17/05/22

Creación dunha zona de exposición ao aire libre

O día 18 de maio celébrase o Día Internacional dos Museos. Coincidindo con esa data, inauguramos unha zona de exposición ao aire libre no xardín do NL.

Este espazo de exposición creouse como parte da dinamización do eido do centro que se está a facer no proxecto Patio con(vida) ao abeiro do Proxecto Terra do Plan Proxecta e do PFPP do centro A cultura da sostibilidade IV.

Esta zona de exposición, á que agarimosamente chamamos o tendal, permite compartir coa comunidade educativa no eido do centro traballos que realizan os alumnos e alumnas. Ao situarse preto do portal de entrada tamén favorece que os familiares poidan acceder a esas exposicións. O obxectivo é crear un novo espazo público común. Esperamos que vos guste!

A primeira exposición que presentaremos titúlase Gadoupas solidarias. Está realizada polo alumnado de 1º ESO D en colaboración co Refuxio de Bando. A través desta exposición preténdese concienciar á comunidade educativa da enorme cantidades de cans e gatos abandonados que precisan un fogar, e tender vínculos de colaboración no coidado e mesmo adopción de cans e gatos recollidos polo refuxio e que están á procura dun fogar.


O mércores, 25 de maio, recibimos a visita de Olalla, presidenta do Refuxio de Bande, que deu unha charla sobre o labor realizado polo refuxio. Os alumnos e alumnas fixeron entrega das doazóns recadadas no instituto para contribuír á atención dos cans e gatos do refuxio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario