09/02/22

Arquitectura viva I

Os alumnos e alumnas de 1º de ESO C, D e G están traballando nun proxecto de creación dunha aula da natureza no SL do eido do centro. Este proxecto realízase ao abeiro da iniciativa Patio con(vida) que estamos a levar a cabo dentro do ProxectoTerra do Plan Proxecta e do PFPP A cultura da sostibilidade, e desde as materias de Educación Física, Matemáticas e Paisaxe e sostibilidade.

O proxecto consiste en construír un espacio con vimbios vivos, de xeito que no inverno a estrutura creada cos vimbios estará sen follas e permitirá a entrada dos raios do sol e a calor, mentres que na primavera e verán irase cubrindo de follas creando un espazo fresco e de sombra.

Este proxecto estase desenvolvendo coa colaboración e guía dos arquitectos do Sistema Lupo. O primeiro paso levámolo a cabo o 28 de xaneiro, e consistiu na realización de tres maquetas correspondentes a tres posibles formas para a aula de natureza. Esta actividade estivo dirixida pola arquitecta Patricia.

A forma elixida foi a de semiesfera que tedes na foto a seguir. As outras fotos ilustran o proceso do traballo inicial realizado polos alumnos e alumnas de 1º ESO G.

Agora queda facer o replanteo da estrutura desde a maqueta á realidade, a poda dos vimbios e a construción da estrutura coa axuda de novo do Sistema Lupo. 

Seguirémosvos informando conforme vaiamos avanzando co noso traballo. 

Esperamos que vos guste a idea e que vos animedes a participar tanto na construción como no seu mantemento e uso ao longo do tempo!












Ningún comentario:

Publicar un comentario