Os días 20 e 24 de marzo os alumnos e alumnas de 4º de ESO das materias de Física e Química e Cultura científica, participaron nunha actividade organizada polo Departamento de Física e Química, consistente na visita ao Parque eólico experimental Sotavento, en Xermade (Lugo).
A seguir deixamos que os propios alumnos e alumnas vos conten como foi a experiencia:
O pasado luns, 20 de marzo, o alumnado de 4º ESO A e B visitamos o Parque Eólico Experimental Sotavento, situado en Xermade na provincia de Lugo.
Aínda que foi unha viaxe bastante longa, non faltaron os xogos e as risas. Ademais, ao chegar, recibíronnos cunha fugaz charla sobre as fontes de enerxía empregadas en España seguida dunha degustación de chocolate quente feito cunha cociña solar de concentración (o concentrador parabólico dirixe os raios de sol cara un punto onde se coloca a pota, de cor negra para favorecer a absorción da calor).
Despois, dividíronnos en grupos e o monitor amosounos unha casa bioclimática e algunhas formas de aforrar enerxía como, o uso do chan radiante e a disposición das distintas estancias segundo o Sol. Tamén vimos as placas solares e como funcionan; para finalizar vimos por dentro a torre dun aeroxenerador e explicounos como evolucionaron ao longo da historia.
Rematou a visita e gozamos da comida cunhas vistas espectaculares. Collemos de novo o autobús e paramos en Betanzos antes de chegar de novo ao instituto a media tarde.
Para min foi unha excursión interesante na que aprendín moitos novos conceptos, e dende logo, a viaxe pagou a pena!
María Freire Buján 4º ESO B
Os alumnos e alumnas asisten á charla sobre enerxías renovables en España:
Ningún comentario:
Publicar un comentario