seu significado. Deste xeito o alumnado e as familias contribuiron ao coñecemento da historia familia no contexto da historia global e tamén ao coñecemento, difusión e conservación non só do patrimonio material representado polas fotografías, senón tamén do patrimonio inmaterial, e aínda máis fráxil, constituido pola historia que explica e dá un valor adicional ás fotografías. 

Moitas grazas e moitos parabéns ao alumnado e as familias por contibuir á conservación da historia e o patrimonio colectivo!

Deixámosvos a seguir algúns exemplos. Se queredes coñecer máis historias podedes facelo no Museo Virtual KaleidoScapes.

Esta imaxe foi tomada o segundo domingo de setembro de 1961 na carballeira que está ao lado da capela de Santa Cristina de Fecha, en Santiago de Compostela. No reverso da fotogrfía pon Foto “Esteirán”, carrete nº 44, foto nº 8, Santiago de Compostela, para facilitar a súa localización.

Nesta imaxe pódese ver a miña familia materna gozando dun día de festa, falando entre eles antes do retorno dun parente á Arxentina. A fotografía foi tomada logo de comer na carballeira de Belén onde se celebraba a romaría da Nosa Señora de Belén. Estas festas eran importantes, xa que, logo dos traballos duros do verán, era cando se reunía familia para festexar e mesmo para se xuntar con familiares que estaban na emigración.

A xente que ía de festa adoitaba ir ben vestida, primeiro oía a misa, despois xuntábase a comer coa súa familia na carballeira e ao serán marchaba para o baile. 

Antigamente este tipo de fotos eran frecuentes. Coma as fotografías eran caras e non había cámaras domésticas aparecía un fotógrafo que ofrecía os seus servizos. Airas Xuncal Martínez (3º ESO A).

Nesta fotografía podemos ver o meu bisavó no centro cun sorriso de felicidade, mais para chegar ata aquí foi necesario moito traballo e esforzo. A súa historia reflexa a de moitos galegos que buscaron saír da aldea.

Alfonso Penela, era do Ribeiro, situado na Galiza interior e coma moitos outros ourensáns marchou do rural en busca dun futuro mellor, xa que nesa época, vivir na aldea supoñía, no mellor dos casos, producir o suficiente para subsistir.

El emigrou a Cuba moi novo, onde conseguiu algo de diñeiro. En vez de quedar aló, volveu a Galiza, en concreto a Vigo, que era a cidade en maior expansión e onde tiña pensado montar un negocio.
Construíu dende cero unha hospedaxe que incluía tres plantas e unha taberna no baixo, que é onde foi tomada a fotografía xunto coa súa familia. Os produtos que ofrecía na taberna, como viño ou xamón eran todos da contorna, xa ben foran cultivados nas súas leiras ou comprados aos veciños.

Na imaxe, podemos observar nos barrís de viño o nome que tiña o seu negocio: "Hospedaxe Penela". Este era próspero e non lle ía nada mal.

Alfonso tiña pensado ampliar o negocio, mais estaba moi preto da estación de ferrocarril e planeaban facer obras de expansión, polo que non lle permitiron edificar máis.

Pese a todo, non se rendeu e pensou en levalo a un lugar onde podería acadar moito máis. Desafortunadamente morreu entrados os cincuenta anos e non puido rematar o seu proxecto. Bento Lorenzo Faraldo (4º ESO A).

Esta fotografía foi realizada no ano 1960 en Cruxeiras, unha aldea da parroquia de Santo Tomé de Ames. 

Naquela época un fotógrafo viña polas casas, ofrecendo a posibilidade de realizar unha foto familiar. Na casa decidiuse realizar a fotografía aproveitando que toda a familia estaba reunida, posto que meu avó viñera esa día do cuartel.

Na fotografía aparecen familiares por vía paterna: o meu bisavó David e a miña bisavoa Nieves, o meu tío bisavó José, meu avó Severino, as irmás do meu avó, miña tía av Pura e a miña tía avoa Nieves, e a cuñada do meu avó, a miña tía avoa Regina. Tamén saen os sobriños de meu avó: Carmen, David, Ana, Andrés e Pepiño. Mauro Rey Viaño.


This picture was taken on 1957 at the old fire station of Santiago de Compostela, nowadays it is located in the Rúa do Cruceiro da Coruña in front of the Praza de Salgueiriños.

In the photograph appears my great grandfather, José Lorenzo García, or Pepe, as we used to call him, the firefighters of Santiago’s fire station and the chief firefighter. My great grandfather is the man standing in the middle of the picture.

This photo probably was taken on the 8th of March, that's the day of the patron saint of firefighters, San Juan de Dios, in Spain. In this day, all the firefighters of Santiago de Compostela went to the fire station, they took photos, had a meal together and then, they were going to ride around Santiago de Compostela in the fire truck.

Sometimes, when Pepe finished his work, he used to go to La Tita, a bar in the old town of Santiago, and he used to help in the kitchen washing dishes and glasses. Nicolás Collazo Santamaría (4º ESO A).


This photograph was taken in the 1936, a month before Spanish Civil War, in Asturias where my great-grandfather, born in Tapia, Ames, was sent to do the compulsory military service (MILI). My great-granfather is the fourth person standing at the back from the left. He passed away in 2006.

The photograph was taken by''Fotografía Estevan'' when the group of young men started their compulsory military service time.

They didn't expect to be fighting in the 36' Civil War only a couple weeks after starting their service, and my great-grandfather was part of those innocent boys who considered themselves unbeatable until that event. He fought in the fascist side,  against his will, like a lot of people.

He was sent to the battlefield only with very little military training, and with the mission of bringing support to the trenchs. Probably he got tired and faced death everyday, but he finally managed to come home ''safe and sound''. 

As my great-grandfather told my grandfather remembering the past: "Bullets were grazing my head. A lot of men were shouting, and I only could run, trying to hide behind every rock, hole or wall, just to get my work done". 

He had two more siblings, one older and one younger. The older brother didn't go to war; he fortunately, stayed home taking care of their parents; the younger, as many others, died in the battlefield. Adrián Boullón López (4º ESO A).


Na fotografía aparecen os meus bisavós maternos, Segundo e Aurora, no porto de Vigo despois de despedir a Nieves, irmá da miña bisavoa e tía bisavoa miña, cos seus dous fillos xemelgos, que marchaban cara a Arxentina para reencontrarse co seu marido e pai dos seus fillos que estaba emigrado alí. A despedida resultou moi dura, xa que fora a miña bisavoa quen criara os sobriños ata daquela, cando tiñan catro anos.

A decisión de marcharen de Serra de Outes, que era onde naceran e vivían, debeuse a que ao meu tataravó e a Nieves lles chegara unha carta dun amigo da familia que estaba en Arxentina, ao igual que o marido de Nieves. Nela informaba de que o marido de Nieves estaba con outra muller coa que pretendía casar. Se isto acontecía, nunca ía voltar para casa nin mandar cartos para manter á familia en Outes, ademais de que Nieves quedaría con fillos pero sen marido. Debido a isto, por consello do pai, Nieves e os seus fillos tiveron que marchar para Arxentina.

Antes de embarcar non puideron sacar ningunha fotografía todos xuntos, así que como recordo dese día só teñen esta, que lle pediron a un dos fotógrafos do porto, deles co barco no que xa subiran Nieves e os fillos de fondo. 

Aurora ten na man a pandeireta dun dos nenos, que lle deixou de recordo porque se tiñan moito agarimo. Á miña bisavoa dáballe moita pena ver esta foto porque nunca volveu ver os seus sobriños, aínda que sempre mantiveron contacto por carta. Pola tristeza que lle deu despedir á familia, nunca máis quixo ir a Vigo. Nin sequera foi cando o seu marido tamén emigrou.

A neta de Nieves e a miña nai continúan en contacto na actualidade. Mariña Formoso Pérez (4º ESO B)


María Claudina, a miña bisavoa, naceu en agosto do 1917, nunha humilde casa de labradores, en Bertamiráns, municipio de Ames, provincia da Coruña. Desde ben pequena foi moi traballadora. Xa a idade de seis anos comezou a levar ás vacas e sachar na horta, ensinada polo seu avó.

Aínda que naquela época predominaba a discriminación e era estraño que a muller traballara, Claudina foi peón de estrada, axudou a construír os camiños de Noia e Negreira, e aínda que non era modista, pedíronlle que cosera camisas para os soldados do bando nacional nos comezos da guerra civil, e así o fixo.

Con vinte anos, casou cun xastre e tiveron unha filla. Porén, durante o seu embarazo, o seu marido marchou a Cuba, deixando só a esperanza da súa volta, algo que non sucedeu ata trinta anos máis tarde.

Claudina estivo un ano no cárcere, pois ao estar soa na casa, mercou unha pistola, que escondía no hórreo, para disparar ao aire no caso de roubo, debido á escaseza causada pola guerra.

Claudina traballou como xornaleira, cociñeira e coidadora de nenos, todo para criar á súa filla, que anos máis tarde tería descendentes. Desgraciadamente, esta morreu cando Claudina tiña 89 anos.

Nesta fotografía pódese ver a esporádica ledicia tras unha vida chea de sufrimento e de traballo, sosténdome a min, a súa bisneta, a quen chegaría a coñecer moito, pois tan só cinco anos despois, abandonou este mundo para entregarse ao descanso eterno. María Freire Buján (4º ESO B)


Ningún comentario:

Publicar un comentario